Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A cidade da “coyuntura”

    Santiago de Compostela quixo concorrer a ser sede da “Agencia Estatal de Supervisión de Inteligencia Artificial”, coñecida polo acrónimo AESIA. Para iso solicitou á Xunta de Galicia a cesión de espazos na Cidade da Cultura. Ata onde sei, non houbo sequera contestación, e penso que o silencio non pode ser a resposta, e menos a resposta á capital de Galicia.

    No seu tempo o Goberno galego decidiu construír a Cidade da Cultura (CdC) en Compostela, e fíxoo supostamente para darlle un novo referente do noso país ao mundo. Deixando de lado o despropósito do seu custe e da súa execución, o peor de todo é que bastantes anos despois de ser construída, a CdC aínda carece de personalidade funcional. Peor aínda, xa que está sendo utilizada como un mero contedor de ocorrencias. Máis que a Cidade da Cultura é a Cidade da “Coyuntura”. O mesmo úsase como “vacinómetro” que como sala de xuízos, segundo conveña en cada momento.

    O que realmente necesita a CdD e un proxecto que lle dea a personalidade que aínda non ten, e que axude tamén a Compostela a mirar con maior firmeza cara ao futuro. Dar sentido á Cidade da Cultura é distinto de enchela de contido, e o Goberno galego ten neste sentido unha débeda máis con Compostela e con toda Galicia.

    En todo caso, aínda que a CdC carece ata o momento de plans para a súa utilización integral, polo menos de plans sensatos, o certo é que a algúns dos seus edificios foron a parar importantes entes públicos que operan no corazón do coñecemento e a tecnoloxía. É o caso sobre todo da “Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia” (AMTEGA), pero tamén do Centro de Emprendemento (CEM) e de diversos centros de investigación no ámbito das ciencias sociais e humanas. Apostando por este ronsel, aínda que ata o de agora fose o resultado de decisións un tanto azarosas, podería converterse a Cidade da Cultura no centro neurálxico dun ecosistema do coñecemento e de desenvolvemento tecnolóxico, ao redor do cal se situarían, seguro, outros axentes públicos e privados de importancia estratéxica non só para Santiago, senón para o conxunto de Galicia.

    Unha actuación deste tipo reforzaría o papel de Santiago como o que xa é: a principal cidade do coñecemento de Galicia. Pero para iso sería necesario ademais contar cos espazos adecuados para que as empresas non só queiran, senón que poidan instalarse en Compostela. Cónstame que só no último ano varias empresas buscaron espazo para implantarse na cidade e tiveron que renunciar a facelo por non atopalo. Hai que poñer remedio a isto. Falo de empresas relacionadas co ámbito das TIC e da consultaría tecnolóxica.

    Moitas destas empresas non teñen grandes requirimentos. Necesitan sobre todo espazos de oficinas modernos e ben comunicados e telecomunicados, e non moito máis. Iso si, queren estar a carón de donde hai coñecemento experto, talento e capacidade de formación e de investigación, e a boa fe que de todo iso hai en abundancia en Compostela. Sen embargo, a simple cuestión de ter ou non ter espazos para instalárense neles, supón que centos ou miles de postos de traballo de moi alta cualificación fiquen ou non aquí.

    Hai que abrir oficinas en Santiago e non só albergues. Hai que pensar en como apoiar a investigación da USC e sacar o máximo retorno da mesma para a cidade e para as empresas que viven nela ou queiran vir a implantarse aquí, e non simplemente pensar en facer aparcadoiros no campus, como reclama ultimamente algún líder político que aspira a gobernar a cidade.

    Recordemos a Séneca: “non hai vento favorable para quen non sabe donde vai”.

    24 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.