Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A hostalería cede un 57,7 % de negocio interanual en xuño mentres no comercio baixa o 8 % a venda

O descenso da actividade no conxunto de España mesmo chega a duplicar os datos de Galicia

O indicador de actividade no sector servizos galego amosou en xuño un descenso do 9 % respecto ao mesmo mes do ano anterior, ainda que a taxa recuperou 20,6 puntos en relación a maio. En toda España, a cifra de negocios no sector terciario diminuiu o 18 %, ainda que tamén foi 15,6 puntos maior que a do mes precedente pola pandemia.

Segundo o informe do IGE, en xuño as distintas autonomías foron progresando nas diferentes fases da desescalada ata acadar a nova normalidade o 15 de xuño en Galicia e o 21 no conxunto de España. O maior descenso da actividade nos servizos produciuse no mes de abril e nos dous meses seguintes foise recuperando pulo.

O comercio, cun descenso do 8 %, resta 6 puntos á taxa de variación do índice xeral; os outros servizos reducen a súa facturación o 12 % e restan tres puntos á taxa de variación do índice xeral.

En España a facturación comercial diminúe o 10,1 % e nos outros servizos o 31,5 %. O comercio por xunto baixa o 10,1 % en Galicia, co que resta 5,2 puntos; o maior descenso rexístrase na venda e reparación de vehículos de motor, -16,4 %.

A nivel estatal, o comercio por xunto diminúe o 12,3 %, o comercio ao retallo o 4,9 % e a venda e reparación de vehículos de motor o 11,8 %.

Volvendo aos outros servizos, en Galicia a hostalería foi a actividade máis afectada pola crise sanitaria, o que se manifesta nunha caída do 57,7 %, co que resta 2,7 puntos a taxa de variación do índice xeral, seguido das actividades administrativas e servizos auxiliares que, cunha taxa de -45,5 %, restan 1,8 puntos. Pola contra, transporte e actividades profesionais, científicas e técnicas aumentan a facturación no mes de xuño, 9,4 % e 14,6 % respectivamente.

En España as maiores caídas, superiores ás galegas, foron tamén en hostalería (-64,8 %) e actividades administrativas e servizos auxiliares (-44,9), amosando onde golpea máis a covid.

Caída do persoal dun 5,7 % fronte a 2019, un 18,2 % en bares e restaurantes

O persoal ocupado diminúe en Galicia un 5,7 % respecto ao mes de xuño de 2019, 1,4 puntos menos que en España (-7,1 %). No comercio baixou un 1,3 % e un 9,1% nos outros servizos. En España a ocupación descende nas tendas un 3,3 % e noutros servizos un 9,5 %. A maior caída rexístrase na hostalería, cunha taxa de -18,2 % en Galicia e do 18,6 % en España.

No que vai de ano, o persoal ocupado redúcese un 3,1 % en Galicia e un 3,3 % no conxunto do Estado.

En todas as comunidades diminúe o emprego no sector servizos no mes de xuño con respecto ao mesmo mes do ano 2019. O maior descenso dáse en Baleares (-20,9 %). A comunidade onde menos cae a ocupación é Murcia (-4,1 %). No que vai de ano, a maior caída rexístrase no arquipélago balear (-11,2 %), mentres que a murciana de novo aparece como a de menor perda de emprego (-1,2 %).

15 ago 2020 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.