Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Castro de Santa Lucía

En Galicia, o país de cultura castrexa por excelencia, hai preto de 3.000 castros catalogados, aínda que a meirande parte están practicamente abandonados, arrodeados ou tapados pola maleza, e moi poucos escavados na súa totalidade. Esta cultura abarca entre o século IX a. de C. ata o III d. de C. A presenza das tribos celtas nas terras galaicas vai dar orixe, en función coa poboación autóctona, a todo unha bagaxe cultural de grande calado. As poboacións primitivas souberon intercambiar aspectos culturais coa civilización céltica e o resultado desa fusión foi a conformación da idiosincrasia galega, conxuntamente coa aportación das demais culturas características dos pobos asentados en Galicia. Actualmente a historiografía sinala que máis que suplantar as características xenuínas da poboación autóctona, levouse a cabo unha integración coa cultura celta.

O s celtas empregan as palabras “dun” ou “duin” para referise ao lugar onde situaban a súas a vivendas. Pero coa chegada dos romanos introduciuse nas súas crónicas o termo “castrum”, que significa “fortificación militar”. A época de maior esplendor dos castros correspondería entre os séculos IV e II a. C. Xeralmente as edificacións eran de teito cónico de palla - barro e planta circular, pero a partir do contacto cos romanos apréciase unha transformación nos poboados : rudimentaria urbanización e maior organización das construcións; agrupacións e diversificación das vivendas; existencia dalgún tipo de rúas e prazas e incorporación da planta cadrada e a rectangular. Precisamente nesa época de convivencia cos romanos as construcións castrexas son máis espectaculares. As vivendas castrexas posúen unha única estancia. Situábanse en lugares protexidos naturalmente e os seus moradores construían foxos, murallas e parapetos, non só como defensa, senón tamén como prestixio; como delimitación do espazo habitado e como vixilancia dos campos de cultivo. Existen varios tipos de castros segundo o seu lugar de emprazamento: de interior, en outeiros ou elevacións; de montaña, situados nas ladeiras e vinculados a explotacións mineiras e costeiros, coa defensa natural do mar conxuntamente cos foxos e murallas.

O castro de Santa Lucía pertence ao tipo de castro de interior. Trátase dun castro que se pode denominar tardo romano, pois a súa datación o sitúa entre os séculos II ao VI d. de C. Pero a súa habitabilidade puido prolongarse ata finais da Idade Media (século XV) xa que existe un muro fortificado tipo castelo. O castro atópase situado no monte do mesmo nome, na parroquia de Santa María de Astariz (concello de Castrelo de Miño). O xacemento ocupa a parte máis elevada dese monte.

Un curto e fermoso vieiro une unha capela de Santa Lucía e o castro. A senda, alfombrada de follas secas, procedentes das fragas que a rodean, é un canto á soidade, a paz e o sosego. Nas veiras da senda podemos observar rocas de granito, tan abundante nesta zona. En varios dos seus tramos, aínda son visibles o empedrado lateral e da base por onde circularon os carros en épocas posteriores.

Ao chegar ao castro sorprenden unha serie de bolos graníticos de gran tamaño, especialmente o central (o penedo de Santa Lucía). Nos seus arredores expándese o castro e serven, dalgún xeito, para organizalo. O castro ten unhas dimensións aproximadas de 2,75 ha, das que a meirande parte están ocupadas polas rochas.

A súa estratéxica situación, nun enclave natural perfectamente escollido, posúe fermosas vistas cara o Miño. Non hai indicios de murallas pero si de foxos defensivos. Os restos arqueolóxicos atopados (moeda da época de emperador Claudio, cerámica, fíbulas ...) permiten situar a súa habitabilidade na época tardo romana. O recinto posúe abundantes obras nas rochas, entre as que destaca a existencia dun lagar rupestre, o primeiro datado en Galicia ata agora, que confirma a produción de viño nesa zona. A mediados do século XVIII, edificouse unha capela dedicada a Santa Lucía, que lle da nome ao castro e que puido ter unha función de sacralización do espazo do castro. Esta capela perdurou ata finais do XIX, aínda que agora está practicamente desaparecida.

13 ago 2022 / 14:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito