Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A equipa que segue a Antón Gómez- Reino reúne xuventude e creatividade nunha campaña “inédita” que deu pé á innovación e aos baños TEXTO Mateo Garrido

Un equipo para mollarse polo cambio político

Os xornalistas máis veteranos din que “as campañas electorais de agora son moi descafeinadas”. Quizais o fagan pola profunda dixitalización acaída no márketing político; porque actualmente vivimos nunha sorte de ‘campaña permanente’ da que xa nos falou Patrick Cadell, ex asesor do presidente Jimmy Carter, ou simplemente por unha retrospección idílica que lles invita a pensar que todo tempo pasado foi mellor.

Sen ánimo de rebatir o seu ‘declinismo’, se vacilamos que é o que permanece inmutable daquela parte a agora, inevitablemente pensaremos nos equipos de campaña. Máis ou menos profesionalizados, con estruturas, métodos e medios de traballo diferentes pero co mesmo obxectivo: posicionar no mercado –de votantes– a figura do seu líder.

Para coñecer como organizan o seu traballo e como están vivindo unha contenda electoral que desta volta está claramente marcada pola pandemia do coronavirus, EL CORREO falou un grupo do equipo de campaña que escolta a Antón Gómez-Reino con Galicia en Común-Anova Mareas. “Unha campaña inédita e anómala” como a define Verónica Hermida, responsable de loxística da formación, que explica que antes da propia chamada ás urnas o equipo xa se tivo que poñer a traballar dada a incerteza “de se íamos a facer máis actos telemáticos, se podíamos ou non repartir materiais e todo ese tipo de cuestións que nunha campaña normal xeralmente teñen fácil resposta pero que nesta ocasión houbo que testar, xerándonos moitísimas dudas”. Non obstante, como tamén recoñece Verónica, “foi unha oportunidade para desenvolver ideas máis imaxinativas e creativas”.

Un claro exemplo foi o traballo de Andrea Obenza, que explica como por primeira vez “a formación segmentou o mailing para os tramos de idade de 18 a 25 e de 26 a 31 anos”, tratando de personalizar en maior medida as mensaxes dirixidas a unha mocidade á que interpelan tamén no spot publicitario da TVG.

Pepe Arias adícase “máis á parte do relato, de elaboración de discurso, seguimento de medios e dos outros partidos. Para pasar ideas que os candidatos logo utilizan ou non, en función de cada día”, aínda que entre risas recoñece que “normalmente” lle fan caso. Unha tarefa que do mesmo xeito que a dos seus compañeiros non entende de horarios “neste momento non existen, traballamos dende as 10 da mañán ata ben entrada a madrugada”.

Preguntados por se o tratarse dunha coalición condiciona dalgún xeito o seu traballo, Xermán Tobío, que participa da administración da formación, explica que “se o fai é de xeito positivo pois failles ter un debate constante que enriquece”, pois como explica, “se fosemos un partido só partiríamos case de verdades absolutas co ideario que tes”, non obstante a coalición obrígaos a “un diálogo constante para chegar a consensos”.

Lara Salgado e Manu López forman parte do equipo de comunicación da coalición. O seu labor é o de facer seguimento de medios, organizar a axenda dos candidatos para os seus encontros coa prensa tanto a nivel provincial, a nivel galego e a nivel estatal. Un duro traballo que Manu resume á perfección nunha frase “somos os que vivimos buscando wifi nas cafetarías”.

Un equipo que destaca pola súa mocidade, exceptuando a Tobío, ningún supera os corenta anos de idade. Unha xuventude que trata tamén de trasladar á campaña tratando de potenciar o emprego das redes sociais e de internet, onde o seu candidato está realizando encontros con persoeiros como Evo Morales ou Yolanda Díaz, pero tamén traballan para impulsar a través da súa carteleira aos creadores galegos tamén “como un tipo de seña de identidade”, explica Verónica en referencia aos carteis que viron á luz esta semana.

O tempo en común xera un montón de anécdotas e incluso algún tipo de lesións como foi o caso de Lara Salgado que explica como caeu vítima do gusto polos baños de Antón Gómez-Reino. “Nos sitios aos que imos intenta achegarse ao mar ou ríos con esa campaña de ‘Mollarse polo cambio’, eu intenteino onte pero polo visto non teño a mesma axilidade”, explica provocando as risas dos seus compañeiros.

08 jul 2020 / 21:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito