O xiro na política enerxética da Xunta, cara ao modelo noruego?

O anuncio da creación dunha empresa público-privada "que reinvista no territorio galego", achegaría a nosa comunidade a outros modelos eólicos // No Concello de Muras os muíños reverten na factura eléctrica da veciñanza // En Noruega a empresa Statkraft, o maior xerador de energía renovable en Europa é de capital 100% público

Parque eólico das Paxareiras, co Monte Pindo e a praia de Carnota ao fondo.

Parque eólico das Paxareiras, co Monte Pindo e a praia de Carnota ao fondo. / Andrés Suárez (CC BY-SA 2.0)

Valeria Pereiras

A veloz expansión da enerxía eólica segue a causar división sobre o modelo industrial a implantar en Galicia. Catorce anos despois de que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo anulara o Plan eólico do Bipartito, unha decisión “ilegal” segundo o TSXG, a Xunta de Alfonso Rueda vén de dar un xiro na súa política enerxética, que o presidente autonómico quere agora "que se reinvista en Galicia".

Rueda anunciaba este martes a tramitación dunha lei "que sentará o marco normativo para a creación dunha sociedade coa que se asumirá a participación directa, xunto con outros socios" para que os rendementos económicos das empresas enerxéticas teñan impacto en Galicia. Falta por definir se a Xunta será a accionista maioritaria ou se terá unha participación máis pequena, entre outros moitos detalles da proposta que se abrirá proximamente a consultas públicas.

"Pedíronme explicacións sobre a nosa intención de utilizar (...) o concurso eólico para fortalecer o tecido empresarial galego e crear riqueza en Galicia. Pedíuseme unha rectificación. Quixéronme facer ver ‘que as cousas non se fan así’", aseguraba nun artigo publicado no 2016 o exvicepresidente nacionalista Anxo Quintana. "Afirmouse diante de min, como se non estivera, que ‘un enfermeiro de Allariz non poder vir cambiar o marco económico de Galicia’".

O "concurso eólico" converteuse na diana electoral do daquela líder da oposicion, Núñez Feijóo, e rematou por dividir un goberno de coalición que non foi quen de reter o seu mandato. A decisión de revogalo foi xulgada ilegal pola Xustiza, e ten saído moi cara aos contribuíntes galegos, cun desembolso en indemnizacións ás empresas afectadas que supera os tres millóns de euros.

Utilizando a recadación fiscal que xera o negocio do vento (IAE, IBI e canon eólico), no Concello de Muras socializaron unha parte dos beneficios, establecendo un programa de axudas con cargo aos orzamentos do Concello para o pagamento da factura eléctrica da veciñanza en función da súa renda per cápita.

O alcalde deste municipio da Terra Cha di alegrarse "de que Rueda cambie de parecer, emende a súa política e mude o 'non' permanente a calquera tipo de participación pública". Con todo, o nacionalista Manuel Requeijo, teme que quede nun "titular de campaña electoral" porque "acaban de autorizarse unha barbaridade de megavatios e o anuncio puido facelo antes".

"En Galicia pagamos unha factura desorbitada, cando as empresas están gañando 90 millóns de euros de beneficio ao ano, moito para que non reverta nada aquí", afirma Requeijo.

A decisión de crear unha empresa desde a Administración pública, con accións en parques eólicos e outras renovables para que os dividendos queden en Galicia, achegarían a nosa comunidade a outros modelos eólicos, como o noruego. A enerxía eólica tense convertido na grande aposta do país nórdico para encabezar a carreira pola economía verde. Alí, o Estado posúe na súa totalidade a empresa Statkraft, a maior xeradora de enerxía renovable en Europa. Produce enerxía hidroeléctrica, eólica e solar. Ademais traballa con gas natural e subministra calefacción urbana.

Este grupo estatal, de capital 100% público, declara ter un cadro de persoal de 4.500 empregados e está presente nunha vintena de países. Tamén en Galicia, onde proxecta a posta en marcha de varios parques en distintas fases de tramitación, dous en Valdeorras e outro que se ubicará preto dos Ancares, entre Galicia e León, nunha zona de gran riqueza paisaxística e natural, o que ten xerado polémica e o rexeitamento da plataforma "Eólica Así Non". En Galicia hai actualmente preto de 4.000 muíños, e a factura da luz segue sen dar respiro: nos últimos quince anos incrementouse en case un 80 %.