Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A comunidade educativa será escoitada por Rodríguez tras o ‘adeus’ á recuperación da ESO

O conselleiro comezará unha rolda de contactos para ofrecer “certezas e solucións ante a decisión unilateral” do Goberno

Ante o “adeus” aos exames de recuperación na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e os cambios de criterios impulsados pola “decisión unilateral” do Goberno central en materia de avaliación e promoción educativa, que están xerando un “caos” total “sen sentido” algún, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, iniciará dende este luns unha rolda de contactos cos principais membros do sistema educativo para ofrecer certezas e buscar solucións.

Así o avanzou este domingo nunha entrevista na Radio Galega, onde explicou que hoxe se reunirá coa Xunta Autonómica de Directores e que, nos seguintes días, convocaranse máis encontros cos representantes sindicais, distintas asociacións de nais e país ou o Comité Educativo. O propósito é “compartir a situación cos axentes escolares para ter a súa visión e consensuar que esta adaptación teña o menor impacto posible nun sistema educativo que nos últimos anos ten destacado nas variables de calidade, equidade, xeración de igualdade de oportunidades e en capacidade para educar en valores”.

“O progresivo avance da educación en Galicia ten que seguir”, afirmou Rodríguez, para quen a educación “non se pode xestionar con criterios a curto prazo nin oportunistas. Xogámonos o futuro do país”. Así mesmo, reclamou “respectar o marco competencial”. Como recordou, “a educación é unha competencia das comunidades, de aí que no se poida “facer unha transposición acrítica do real decreto do Ministerio”.

ALGO “SEN SENTIDO”. Ademais, o conselleiro avanzou o “forte impacto” da decisión “precipitada” do Goberno estatal, cunha “terceira rectificación” en semanas amparada nun informe non vinculante. “É algo sen sentido, que provoca improvisación e caos. Comezamos o curso cunhas regras e a metade do curso, cambian”, dixo. Por iso, lamentou ter acertado nos seus prognósticos sobre os problemas que esta lei suporían.

“Temos que dar certezas para que o sistema educativo non estea tan convulso. Non se poden tomar medidas arbitrarias como fai o Goberno de España e xerar inseguridade xurídica”, sinalou. Para logralo, o seu departamento estuda o decreto nunha liña xurídica e noutra organizativa.

Fronte á actitude do Ministerio de Educación y Formación Profesional, a Consellería buscará “falar, escoitar e pactar o mellor desenvolvemento para que xere o menor impacto”. Quérese avaliar e acordar medidas para afrontar o resto do curso con certezas, de tal xeito que se reduza a arbitrariedade e se axude aos claustros, que así o veñen solicitando nos últimos días.

a “DESVALORIZACIÓN” DA FUNCIÓN SOCIAL DA EDUCACIÓN. Como explicou o titular de Educación, o real decreto do Goberno (anunciado un venres e aprobado en Consejo de Ministro dúas xornadas hábiles despois) “afecta á organización do curso, a como se examinan os alumnos e aos requisitos para que poidan ou non pasar de curso. En definitiva, á estrutura do calendario xa planificado”.

Na súa opinión, máis alá dos problemas, este cambio repentino “xera un descrédito”. “É unha desvalorización da función social da educación, que ademais prexudica aos alumnos menos favorecidos e reduce a igualdade de oportunidades”, apuntou. Porén, garante que seguirá traballando por un modelo como o que na última década permitiu reducir o abandono escolar á metade subindo a calidade e apostando pola cultura do esforzo, blindando os estándares que sitúan a Galicia nos postos de cabeza do informe PISA.

POSIBLES PROBLEMAS NO PRÓXIMO CURSO. Por outra banda, Rodríguez amosou tamén a súa preocupación polos prazos dos currículos da nova lei educativa, que o Goberno central debe aprobar e publicar para que as comunidades poidan desenvolver os seus e activar a tramitación lexislativa dos decretos autonómicos, trámites que teñen uns prazos mínimos que non se poden alterar.

A iso súmase a elaboración de novos materiais didácticos por parte do sector editorial, entre outros. Como dixo, se o Ministerio non cumpre, “podemos toparnos cunha situación moi problemática a principios do próximo curso”.

Galicia seleccionará candidaturas para o consello de participación da infancia

Santiago. A comunidade galega formará parte, xunto a Estremadura, do comité de selección de candidaturas para o Consello Estatal de Participación da Infancia e Adolescencia, órgano permanente e estable de consulta, representación e participación de nenas, nenos e adolescentes, adscrito ao Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

A elección de Galicia como membro deste comité representa unha oportunidade de participar en primeira persoa neste fito para facer realidade o recoñecemento efectivo dos dereitos da infancia e a adolescencia e mellorar as políticas infantís ao escoitar directamente ás nenas, nenos e adolescentes sobre aqueles asuntos que lles afecten.

Na composición do Consello Estatal de Participación da Infancia e Adolescencia garantirase a representación de nenos e nenas de todas as comunidades e a súa participación en condicións de igualdade para que ningunha barreira de xénero, orixe, etnia, económica ou de outra clase impida o acceso á participación dos máis vulnerables. r.p.

Unha nova edición de Meteoescolas para formar a máis de 6.300 rapaces

Santiago. A Xunta acaba de poñer en marcha unha nova edición do programa educativo MeteoEscolas, no que participan un total de 40 centros de ensino da Galicia, co fin de formar máis de 6.300 rapaces na ciencia da meteoroloxía.

Neste senso, o persoal de MeteoGalicia ofreceu esta semana unha charla informativa para o profesorado para trasladar, ademais do obxectivos xerais do programa, a metodoloxía de traballo, que consiste na observación meteorolóxica e a inserción de datos en plataformas meteorolóxicas. Estas tarefa, a base do proxecto, está acompañada por outras iniciativas que propoñen os centros relacionadas coa materia, con posibilidade de abarcar as distintas áreas de coñecemento.

Na edición 2021-2022 participan, en concreto, 384 profesores e 6.309 alumnos de 40 centros de ensino (23 da provincia de Pontevedra, 10 da provincia da Coruña, 5 da de Lugo e 2 da de Ourense). Deste total, son 12 os centros que se sumarán por primeira vez a esta iniciativa educativa do Goberno galego. ecg

22 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
ESO
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.