Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Armando Requeixo, un cunqueirán de prol

Hai poucas semanas, na libraría Couceiro, que ten o seu señorío na praza de Cervantes compostelá, tivo lugar un deses encontros máxicos onde lectores, admiradores, poetas, mestres, artistas varios...fomos partícipes dunha cunqueirá xuntanza, grazas ao profesor e crítico literario, Armando Requeixo. Cando un catedrático de Ensino Secundario, profesor na USC, investigador e crítico literario fai unha escolla dun Grande, como Cunqueiro, deixa ese aroma saboroso do traballo ben feito, como cando recende a café. A edición coidada da Ed. Galaxia arroupa estes artigos do primixenio Cunqueiro, no que xa apuntan todos os seus universos.

É unha sorte que teñamos investigadores ávidos para rescatar dos arquivos, nun traballo de consulta amanuense, sen fondos dixitalizados, as fungallas perdidas dos nosos grandes. Como se se tratase dunha exhumación. Por fungallas non debemos entender obras menores, senón metáforas que reivindican ser pensadas polas xeracións posteriores en igualdade de dereitos, porque son fillas da mesma man. Se son fungallas, sono polo xénero articulista, polo soporte no que foron pousadas, El Pueblo Gallego, que ten o que todos os xornais: a inmediatez, o efémero artigo, suxeito, como non,á vida comercial do propio soporte.

“Álvaro Cunqueiro. O mundo e outras vésperas. Colaboracións en El Pueblo Gallego (1932-1936)” é o traballo de recompilación dos primeiros artigos, nunha das cabeceiras con máis tirada na Galicia da II República. Aquí é onde dá os primeiros pasos un dos máis grandes das nosas letras. Segundo os editores, Cunqueiro é o galego que máis se leva traducido a outras linguas, lectores e literaturas;o cal nos dá unha mostra real da súa universalidade. A calidade deste primeiro Cunqueiro queda patente cando o propio xornal, en palabras de Armando, anticipaba en portada o seguinte artigo do mindoniense.

Artigos de xorne sociopolítico, de crítica literaria, de ficción, crítica a outros autores noutros soportes artísticos: plásticos, escultóricos... autores estranxeiros, poemas propios... constitúen o traballo de recompilación de Armando, publicado neste xornal vigués baixo trece rótulos ou epígrafes (O mundo i outra vésperas / Notas do vagar / Divagacións de vran...) e todo iso, no abano dun lustro que abrirá as portas da guerra civil.

Ten Armando, como crítico literario, moito de Cunqueiro. Non só comparten a patria moza de nacemento, senón que, neste mundo tan afeito á crítica destrutiva, resulta máis agradable ler a quen sabe loar as virtudes. A gabanza razoada é mérito suficiente sen ter que recorrer ao vituperio persoal. Cunqueiro nunca tivo unha mala palabra na súa obra. Caracterizouse por eloxiar as virtudes nas críticas a outros artistas pasados e contemporáneos seus. Non se gañou inimigos literarios, simplemente, porque non estaba no seu ADN ou espírito, segundo se prefira. Digo isto, porque para Quintiliano, quen tiña por modelo a Cicerón (e nisto non podo estar máis de acordo), dos tres xéneros oratorios: o demostrativo, o deliberativo e o xudicial, a loanza e o vituperio poden estar en calquera dos tres. “entre eles, non hai algún polo que non loemos, vituperemos, aconsellemos, disuadamos, abracemos ou refuguemos algunha cousa” (Inst. Oratorias, lib.III, c. IV). De feito, cando entramos nun dos xéneros, como o demostrativo, atopámonos exemplos de loas e vituperios a persoas, cidades, deuses, rexións, pobos, institucións...

As críticas de Cunqueiro son tan sinceras como persoais: “o millor Castelao é o dos dous libros de «Cousas». «Os dous de sempre» o que ten de bo, de escelente si queredes, son as “cousas” que nil hai (...) En Retrincos hai seis grabados en madeira de Carlos Maside. Son bos grabados, estraordinariamente bos (...) Non vin ren millor de ningún dibuxante galego”. Exentas de superioridade son unha gabanza das virtudes e non unha exposición dos defectos. Poida que se deba a que, “o que houbo sempre en Mondoñedo é unha propensión á pantasía”. Como vai falar un mal de “Xan Moletas, que aprendeu a ler nun día, i o Licho, que sacaba moas sin delor...” Por iso, quen siga a Armando no seu labor de crítico literario saberá ben do que falo.

