Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A complexa realidade da atención a persoas con Síndrome de Dióxenes

A edil de Ferrol debulla a necesidade de contar con protocolos como o que acaba de implantar o seu concello, así como dunha maior colaboración con administracións como o Sergas

O concello de Ferrol vén de poñer en marcha un protocolo específico de actuación para casos de trastorno de Dióxenes, regulando deste xeito o procedemento e os roles de cada un dos axentes implicados na atención e coidado destas persoas, que viven cun dos trastornos máis complexos de abordar hoxe en día.

“O certo é que non é unha realidade masificada”, explica nunha conversa con El Correo Gallego a edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero. “A día de hoxe son dúas as persoas do termo municipal” con Síndrome de Dióxenes “das que teñamos constancia”, apunta, “ e coas que estamos facendo a intervención socia pertinente”.

“Ben é certo tamén que, ao longo deste mandato, eu son coñecedora de polo menos catro ou seis casos máis”, apunta a concelleira, “incluso que se corresponden con algunhas persoas que apareceron mortas na súa vivenda e que tiñan acumulación, pero non eran usuarias de servizos sociais”.

Tal e como salienta a edil, “non é un índice de poboación moi elevado, pero son casos moi problemáticos”. “É moi complexo”, explica, posto que unha persoa que padece Síndrome de Dióxenes ou de acumulación “xeralmente leva asociado outras patoloxías de psicoloxía clínica ou psiquiátrica”.

4 FASES DO PROTOCOLO. Coa entrada en vigor a semana pasada do protocolo de actuación municipal para casos de Síndrome de Dióxenes, establécense varias fases específicas, sendo a primeira a detección e coñecemento do caso particular, que acostuma a producirse por un aviso dun familiar ou do entorno veciñal.

A seguinte fase, a segunda, é a de estudo e aproximación ao caso concreto, que dará lugar ao terceiro paso no procedemento: a diagnose e deseño dun proceso de intervención social baseado na empatía.

Finalmente, o protocolo establece unha cuarta fase de control e coordinación coa Policía Local, con diferentes dispositivos sanitarios, instancias xudiciais, goberno autonómico e con entidades de iniciativa social.

“Por que facemos isto? Porque pensamos que é unha enfermidade que require de unha intervención transversal importante que agora mesmo se está atendendo, pero ao mellor non da forma axeitada, porque non só é unha cuestión de Servizos Sociais”, explica Martínez. “De feito, hai unha parte moi importante de saúde mental que tamén ten que estar aí”, apunta.

“O que pretendemos é recoller nun documento o procedemento que levamos a cabo normalmente nestes casos” para a atención ás persoas que padecen Síndrome de Dióxenes, “e incluir, dentro das súas competencias, o resto de institucións que tamén están implicadas”.

“Non inventamos nada”, asegura, posto que moitas cidades contan xa con un protocolo similar. “O primeiro que temos previsto é facer un rexistro”, unha base de datos na que ter conta dos casos detectados, “porque nós en Ferrol temos catro unidades básicas, os Servizos Sociais están descentralizados” aínda que “é unha persoa a que coordina”. Deste xeito, terase unha listaxe con todas as persoas con Síndrome de Dióxenes das que o concello ten constancia.

MÁIS COLABORACIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS. Entre as diferentes problemáticas cos que as institucións se atopan no momento de atender a unha persoa con Síndrome de Dióxenes é que, tal e como salienta a concelleira de Ferrol, o transtorno “non está diagnosticado como unha patoloxía clínica” e, xeralmente, é unha consecuencia douutra enfermidade: demencia, trastorno obsesivo compulsivo, esquizofrenia... Por isto, explica que “tamén ten que ser abordado por Saúde Mental”.

“Con isto non estou dicindo que o Concello non queira asumir a súa responsabilidade e a súa competencia, porque por iso fixemos o protocolo”, pero o que é certo é que “reclamamos o traballo conxunto entre o que sería o traballo social, o traballo policial de vixilancia, o traballo de recollida e de limpeza de vivenda, o traballo que facemo nós a través do Servizo de Axuda no Fogar cando hai un consentimento e tamén coa propia Fiscalía” nos casos nos que as persoas afectadas non queren axuda de forma voluntaria e é preciso solicitar a incapacitación.

Neste proceso, explica que “moitas veces o servizo técnico trasládame a necesidade de incrementar a colaboración co Sergas”, que ata o de agora “non é suficiente”. Sería necesario, salienta, establecer unha serie de protocolos tamén a nivel de saúde mental, posto que ao estar este trastorno vencellado na meirande parte dos casos a unha patoloxía previa, a actuación debe ser transversal.

“O 29 de marzo hai un ano que solicitei unha reunión co xerente da área sanitaria” para abordar este e outros temas e “para falar da necesidade de articular un protocolo de colaboración para problemáticas de saúde mental en persoas que non teñen fogar, e aínda non teño data”, explica.

“Este protocolo” de actuación para casos detectados de persoas con Síndrome de Dióxenes “está moi ben a nivel municipal”, asegura,pero para abordar con éxito estas problemáticas é preciso contar coa “suficiente colaboración por parte do Sergas”.

Así, a edil ferrolana pon de manifesto algunhas das cuestións que fan que abordar un caso destas características sexa moi complexo. A meirande parte das persoas que padecen Síndrome de Dióxenes son maiores, con pensións, que non queren axuda ou dos que nin se quera se ten constancia. “Se queremos atallar o problema”, apunta, “temos que facer un esfozo toda a sociedade”.

Incide en que, de haber unha sospeita de que algún veciño ou veciña ou calquera coñecido pode ter un trastorno de acumulación, é preciso avisar ou aos Servizos Sociais ou ao Centro de Saúde para que atallen a situación o antes posible.

23 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito