Como "editor" e "activista" cunha vida entregada a "construír un país e unha cultura máis moderna". Así define a Francisco Fernández del Riego, homenaxeado nesta edición das Letras Galegas, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes.
De feito, o día que este ano se lle dedica foi "un invento seu". "En 1963 nace a idea das Letras Galegas, a iniciativa del. Ao principio era un acto académico cunha dimensión moi cualificada, pero pouco a pouco hoxe é un acto que desborda a propia Academia, un acto social que non é só un día, senón un ano das letras", explica o presidente da RAG.
Celebrar un Día do Libro e da literatura galega era o seu obxectivo. Por iso, co apoio doutros académicos, del Riego creou "un gran día do libro de Galicia e da cultura galega". Anos depois presidiría a RAG, responsabilidade que asumiría desde novembro de 1997 ata novembro de 2021.
Quen era Francisco Fernández del Riego?
"Era un home que amaba o seu país, que cría na lingua e nunha Galicia moderna, instalada en Europa, dialogando coas culturas do mundo, porque sabía que nós somos algo se temos identidade propia, senón, somos como un terrón de azucre que se disolve nun vaso de auga e non pinta nada, pero ter identidade propia, dispoñer dunha cultura propia, dunha lingua propia, dunha historia e dunha memoria histórica propia da que nos sintamos orgullosos é unha riqueza enorme para un país", resume Freixanes.
Para o actual presidente da RAG, toda a vida de del Riego estivo "entregada a contruír un país e unha cultura máis modernas" en tempos "moi difíciles e moi limitados", e sempre "cunha enorme xenerosidade".
Por iso, Freixanes non dubida en definilo como un "activista". "Incluso politicamente, antes e despois da guerra, coa recuperación do galeguismo, o proxecto Galaxia ou as iniciativas da RAG. É un activista en toda a súa expresión", relata.
"Músculo e pulmón"
Tamén explica que del Riego era "músculo e pulmón" de todos os proxectos nos que se embarcaba, sendo quen executaba as ideas ou o que entraba en contacto cos autores na súa época na editorial Galaxia; pero "tamén facía os paquetes, contactaba cos libreiros, cos distribuidores, publicitaba libros, movías as páxinas de publicidade e a páxina de letras do Faro de Vigo con Álvaro Cunqueiro".
Así, nun ano no que se conmemora o seu 110 aniversario, o 60 aniversario da creación das Letras Galegas, ou tamén os 60 anos da revista Grial, a Academia considerou un número "moi redondo" para poder reflexionar sobre a importancia de del Riego na literatura galega e da "iniciativa máis feliz que tivo a Academia", as Letras Galegas.
Lourenzá, Santiago e Vigo
Francisco Fernández del Riego naceu en 1913 no municipio lucense de Lourenzá, que "significou a súa memoria, as súas primeiras experiencias", onde coñeceu a pintora Julia Minguillón ou comezou a súa relación con Álvaro Cunqueiro. "Aquilo que dicía Rilke, que a patria do home é a infancia. Iso un pouco é Lourenza para Paco del Riego", explica Freixanes.
Poteriormente, chega a súa etapa en Santiago de Compostela, onde forma parte do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, dos faladoiros da editorial Nós ou o seu papel na universidade como líder estudantil das xuventudes galeguistas.
"Pero don Paco é fundamentalmente Vigo", retoma Freixanes. Alí está o proxecto no que máis años da súa vida investiu: a Fundación Penzol.
Fundación Penzol
Este centro cultural nace da man de Fermín Penzol Labandeira, explica Freixanes: "Era un vello compañeiro tamén das xuventudes galeguistas e que todo o seu capital o investía en mercar libros".
Así, a finais do 50, Galaxia "decide ter un foco de produción cultural", pero necesitaba "un centro de estudos que fortalecera ese galeguismo, de material para que os novos investigadores puideran traballar niso".
Deste modo, nace a Fundación Penzol. E, quen é o primeiro director executivo? "O pulmón e o músculo", ironiza Freixanes. "El era o brazo executivo. Ramón Piñeiro tiña moitas ideas, Xaimes Isla moitos plans, pero ao final, quen poñía a andar á xente, facía os contratos, falaba cos libreiros, facía os paquetes e os levaba a Correos era Paco del Riego", reivindica.
Emigración
No repaso da vida do homenaxeado tamén está moi presente a emigración. Aínda que del Riego non se exilió a América, formou parte do "exilio interior". "Vivían exiliados na súa propia patria", relata o presidente da RAG, "sen poder desenvolver o teu soño dunha Galicia moderna e dona da súa cultura". Por iso "A ponte cos de fóra era fundamental".
Fernánde del Riego, que xa na época da República mantiña relación "cos vellos" como Otero Pedrayo ou Castela, era a conexión "cos vellos do Partigo Galeguista e as xuventudes galeguistas", das que foi secretario xeral.
"A conexión con América facíase tamén por establecer e reforzar ese vínculo que para eles era tan importante", explica antes de engadir que despois don Paco tamén fixo "de ponte" coa xeración nova: Méndez Ferrín, María Xosé Queixán ou Xohana Torres.
Editor de Cunqueiro
Freixanes suma a todo ese activismo, a función de editor de del Riego. "Un editor é un xestor de coñecemento, é o que está detrás. Son as toneladas de xeo que sosteñen o pico do iceberg que vemos fóra da auga. Esa idea caracterizaba moi ben o traballo de moitos anos de Francisco Fernández del Riego", exemplifica.
E aí, tamén, estivo del Riego, coa colección Illa Nova ou a colección Salnés. "Non destacaría tanto unha obra, pero o que define a Paco del Riego é un editor, nesa idea da edición de ser capaz de concitar, estimular, crear a distribuir coñecemento, na lingua e desde a lingua galega", expón.
Así mesmo, Freixanes atribúa a Paco del Riego "a recuperación para as letras galegas de Álvaro Cunqueiro". Tal e como conta, cando Cunqueiro regresa de Madrid "practicamente desterrado a Mondoñedo", del Riego "fala cun vello amigo e dille que aquí, en Galicia, eles continúan.
A partir de aí "nacen Merlín e Familia, Se o vello Simbad volvese ás Illas, As crónicas de Sochantre... Os anos 50, que son anos dunha enorme produción literaria de Cunqueiro, débense en gran medida á tenacidade, á amizade e ao cariño e seguimento que o editor del Riego facía".
Presidencia da RAG
Da etapa de del Riego á fronte da Academia galega, Freixanes destaca que foi "o encargado de revitalizala" tras unha época na que "había xente que desconfiaba" desta institución. "Pensaron nel porque concitaba todas as voluntades e cariños da xente", asegura.
Así, leva a cabo a dixitalización de fondos, ou o Boletín da Academia, cun labor "de renovación e revitalización", así como de "recuperar a ilusión, o entusiasmo, e o prestixio da Academia". Ademais, impulsa a reforma dos estatutos, "a base de crear a fórmula de 4+4" pola que non poder estar en postos executivos máis de 8 anos.