Se só me estivera permitido escoller aos dous máis grandes das letras galegas, deixaría para a poesía a Manuel Antonio e para todo o demais a Álvaro Cunqueiro. Mais, porén, acostúmase a falar de dous Cunqueiros, o republicano e o Cunqueiro do Réxime. Agardo con impaciencia un estudo aséptico sobre este particular e formulo aquí unha petición aberta para que recolla a luvao propio Armando Requeixo. Nestes artigos de xuventude ligados á xeración Nós e ao Partido Galeguista,percibe o mindoniense a polarización da sociedade nuns termos tan diáfanos como elocuentes, facendo súas as palabras de Alexandre Arnoux: “a xente anda a ser dunha soia peza, dereitos todos coma fusos, sen fírgoa nen fenda (...) Un dogmatismo hipócrita nos apreta; dogmatismo capitalista ou soviético, de dereita ou de esquerda, relixioso ou ateo, fascista ou marxista, liberal ou autoritario. Intenta, si ti eres escultor e crente, tallar no pórtico dunha eirexa a figura dun monxe godallo e libertiño, e si eres comunista, aventura unha broma sober Lenin ou chámalle Pepe a Stalin; recibirante coa pauliña nun lado i-a pontapés noutro”.Unha polarización da que non está exenta Galicia, porque expresa un desexo máis que unha vontade real, como coñecedor da politización da sociedade que estoupa no 36: “provoquemos – para os días que veñen – unha a xeito de Unión ou Solidaridade dos galegos. Esquenzamos as cousas que poideran arredarnos, suprimamos isas cousas e probremas que comenzan onde se escribe «dereitas» e «ezquerdas». Eu diría que isto de «dereitas» e «ezquerdas» é un pouco incivil ou incivil de todo. I-o que é, dende logo, é anti-patriótico. Coincidamos todos en que hai que galeguizar Galiza e si o Estatuto non vai a ser un instrumento de galeguización, o día 28 teremos votado todos en balde”.

Confeso que non son quen para xulgar a ninguén e menos, a alguén que viviu noutra época. Quédome con todos os Cunqueiros e,particularmente, dentro desta escolla editada polo prezado, Armando Requeixo, co que explica os alcumes e adeallos dos de Vilanova de Lourenzá, os do Valadouro e os de Mondoñedo: “oxe á mañá fun a Vilanova de Lourenzá...” Quédome co Cunqueiro que conta as cousas coa fantasía dun neno: “fóstedes ao campo da Feira? Viñeron os hungrianos – húngaros – . É a lengua máis difícil que hai a que iles falan. Pra falala hai que abrir a boca coma un furco”. Quédome co Cunqueiro contador de historias, como a dos frades de Meira, que tiñan que vixiar por quendas a cerdeira que só tiña unha cereixa e o frade máis vello moneou “aloumiñado polo soliciño levián e máispola priguiza da dixestión”. E cando o abade ordenou buscar ao paxaro, os frades ían preguntando aos labregos: “viron pasar un paxaro? - E vimos – lles responderon. - Ía cara Piñeiro. – El levaba unha cereixa no peteiro? – E levaba. – Dixeron os peisáns. (...) e chegaron a Ríotorto i-en todas partes os peisáns viran pasar ao condanado do paxaro coa cereixa no peteiro. E por Vilameá pasaron a Vilaoudriz e por Asturias se meteron. Chegaron os bos dos freires a Navia (...) i un freiriño preguntou: el viron pasar un paxaro? – E vímosle, dixeron os asturiáns. – El levaba unha cereixa no peteiro? Tornaron a preguntar os freires. E contestaron os asturiáns: paxarolo vímosle, pro cereja non llevaba! Olláronse os freires, consideraron a disgracia, e diz que se dixeron: e papouna!. Tristes tornaron pra o mosteiro”.

Dise que cada un é fillo do seu tempo, pero só algúns como Cunqueiro poden ser fillos de todos os tempos. Grazas! Armando, por esta achega que estaba adormecida, dun dos grandes da nosa lingua.

09 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito