Movemento Sumar Galicia rexistra o partido e inicia o camiño cara ás eleccións galegas

A deputada de Sumar Galicia, Verónica Martínez, rexistrou esta mañá o partido no Ministerio do Interior

Nos próximos días darase a coñecer a comisión promotora do espazo, da que será portavoz o profesor da USC Paulo Carlos López López

Paulo Carlos López, na foto con Yolanda Díaz e Marta Lois no Carballiño, será o portavoz nacional do Movemento Sumar Galicia

Paulo Carlos López, na foto con Yolanda Díaz e Marta Lois no Carballiño, será o portavoz nacional do Movemento Sumar Galicia / Sumar Galicia

Redacción

A deputada de Sumar Galicia no Congreso dos Deputados, Verónica Martínez, vén de rexistrar Movemento Sumar Galicia como partido político no Ministerio do Interior. Movemento Sumar Galicia nace así como unha organización galega autónoma que estará federada con Movemento Sumar a nivel estatal.

Movemento Sumar Galicia aspira a aglutinar as persoas que conforman este movemento e que "comparten un proxecto de país aberto e inclusivo, construído desde o diálogo e a escoita". Coa vontade de sumar forzas con outros actores, Movemento Sumar Galicia "será unha forza centrada nas políticas públicas útiles, co obxectivo de descadrar o taboleiro e ser o imprescindible detonante do cambio político en Galicia". O partido pretende ofrecer ás galegas e galegos "un horizonte de seguridade que garanta vidas dignas, tranquilas, con tempo e felices".

Paulo Carlos López, portavoz nacional

Nos próximos días, o novo partido dará a coñecer unha comisión promotora formada por persoas de procedencias diversas, pero co "obxectivo común de contribuír de maneira decisiva a gañarmos a próxima década como país".

As máis de 3.500 persoas inscritas en todo o país veñen de recibir, na mañá de hoxe, unha carta asinada por quen exercerá como portavoz da promotora, Paulo Carlos López, na que se compromete a “seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá”. Desde a promotora, cuxa composición se coñecerá nos próximos días, apelan “á unidade de todas as persoas e organizacións que compoñen este espazo político”. “Nunca renunciamos e nunca renunciaremos á unidade”, afirmou esta mañá o futuro portavoz.

Concorrerá ás próximas autonómicas

O rexistro de Movemento Sumar Galicia supón un paso fundamental para concorreren ás vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. No partido din ser "conscientes da xanela de oportunidade histórica que se abre no noso país" e inician un camiño de mobilización e organización para estaren en condicións de ser alternativa de goberno ao PP. “Movemento Sumar Galicia nace para gobernar este país e queremos contar con todos os galegos e galegas coa única vontade de que a esperanza se abra paso en Galicia cun cambio de goberno”, sinalou Paulo Carlos López.