Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A nova xerente do Sergas: “Outro modelo de organización é posible”

Estrella López-Pardo substitúe no cargo a José Flores Arias, que pasa a ser responsable da área de Pontevedra

A xerencia do Servizo Galego de Saúde muda de titular despois de dous anos. “Hoxe formalizamos dous cambios nun equipo cohesionado e que funciona” son as verbas coas que o titular da carteira de Sanidade, Julio García Comesaña, quixo facer referencia á toma de posesión do cargo por parte de Estrella López-Pardo, e á do xerente saínte, José Flores Arias, que ocupará o posto de máximo responsable da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que está vendo unha situación preculiarmente dura.

No acto, que tivo lugar o día de onte, López Pardo asegurou que responderá á encomenda “coa ilusión e coa dedicación” que puxo sempre ao longo da súatraxectoria, e salientou a súa clara aposta por “camiñar cara a sanidade do futuro” baixo un modelo sanitario no que “todos os ámitos da saúde poidan coordinarse e integrarse”.

Neste aspecto, o conselleiro de Saúde destacou o traballo de Estrella López-Pardo ao fronte da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, “da que sairon algúns dos proxectos máis importantes que a Consellería de Sanidade ten agora mesmo en marcha”, especialmente na atención primaria, como son a implantación das axendas de calidade nas categorías profesionais do primeiro nivel asistencial; a posta en marcha do sistema XIDE de xestión integral da demanda en equipo; ou o deseño dos primeiros plans locais de saúde, para dar maior autonomía de xestión aos equipos dos centros e traballar sobre obxectivos.

“Foi lóxico plantexar que fose Estrella López-Pardo quen pilotase agora a extensión, implantación, e profundización das liñas de reforma iniciadas”, engadiu sobre a nova responsable do Sergas. Para Comesaña, os moi bos resultados que obtivo nunha dirección xeral recén creada, “son aval que me levou a contar con ela para o reto de dirixir o Sergas, sumado ao amplo coñecemento deste organismo”.

Cambios no Sergas. Atendendo á situación actual dos servizos sanitarios en Galicia, a nova xerente do Servizo galego de Saúde admitiu que será preciso “salvar dificultades” durante a súa xestión, polo que todos e todas “teremos que esforzarnos máis”. Para isto pediu que tanto profesionais coma directivos den “o mellor de si mesmos”.

López-Pardo quixo comprometerse a camiñar cara un reforzo da xestión sanitaria porque “outro modelo de organización é posible”. Este cambio de modelo da atención sanitaria implica “transformar os servizos prestados vertebrando toda a atención arredor da atención primaria”, algo que, segundo indicou, “daralle máis músculo ao Sergas”, permitirá que a transformación dixital nos servizos e “porá á sanidade galega nun novo escenario, que é o que demanda a cidadanía”.

“Foi un ano intenso que acaba coa oportunidade de seguir remando desde outro lugar, ampliar a perspectiva como nunca tivera ocasión” explicou, “coordinando para conseguir a sanidade que queremos”. Neste aspecto, recoñeceu que a Covid-19 puxo “en evidencia certas cousas”, que agora “hai que aproveitar para mellorar”. “Debemos esforzarnos máis que nunca por exercer un liderado de servizo. Son tempos de facer equipo”.

Do mesmo xeito, Comesaña tamén fixo referencia á necesidade de continuar cos cambios na organización “xa iniciados dando pulo a outras categorías profesionais”. Quixo destacar neste eido o rol da enfermería e dos farmacéuticos, ou medidas como as axendas de calidade, a oitava área sanitaria, ou a convocatoria para a creación de 106 prazas de médicos de primaria.

Área de Pontevedra. Sobre o xerente saínte, Flores Arias, que foi nomeado responsable do Servizo Galego de Saúde en 2020 e que pasará a ser o relevo de José Ramón Gómez no posto de xerente do área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, Comesaña destacou “a súa templanza e prudencia á hora de afrontar os picos da pandemia da covid”, así como “o seu liderado para concebir o Sergas como un hospital único”, que compartiu os seus recursos para garantir a asistencia a toda a cidadanía galega que o necesitou. “Agora tócalle dirixir a posta a punto e entrada en funcionamento dun novo e importante proxecto como é o Gran Montecelo”, ademais da ser a área que vai dirixir, a de Pontevedra-O Salnés, “a que está a sufrir con maior dureza a situación de déficit de médicos de familia en primaria”.

No tocante á existencia de presións na área para o cambio de titular, o conselleiro salientou que “a situación de Pontevedra vén de atrás” e que “sindicatos e diversos actores hai tempo que piden cambios no equipo directivo, pero nós tomamos as decisións atendendo a todos os argumentarios”.

En referencia aos retos “que ten a Consellería e por tanto o doutor Flores” na zona, o conselleiro constatou a realidade de que “neste sistema nacional de saúde, en particular na área sanitaria de Pontevedra, estamos notando máis que noutras áreas esa dificultade”.

Con todo, Comesaña insistiu en que “crise sanitaria non é o concepto que temos que manexar agora” xa que, segundo indicou, o problema está vencellado á “falta de especialistas”, cuestión que depende do Goberno Central. Comesaña insistiu en que a Administración autonómica destina todos os medios nas súas competencias a paliar a citada falta de profesionais, “pero se alguén é responsable é quen desde o últimos catro anos non fixo nada por frear esta falta de médicos”. “O responsable último é o Ministerio de Sanidade”, salientou.

06 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito