Entrevista | Xiana Lastra Cantante e voz do grupo A banda da Loba

“Os cantos de taberna son tradición, cultura e, sobre todo, alegría de vivir”

Esta noite participa en ‘Traes unha cantiga?’ (TVG, 22.00 horas) como madriña e xurado dos grupos que actúan

A cantante Xiana Lastra forma parte esta noite do xurado do programa ‘Traes unha cantiga?’

A cantante Xiana Lastra forma parte esta noite do xurado do programa ‘Traes unha cantiga?’ / CRTVG

Redacción

Cada mércores na Televisión de Galicia (TVG) soa o canto de taberna– un dos xéneros máis populares da música galega– no programa Traes unha cantiga?, para elaborar unha listaxe dos temas con máis sona. Xiana Lastra, voz do grupo A banda da Loba, participa no programa de hoxe (TVG, 22.00 horas) como madriña dos grupos que actúan e formando parte do xurado.

Cando a chamaron para participar nun programa sobre cantos de taberna, cales foron as súas sensacións?

Participar en calquera ámbito relacionado coa música, sempre é unha alegría. Ademais, eu son xornalista de formación e, aínda que xa non exerzo, traballei algúns anos na TVG, así que lle teño especial agarimo. En canto aos cantos de taberna, non son para nada unha experta, mais tampouco me resultan alleos. Como gran parte da nosa sociedade, adoito participar en foliadas e festas varias onde sempre están presentes e, aínda que non mamei dende nena a nosa música tradicional, si tiven moita aproximación a ela nos últimos quince anos.

Cal é a súa distancia cos cantos de taberna? É unha distancia de proximidade?

A nosa cultura tradicional cada vez está máis presente no noso día a día e, con ela, os cantos de taberna. Para min son unha mestura entre festa e tradición que me resulta moi atractiva.

Cre que é un programa que faltaba na TVG?

Todo o relacionado coa nosa cultura popular debe ter cabida nun medio de comunicación público e, como tal, os cantos de taberna.

Como viviu a gravación?

Foi moi divertida e toda a xente moi agradable. A Sheila e a Alfredo xa os coñecía e teño moi boa relación con eles. Ademais son persoas ás que admiro profesionalmente. E que dicir dos/das concursantes? Realmente é un concurso pero o ambiente que había alí era de total compañeirismo. Como debe de ser nos cantos de taberna, o que primou foi a diversión.

O feito de facer de xurado, ter que xulgar, como foi?

Nunca gusta ter que xulgar nada. Eu tentei ser o máis obxectiva posible e falar única e exclusivamente desde a empatía e o respecto ao traballo de todo o mundo, facendo fincapé naqueles aspectos que eu, pola miña formación, podo controlar mellor. En calquera caso, non resultou para nada incómodo, como dicía o ambiente era moi distendido e amigable e non houbo ningún “mal rollo”. Non ter a decisión final tamén fai que se leve mellor o papel de madriña, (risas).

Sempre se inicia o concurso propiamente dito, cunha cantiga interpretada coa madriña e cos membros dos xurado permanente, Sheila Patricia e Alfredo Dourado. Fáleme desta experiencia.

É unha experiencia divertida e tamén comprometida (risas). Comprometida no sentido de que, neste caso, tivemos que aprender a letra “sobre a marcha” porque, excepto Alfredo, ninguén a coñecía.

A musica galega, dende logo, moi plural, con variedade de xéneros, estilos, e formas de interpretar moi distintas. É isto unha das riquezas da nosa música?

Totalmente. Agora mesmo se en algo destaca o noso panorama musical é na diversidade e na calidade. Só falta que a xente que programa e, sobre todo, a administración pública, asegure os escaparates para que todo ese talento poida chegar ao público.

E os cantos de taberna que cre que aportan ao conxunta da música galega?

Penso que son fundamentais na nosa maneira de sentir a festa. Son tradición, son cultura e, sobre todo, son alegría de vivir.

Sorprendéronlle os grupos participantes?

Si, gustáronme moito. Estivo moi difícil a decisión do xurado, cada un deles tiña moitos puntos fortes e poucas debilidades.

E cre que van sorprender aos espectadores?

Estou segura.