Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
María Jesús Giráldez // Decana da Facultade de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago

“A aspiración final é a acreditación da titulación a través do Consello Europeo de Optometría e Óptica”

{Mos, 1969} Tivo cargos de xestión dende o ano 2001 ao exercer de subdirectora da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC (de 2001 a 2010) e coordinadora do grao en Óptica e Optometría dende 2010 ata a actualidade. É a primeira óptico-optometrista en España en conseguir o seu primeiro sexenio de investigación dende a súa condición de diplomada, en 2005, antes de obter o título de doutora

Renova como decana de Óptica e Optometría. Que a levou a presentarse de novo ao cargo?

Probablemente o principal motivo foi que un número importante de compañeiros pedíronme que presentara a miña candidatura; que continuara poñendo o meu traballo e a miña experiencia ao servizo deste centro e das titulacións que nel se imparten. Unha experiencia adquirida nos trinta anos que levo como profesora na Universidade de Santiago de Compostela, nesta facultade, antes Escola Universitaria de Óptica e Optometría.

Os anteriores catro anos estiveron marcados por unha situación excepcional como foi a da pandemia; unha situación que nos puxo a todos/as ao límite dos nosos esforzos e traballo, nun momento de enorme incerteza pero que fomos quen de abordar con éxito grazas ao traballo e esforzo de todas e todos os membros deste centro; implicación que agradezo xa que, sen dúbida, fixo posible levar a cabo as tarefas de xestión nese momento. Agora, cun apoio do 90 % na votación, non podo deixar de agradecer a confianza que depositaron en min os membros desta facultade.

Cales son as principais metas a alcanzar nos vindeiros anos?

O eixo fundamental do traballo que me propoño para os próximos catro anos segue a ser que poidamos alcanzar os máximos estándares de calidade na formación dos futuros ópticos optometristas, sendo a aspiración final acreditar o título a través do Consello Europeo de Optometría e Óptica. Buscar unha excelencia que manteña á titulación de Grao en Óptica e Optometría, como unha das profesións sanitarias máis demandadas.

A facultade de Óptica e Optometría da USC é un centro referente en España, tanto polo plan de estudos de Grao que imparte, como por ter seguido o modelo de clínica universitaria, neste caso de optometría, modelo sobradamente acreditado segundo os estándares de calidade no ámbito da formación dos ópticos optometristas.

Que poñería en valor do doble grao en Farmacia e en Óptica e Optometría?

O dobre grao en Farmacia e Óptica e Optometría busca formar expertos, tanto en todos os aspectos relacionados cos fármacos e os medicamentos, como formar profesionais altamente cualificados para ao coidado da atención primaria da saúde visual, concorde ás Directivas Europeas referentes ás titulacións, tanto de Farmacia como de Óptica e Optometría.

Ambos graos contan coa suficiente interrelación para conseguir facer viable o itinerario dunha dobre titulación. As competencias que adquiren en conxunto os estudantes permitiralles contar cun perfil profesional máis versátil ampliando os ámbitos nos que poden desenvolverse.

Sobre as infraestruturas. Disponse das instalacións e materiais adecuados para a formación apropiada do alumnado?

No que se refiere a infraestruturas, nos últimos catro anos abordamos, grazas á sensibilidade do reitorado comprendendo o problema, algúns cambios na distribución dos espazos, que viñeron dar resposta logo de case doce anos aos profundos cambios que experimentou a titulación dende que era unha Diplomatura de primeiro ciclo e terminal adscrita a Ciencias Experimentais, ata transformarse no actual Grao en Óptica e Optometría, adscrito a Ciencias da Saúde por ser este o perfil único que corresponde a unha titulación sanitaria e regulada por lei.

Esta transformación supuxo unha importante modificación do plan de estudos, para adaptalo ás directrices propias que obrigan á titulación de Óptica-Optometría, e implicou: pasar de 180 a 240 créditos, dos que 72 ECTS de materias obrigatorias son impartidos pola área propia de Optometría, o que supón o 30 % do total; o consecuente incremento de profesorado óptico Optometrista; o aumento das prácticas clínicas desenvolvidas no Servizo de Optometría, centro sanitario da USC acreditado pola administración sanitaria da Xunta de Galicia para docencia, asistencia e investigación.

Establecidos uns criterios de reparto económico, temos que continuar atendendo as necesidades de material e equipamento docente existentes para cada unha das materias que se imparten neste centro, e traballar para buscar e desenvolver novos procedementos de adquisición de equipamentos que faga realmente factible e eficaz dita adquisición.

Cree que se podería facer algo por atraer máis alumnos/as do estranxeiro; é dicir, apostar pola internacionalización?

Por suposto que este é un tema de gran relevancia e interés. Apostar pola internacionalización penso que ten que ser un obxectivo; un obxectivo que sen dúbida requirirá o compromiso e implicación de todos os membros da facultade. E é un feito que o centro ten participado nas propostas de captación desenvolvidas e promovidas dende a que era Vicerreitoría de titulacións e captación internacional da USC, agora Vicerreitoría de Titulacións e internacionalización.

Por outro lado, a movilidade é unha cuestión que tamén temos en axenda, e penso que o seu incremento facilitará a captación de estudantes do estranxeiro. Unha maior movilidade foi un dos aspectos que tivemos que abordar nos pasados catro anos, ao longo dos que establecemos acordos de movilidade dentro do programa Erasmus con universidades de Alemania, Rumanía, Italia, e Portugal. No que a convenios bilaterais se refire, é frecuente que teñamos estudantes procedentes de países de fala hispana, como Colombia ou México. En calquera debemos seguir traballando para ampliar o número de acordos, con universidades europeas e non europeas.

Ten definido o Servizo de Optometría como o principal punto forte do centro. Que nos pode dicir del?

A clínica de Optometría da USC, o Servizo de Optometría, é o eixo da formación que se ofrece aos estudantes co fin de que estes adquiran aquelas competencias clínicas relacionadas co seu futuro exercicio profesional. Sendo consciente da súa relevancia e necesidade como garantía das prácticas sobre pacientes dos nosos estudantes, tanto do grao como do máster, no periodo de mandato que finalicei, abordamos a ampliación de dito centro, corrixindo en certa medida unha necesidade de espazos para poder impartir as casi 2.300 horas de prácticas clínicas, coa atención de máis dun millar de pacientes cada curso.

Sobre a saída profesional do estudantado e a súa entrada na atención primaria... que nos pode dicir?

É sorprendente que a día de hoxe, cunha formación acreditada, a profesión de óptico optometrista non teña o recoñecemento profesional pleno, formando parte do sistema sanitario público de saúde no nivel que lle corresponde, o de atención visual primaria. A creación da categoría profesional levaría a unha mellora cualitativa da atención visual prestada aos cidadáns, implicaría unha redución do gasto sanitario e unha mellora da eficiencia do sistema. Dende o ámbito académico, temos dado os pasos para garantir unha formación sanitaria cada vez de maior excelencia, impartindo unha docencia grazas ao empeño e esforzo extraordinario do profesorado óptico-optometrista a pesar de non contar, ata o de agora, coa implicación clara e de pleno dereito, da administración sanitaria. Os ópticos optometristas somos profesionais sanitarios, cun papel non máis, pero tampouco menos relevante e necesario para a sociedade que outras profesións sanitarias.

O óptico optometrista é o profesional santiario de atención visual primaria; sen embargo, ao non estar creada a categoría profesional no sistema público, realmente a sociedade, que invirte na sua formación, non o percibe como o primeiro axente sanitario de atención visual, o que non favorece a concienciación sobre a importancia da saúde visual.

17 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito