Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Lei Paz Andrade eleva a cinco mil os estudantes de portugués

En ESO e Bacharelato hai preto de 3.900 alumnos que o teñen como primeira ou segunda lingua extranxeira // A oposición pide máis iniciativas a prol da cultura lusa

Preto de 5.000 persoas cursan estudos oficiais de portugués na comunidade galega. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o avance progresivo deste idioma tanto nos centros educativos como nas escolas oficiais de idiomas que, en suma, contan con cinco veces máis alumnos destes ensinos en comparación co ano no que entrou en vigor a ‘Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía’, coñecida como ‘Lei Paz Andrade’.

O responsable autonómico de Política Lingüística compareceu este venres en comisión parlamentaria para dar conta do balance anual de seguimento da aplicación desta norma no ámbito educativo, cultural, de medios de comunicación ou normativo e de acción institucional, sobre o que valorou os avances rexistrados a pesar da incidencia da covid-19.

No primeiro caso, destacou o balance “moi positivo” e o crecemento “moi indicativo” a pesar das especiais circunstancias dos últimos dous anos, á pandemia sanitaria, con 3.897 alumnos de ESO e Bacharelato en 75 centros de toda Galicia que estudan portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira.

A cifra supón 482 estudantes máis que o pasado exercicio e unha suba de 3.036 en relación ao ano 2014-2015, no que entrou en vigor a ‘Lei Paz Andrade’. A eles sumou ademais os 1.021 alumnos que estudan lingua portuguesa en escolas oficiais de idiomas, alcanzando un total de 4.913 en todo o territorio galego.

García valorou iniciativas de nova implantación como o programa ‘Camões Júnior’, unha proba que permite avaliar a competencia global dos mozos na lingua portuguesa e obter o nivel de competencia correspondente no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), desde o A1 ata o B1. O IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, foi o primeiro dos centros galegos en realizar estas probas.

Outras iniciativas foron o programa ‘Piale’ que prevé formación para 35 docentes neste curso; as propostas ‘Axudasle’ e ‘Cuale’, dirixidos á formación para o alumnado; os máis de 70 estudantes que realizan formación en centros de traballo (FTC) en Portugal; e propostas como os ‘Meniños cantores’ ou as desenvolvidas por ‘Ponte nas ondas’. O secretario xeral de Política Lingüística tamén valorou o ‘Programa Iacobus’, “o de máis amplo espectro”, xestionado pola agrupación europea Galicia-Norte de Portugal e que inclúe 1.095 estancias de investigación no país veciño. En materia cultural, referiuse a iniciativas como ‘Nortear’, con encontros con escritores e exposicións, ás semanas culturais de converxencia entre Portugal e Galicia ou ao festival ‘Marei’ de música e poesía. E, entre outras iniciativas, referiuse ao papel da TVG, coa segunda temporada de ‘Auga seca’ ou a sección Apuntamento lusófono dentro do proxecto ‘#DigochoEu’

Noa Díaz: “unha tomadura de pelo”. Os portavoces dos grupos da oposición, pola súa banda, lamentaron os incumprimentos rexistrados desta norma desde a súa entrada en vigor hai sete anos. Noa Díaz, do grupo socialista, considerou “unha tomadura de pelo” a falta de remisión dun informe anual e pormenorizado á Cámara, e denunciou a falta de cumprimento do cinco artigos incluídos en norma.

Díaz censurou a falta de acción para promover a cultura e lingua portuguesas entre a sociedade galega e a “escasa conexión” e “descoordinación” co territorio, ademais da lentitude na incorporación progresiva deste idioma no ámbito de competencias de linguas estranxeiras, en comparación con outros territorios como Estremadura. Ademais, lamentou o ocorrido coa serie ‘Chegar á casa’, con actores portugueses falando no seu idioma e os galegos “falando en español”.

Implantación insuficiente para o bng

··· Mercedes Queixas, do BNG, constatou a falta dun proxecto “claro, integrador e transversal”, máis aló de presentar “un relatorio dun catalogo” en lugar dun plan vertebrado e estruturado para promover o desenvolvemento desta normativa. “Sooume demasiado ás intervencións doutros anos”, lamentou, preguntándose como sentirán as entidades promotoras da ILP que terminou co impulso a esta Lei e que xa en 2019 trasladaron “a súa desconformidade sobre o desenvolvemento e aplicación” da norma. Queixas criticou a implantación “insuficiente” no sistema educativo ou a falta de materiais didácticos ou a imposibilidade de escoitar programas de canles de medios de Portugal en Galicia.

··· A popular Sandra Vázquez Domínguez considerou estas acusacións “totalmente infundadas” e lembrou que o acordo de investidura do socialista Pedro Sánchez incluía, entre os seus compromisos, o impulso de acordos con Portugal para facilitar a recepción en Galicia da radio e televisión portuguesas.

18 dic 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.