Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O avance das pombas

Hoxe é imposible sentarse nunha terraza santiaguesa sen ser asediado por unha bandada de aves que case che quitan a comida da man. Na famosa película de Hitchcock tratábase dun trastorno transitorio dos paxaros, agora é unha cousa que ocorre todos os días. Tamén nas praias, coas anduriñas que nos queren roubar a merenda. Que pasou para que o consideremos normal? A nova normalidade alcanza tamén ás pombas, que se cadra pasaron fame nos parque baleiros da pasada pandemia?

Seguro que a masificación das cidades, e o conseguinte aumento no nivel do consumo e lixo, explica algo desta invasión. Ás veces os pobres siguen aos ricos. O campo baléirase, pois ninguén quere suar a soas. Por contra, as cidades énchensen: todo nelas é precario, pero polo menos hai ambiente. Parece normal que os animais, mesmo os xavarins, atopen un modo doado de alimento recollendo os nosos restos acumulados, que nin miramos. Pero nas mesas non son restos, é a nosa comida. Neste caso, sen oliveira no pico, o antigo símbolo da paz protagoniza unha loita de guerrillas que ameaza a pequena calma das tardes cos amigos.

O peor de todo é que a propia dozura animal estea ameazada por esta neurosis dos mimos, dun sorrinte maltrato mutuo. Un labrego coidaba animais para traballar, cazar ou alimentarse. Imaxínanse naquel caso un abuso semellante a este das terrazas? No campo podía tamén haber cariño, proximidade co animal, convivencia e comida compartida. Pero os bichos tiñan seu sitio quente e coidado, seguindo a sombra de mulleres e homes. Agora nós, pacifistas e ecolóxicos, parecemos convertidos en mascotas das nosas mascotas.

Non sen que antes, hai que dicilo, degrademos ao animal á condición patética de monicreque. No fondo do noso animalismo pode aniñar o intento perverso de rebaixar ao animal para que se faga tan mandado e dependente coma nós.

É como se a cidadanía masiva das urbes, domesticada polas novas tecnoloxías, quixera este efecto de rebote, compartindo cos animais un mesmo parque temático onde ninguén é primitivo. Pero acaso esta feliz comunidade e outra ficción social, mentres os animais conspiran.

Cando unha especie retrocede, outra ocupa seu eido. Os homes síntense culpables do seu pasado violento. Os animais domésticos sabeno, e por iso abusan. Son coma nenos mimados, desbordando todos os límites e sen estar nunca satisfeitos.

Os occidentais deprímense, os animais avanzan. Tamén adiantan as culturas exteriores. O “transhumanismo” desta humanidade satisfeita, algo catatónica na inmediatez grazas ás conexións de silicio, correspóndese cun transanimalismo? Estes bichos finxen domesticidade. No fondo do seu instinto, saben que teñen gañada a partida.

As pombas arriban por deceas ás terrazas en Santiago como os inmigrantes desembarcan esgotados nas nosas costas. Ao recibilos, aínda que sexa con guantes e máscaras, sentímonos opulentos membros dunha clase media aspiracional. O sexa, habitantes do chamado primeiro mundo. Por este orgullo escondido somos tan pacíficos, tan permisivos?

26 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito