Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A intelixencia artificial está de moda

    en 1990 púxenlle o nome de “Grupo de Sistemas Intelixentes” ao grupo de investigación ao que fun dando forma tras defender a miña tese doutoral. Son físico de formación, coa especialidade de electrónica, pero a miña tese e toda a miña vida profesional posterior discorreron no ámbito da intelixencia artificial. Algún lector estará pensado que mellor fora se o chamase “Grupo de Intelixencia Artificial”. De feito, foi o primeiro que me veu á cabeza e deille moitas voltas antes de descartalo. Pero puido a razón ao corazón. Naquel momento o termo “intelixencia artificial” non era apenas coñecido pola xente, non era apreciado no ámbito da empresa e case se circunscribía á contorna académica, con moi poucos grupos de investigación interesados nel e escasamente financiados. De modo que, sendo pragmático, busquei un nome que sen pretender ocultar aquilo que me interesaba e no que investigaba, tivese unha maior proximidade ao mundo da enxeñería e da empresa, e isto achegábao o uso da palabra “sistema”. Hoxe, máis de tres décadas despois, seguimos usando este nome e gústanos.

    Cóntolles todo isto porque a Fundación del Español Urgente, FundéuRAE, acaba de elixir “intelixencia artificial” como palabra do ano; ou como expresión do ano, máis ben, xa que son dúas palabras as que a forman. O dicionario da RAE defínea como “a disciplina científica que se ocupa de crear programas informáticos que executan operacións comparables ás que realiza a mente humana, como a aprendizaxe ou o razoamento lóxico”. É unha definición moi discutible, pero non o farei hoxe, que non quero que empecemos o novo ano rompéndonos a cabeza.

    Non cabe dúbida de que a intelixencia artificial está de moda. Está na fala da xente e déixanos pampos, un día si e outro tamén, cos logros aos que dá lugar en case calquera campo da actividade humana. A intelixencia artificial interesa moito socialmente, porque as súas capacidades son tantas, moitas aínda por construír e case todas por imaxinar, que levanta enormes expectativas e non poucas preocupacións.

    Moitas persoas cren, incluídos moitos autoproclamados expertos en IA, que nos referimos a un campo moi recente do saber humano. Con todo, non sendo unha das disciplinas científico-tecnolóxicas máis antigas, aproxímase xa ás sete décadas de vida.

    Nun documento presentado á Fundación Rockefeller, datado o 31 de agosto de 1955, un grupo de científicos, encabezados por John McCarthy, solicitaba fondos para organizar un encontro de un par de meses durante o verán de 1956, en Dartmouth College, unha universidade privada situada en Hanover, Novo Hampshire, Estados Unidos. No documento xa foi utilizado o termo “intelixencia artificial”, e conxecturábase sobre a posibilidade de que cada aspecto da aprendizaxe ou calquera outra característica da intelixencia puidese, en principio, ser descrita con tanta precisión que permitise ser simulado por unha máquina.

    Co tempo evidenciouse que había un optimismo excesivo nas cabezas dos participantes a este encontro. En todo caso, que emocionante resulta tanta ambición por ir máis aló do coñecido e do creado. Sen dúbida este é o espírito que nos trouxo ao mellor do que somos.

    A Fundación Rockefeller aprobou un orzamento de 13.500 dólares para a organización do encontro, cantidade que, se non estou equivocado, serían hoxe uns 150.000 dólares. Sen dúbida foi un dos investimentos máis rendibles da historia da ciencia. Con que sa envexa vexo o apoio que dan á investigación moitos axentes privados norteamericanos!

    Noutra parte do documento dise que “o problema da intelixencia artificial consiste en facer que unha máquina se comporte dunha forma que se consideraría intelixente se o fixese un ser humano”, referencia que se usa a miúdo como definición de IA, pero que, como a da RAE, é máis que cuestionable.

    O ano pasado a palabra elixida por FundéuRAE foi “vacina”, Oxalá a intelixencia artificial tamén se constrúa sobre a cooperación e pensando no ben común. Será a forma de lograr que se cumpran as expectativas e non os nosos temores.

    31 dic 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.