Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
25X

A paisaxe humana de Xulio Maside

Doutora en Economía

Teño comigo a obra Xulio Maside editada pola Deputación da Coruña e que infelizmente non puido ser contemplada polo pintor. Diríamos que foi o penúltimo galano de María Esther, a súa compañeira de vida: edición coidada e magnífica dunha parte representativa da obra pictórica, así como da pormenorizada descrición biocronográfica do seu percurso vital.

Por razóns obvias -de coñecemento-, non podo me referir á obra pictórica de Xulio Maside, máis alá de manifestar o meu gosto e admiración, mais si hai un aspecto que me parece sumamente interesante, que é o referido ás condicións de produción da súa obra artística: forman parte dela, de maneira estrutural, o acompañamento de María Esther, o ambiente cultural progresista-reivindicativo de Santiago no franquismo e na primeira etapa democrática e, por suposto, as relacións sociais no ámbito dos profesionais que compartiron afeizón, dedicación, profisión e intereses.

Pintores como el de proxeción internacional, escritores... e todos aqueles que, mesmo arredor do cinema de vangarda, se movían activamente en Compostela. Ese ambiente cultural rico, contestatario, progresista e fondamente galego constituiu o que podemos denominar requisitos sociais previos para poder acoller a vida dun artista e que se desenvolvera ao longo de varias décadas sen deixar de pintar, de innovar e de continuar (nas súas propias palabras) “unha longa viaxe a través dun espazo e dunha superficie limitada por catro lados, que vén sendo o cadro.

En tan sinalado espazo pódese vivir a máis inesgotable das experiencias, verdadeira aventura e misteriosa, pois o que non sabe o artista é onde vai chegar...hai unha meta fantasmal.., ese norte é o proceso creativo, nese longo camiñar da man somente da súa intuición, sensibilidade artística e da súa inteleixencia, pensamento e bagaxe cultural, apoiandose nun pau, canto máis rexo mellor, que vén sendo a técnica, materiais, debuxo, etc”. Xulio Maside gozou dun ambiente persoal, profisional e compostelano que lle permitiu, loxicamente cos atrancos proprios da vida de cada un, crear unha obra pictórica da que nos orgullamos como cidadáns deste país.

Mais ao mesmo tempo é moi interesante para nos valorar no que corresponde cada un deses requisitos de produción da obra, que sinalamos arriba. A compañía activa de María Esther Rodríguez Losada vai moito máis alá do que esa palabra,compañeira, significa: o seu coñecemento e capacidade de valorar a obra pictórica foi posto ao servizo durante toda unha vida, sementando harmonía, alento, e recoñecemento no plano máis próximo.

Ademais, María Esther -así ficou posto de relevo neste volume- exerceu de axente con intereses compartidos, para salvagarda, rexisto e mantemento da obra e as manifestacións públicas da mesma, ao longo de toda unha vida. A acolledora cidade compostelá constituiu tamén unha rede ou rico tecido cultural onde os proxectos, as obras ou as creacións doutros moitos artistas, artesáns e intelectuais eran acollidas e consideradas na mesma medida en que podería ter sucedido nun outro ambiente idealmente cosmopolita.

O tamaño da cidade non foi nunca neste caso un impedimento da creación e da vangarda senón, ao contrario, unha alavanca da procura da excelencia de cada un. Así fica reflectido na obra de Xulio, na súa evolución nas distintas etapas e no seu compromiso consigo mesmo, a mellor cualidade do artista como intérpetre da realidade vivida.

  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito