Pontón avisa a Sánchez: "Se quere o voto do BNG ten que gañalo"

A portavoz nacional do Bloque reitera que non apoiarán un "goberno de retroceso" de Feijóo

O BNG votará en contra da investidura de Alberto Núñez Feijóo como presidente do Goberno, pero non lle dará ao PSOE un "cheque en branco" para facilitar que Pedro Sánchez volva liderar o Executivo. A voceira nacional da formación, Ana Pontón, insistiu hoxe en que non apoiarán un "goberno de retroceso" do líder do PP, pero quixo lanzarlle tamén unha mensaxe directa ao presidente socialista en funcións: "Se Sánchez quere o voto do Bloque ten que gañalo cumprindo con Galicia".

Pontón fixo estas declaracións tras presidir a reunión da Executiva nacional do BNG á que asistiron cargos institucionais da formación, para analizar a situación política nun contexto marcado pola formación do Goberno e no que "hai moito en xogo". Os nacionalistas cren que Galicia está "desaparecida, sen posición propia de país" en debates como o do financiamento autonómico ou o do modelo territorial. Unha ausencia da que responsabilizan al presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, que está, din, "de brazos caídos, convertido nun simple teloneiro de Feijóo", ao que acusan de poñer os intereses do PP "por diante de Galicia".

Así, Pontón reiterou que non apoiarán a investidura do líder do PP porque "en Galicia coñecemos ben o desastre das súas políticas", pero defendeu que un goberno alternativo "terá que ter en conta a axenda galega", como, segundo dixo, ocorreu na pasada lexislatura coa rebaixa das peaxes da Ap-9 e a posta en marcha do dragado da ría do Burgo ou da electrificación do tren entre Lugo e Ourense.

Lembrou tamén que a nova etapa que comeza estará condicionada polas eleccións autonómicas do ano que vén, para as que o BNG está "preparado" para "liderar o próximo goberno da Xunta e defender o país sen ataduras madrileñas". Neste senso, criticou que Alfonso Rueda se posicione en contra do uso do galego no Congreso. "É algo tan vergoñento que non ten parangón", aseverou.