Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

A Galicia das mulleres

Alcaldesa de A Coruña

Nesta data tan sinalada para todos os galegos e galegas, reivindicamos a nosa terra, a nosa Galicia nai. Unha Galicia de matriarcas que vive e pervive grazas a elas. Dende aquelas lavandeiras con cestas de vimbio que á beira do río mesturaban o olor das flores co xabón Lagarto; até as que hoxe lideran e emprenden grandes proxectos empresariais levando o nome de Galicia polo mundo. A esas mulleres que foron e son quen de sacar adiante o noso país mesmo nos momentos máis complicados. Porque cando un home tiña que deixar a súa Galicia natal froito da emigración, deberes militares ou traballos en mar aberto, unha muller quedaba en Galicia para seguir loitando polo seu futuro.

E se ben é certo que esa Galicia nai fai que sexan moitas as mulleres que temos como referentes, os coruñeses e coruñesas levamos ademais ese ADN impreso en cada paso que damos. Juana de Vega, Emilia Pardo Bazán, Marcela e Elisa, Francisca Herrera, María Barbeito ou María Casares son só algunhas das mulleres históricas que lle dan nome á cidade da Coruña. Todas elas coa súa historia particular, achegáronlle á nosa cidade unha parte esencial do que hoxe conforma o noso pasado, a nosa identidade como cidade, que escribe a súa lenda en feminino, con voz e letra de mulleres que abriron a fiestra do mundo a tantas outras galegas. Unha historia que, tamén a través das fiestras, recordamos día a día no Palacio Municipal ao ver a estatua da nosa María Pita.

Esa é a historia que queremos seguir escribindo. Por iso, o pasado mes de maio o Pleno Municipal da Coruña aprobou solicitarlle á Real Academia Galega adicar o día das Letras Galegas a Luisa Villalta.

Luisa, escritora coruñesa do último século, non só era unha magnífica literata, senón que tamén foi pioneira no campo da normalización lingüística traballando a prol da nosa lingua. Cultivou o teatro, o ensaio, a tradución, escribiu artigos xornalísticos... todas as letras se lle quedaban curtas, explorando todos os recunchos onde poder deixar a súa pegada cunha palabra, un espazo ou un punto final. Mais o seu grande amor literario foi a poesía e con ela toda a Coruña namorou de Luisa.

“Nada deixa o vento e nembargantes/amo esta Cidade tatuada na pétrea pel do mar” escribía en En concreto (2004), poemario polo que gañara o XII Premio Espiral Maior de Poesía e publicado de forma póstuma. Un adeus que chegou, como tantas veces, demasiado cedo. Seguro que eran moitos os versos que Luisa tiña preparados para a súa “Cidade Alta”, tal e como recollía nos seus textos.

Unha cidade que ela mesma definía como o lugar “onde a luz e o mar se están orixinando mutuamente”. Unha oda ao sitio que a viu nacer e que hoxe garda os seus ecos no rumor do “vento dos ventos”, que son agora as súas letras.

A poeta, ademais de facer música coas palabras, afinaba o seu violín para formar parte da Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Símbolo cultural por excelencia da nosa cidade e que despois de décadas segue a poñerlle banda sonora á historia de Galicia. Tamén a poeta quixo regalarnos esa cara artística, a do seu amor pola música, disciplina que combinou coa literatura para dar lugar a ensaios coma O outro lado da música, a poesía (1999).

Unha achega que amosa, por unha banda, a súa gran vocación divulgativa, que a levou a ser mestra de lingua galega; e por outro, a súa multidisciplinariedade, revisitando a historia galega dende a presenza da música destacando a condición inherente dunha e doutra. Especialmente en Galicia, onde a nosa cultura popular se mantivo en gran parte grazas a esas mulleres que cada serán cantaban unha e outra vez os versos que hoxe iluminan os séculos máis escuros da literatura galega.

Luisa era unha desas matriarcas da Galicia nai. Unha desas mulleres coruñesas que lle puxeron letra á historia da nosa cidade coa súa voz literaria, sendo quen de facer nos seus versos unha homenaxe á Coruña, a súa namorada A Coruña.

Un curruncho de terra que vira as costas ao continente, en palabras de María Casares, e dende o que seguiremos loitando para que voces como as de Luisa nunca queden no esquecemento.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito