Sumar Galicia afirma que será “clave” á hora de “conformar un goberno progresista” na Xunta

Marta Lois asegura que a formación política na comunidade "naceu para quedar e con vontade de tecer un presente e un futuro político aquí"

Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, deputadas de Sumar Galicia por A Coruña e Pontevedra, respectivamente

Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, deputadas de Sumar Galicia por A Coruña e Pontevedra, respectivamente / ECG

Sumar Galicia cre que o partido xogará un papel “clave” á hora de “conformar un goberno progresista” na Xunta. ”O fracaso do señor Núñez Feijóo é tamén, dende o noso punto de vista, o inicio do fracaso dos seus herdeiros en Galicia”, subliñou a deputada elixida pola provincia de A Coruña, Marta Lois. Na rolda de prensa interviu, ademais, a deputada por Pontevedra, Verónica Martínez Barbero, que fixó fincapé en que os resultados das eleccións xerais celebradas o pasado 23 de xullo “o que supoñen no ámbito galego e no do Estado é a derrota de Feijóo, que elixiu como socio a ultradereita”.

Neste sentido, Lois indicou que a formación política na comunidade “naceu para quedar e con vontade de tecer un presente e un futuro político aquí”. “Sumar Galicia, dende xa, está traballando para construír ese espacio político que quere ser, como referente de ilusión, de proxecto, de futuro e de presente para as galegas e galegas progresistas”, apuntou poñendo o foco nas eleccións autonómicas programas para a primavera do próximo ano.

Sobre a posibilidade de que outras formacións políticas pasen a integrarse en Sumar Galicia, como pasou no partido a nivel estatal, indicaron que “estamos absolutamente abertas para construir entre todas un espazo que inclúa a maior cantidade de sensibilidades da esquerda, posibles porque entendemos que iso significa sumar”. “Sumar esquerda é sumar para o futuro do país e para o futuro de Galicia”, aseveraron nas súas intervencións.

Así as cousas, agradeceron a confianza depositada polas votantes do partido na comunidade “que demostraron no seu voto a confianza desta forma de facer política”. “A Galicia tamén teñen que chegar as políticas útiles para a vida da xente. Iso vai facerse cun goberno de progreso, con Sumar Galicia no centro pensando precisamente nas cousas do día a día das persoas”, remarcou Martínez Barbero.

Ademais, puntualizaron que o máis importante a partir de agora é “seguir estando en contacto con todos os colectivos, coa xente e co territorio para trasladar as súas demandas e achegas con toda responsabilidade e humildade”. Deste modo, manifestaron que o seu traballo no Congreso será o de que “se escoiten os intereses dos galegos e galegas e traballaremos arreo para iso”.