Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“A pandemia aumentou a desigualdade e rexuveneceu o rostro da pobreza en Galicia”

Fundación Amigos de Galicia, entidade ao servizo de persoas en risco de exclusión social, reafirma que a crise sanitaria trouxo consigo abundantes efectos negativos

A COVID trouxo consigo un fío de incerteza, e á súa vez maiores nieves de exclusión social. Para achegarnos máis ao tema, falamos con responsables de Fundación Amigos de Galicia, unha entidade prestadora de servizos sociais e axencia de colocación cuxos principais obxectivos son “mellorar a empregabilidade, a busca activa de emprego e a inserción laboral das persoas que teñen dificultades para a integración laboral; a loita contra a pobreza e a exclusión social a través da cobertura das necesidades básicas; a especial protección da infancia; a atención a mulleres en situación de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade, prestando atención tanto para elas como para os menores afectados; a atención a persoas maiores que viven solas”.

- Realizan campañas para recaudar fondos, qué tipo de campañas son? Teñen moita participación?

A entidade pon á disposición da cidadanía diferentes vías de colaboración para quen desexe apoiar o labor que vimos desenvolvendo cos colectivos en risco de exclusión social. Para iso, habilitamos a posibilidade de facerse socia/o aportando unha cantidade económica anual. Así mesmo, desenvolvemos ao longo do ano diferentes campañas de captación de fondos e de colaboración para diferentes iniciativas relacionadas coa protección da infancia, cobertura de necesidades básicas, etc. A partir da crise sanitaria do COVID-19, a entidade comezou a priorizar a colaboración económica ás doazóns en especie, co obxectivo de cumprir as medidas de prevención sanitarias, recibindo unha boa resposta por parte da cidanía e empresas e entidades colaboradoras.

- A Covid trouxo consigo efectos negativos, a quen consideran que tivo afectado máis?

A pandemia mundial da COVID-19 agravou o risco de pobreza e exclusión social que viven moitas familias, empeorando a situación laboral de seis de cada dez familias vulnerables da nosa Comunidade Autónoma. Moitos fogares galegos atópanse actualmente nunha situación económica moi grave derivada da perda dun emprego e a angustia por saber cando recibirán as axudas. Os datos que manexa a Fundación Amigos de Galicia -na área de Traballo Social- son preocupantes, xa que o número de fogares sen ingresos sigue en aumento. Isto se traduce nun aumento considerable das solicitudes de axuda que chegan a través das canles ofertadas pola entidade, moitas delas de persoas que nunca tiveran que acudir a entidades sociais para solicitar axuda.

-Teñen constancia de que o índice de pobreza infantil aumentou durante esta pandemia?

A pandemia aumentou a desigualdade e rexuveneceu o rostro da pobreza en Galicia. A infancia e a adolescencia son colectivos máis afectados con respecto a outros. Das atencións realizadas pola entidade no ano 2020, o 35,59% corresponden á infancia e xuventude. Para a infancia e xuventude, a entidade desenvolve ao longo do ano diferentes programas co obxectivo de evitar a súa exclusión social. Un dos programas desenvoltos neste eido é o de seguimento escolar denominado “En igualdade dende a escola”, que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades de libros, material escolar e outras necesidades (gafas graduadas, audífonos, sistemas de monitorización de glucosa, etc.); dos usuarios e usuarias da entidade en idade de escolarización. Este ano puxo en marcha o programa “Dixitalízate con Nós” dentro das actividades de apoio á infancia, para cubrir ás necesidades básicas que se sumaron co confinamento: a falta de ordenadores e tabletas e acceso a internet, co obxectivo de facer fronte á situación de apagón tecnolóxico no que se atopan moitas familias de Galicia. A realidade que se nos presenta, na que as aulas virtuais e o ensino a distancia están gañando peso, pon de manifesto que debemos poñer o noso foco de atención naqueles menores que non contan con acceso a internet e coa tecnoloxía necesaria para poder levar a cabo os seus estudos de forma virtual ou con recursos suficientes para cubrir as súas necesidades educativas.

A entidade ponse en contacto con todos os centros escolares de Galicia ao comezo do curso parar poñerse a disposición por se detectan o caso dalgún menor que, por atoparse a súa familia en risco de exclusión social, poida ter algunha carencia referida a necesidades escolares. Neste eido cabe destacar que Fundación Amigos de Galicia vén recibindo nos últimos meses un aumento das solicitudes por parte da dirección e profesorados dos centros educativos que detectan situacións de menores cuxas familias non poden facer fronte a estas necesidades.

Así mesmo, en relación á infancia, dende a entidade centramos os nosos esforzos en protexer aos menores que sufran calquera tipo de violencia, abuso ou acoso; tendo en conta que estas situacións teñen consecuencias a longo prazo na súa saúde, e nos peores casos con danos irreparables.

- Os datos de mulleres que continúan a ser vítimas de violencia de xénero é alarmante no contexto nacional. Hai en Galicia moitas mulleres que precisen da súa axuda porque están a vivir esta lamentable situación?

A entidade leva a cabo un programa dirixido a mulleres que sufriron, están a sufrir ou poderían sufrir violencia de xénero, ofertando unha serie de servizos en función das súas necesidades, no campo do asesoramento psicolóxico, xurídico, laboral e apoio social. Esta atención vai dirixida tanto a elas como aos menores afectados. O programa inclúe tamén accións vinculadas á prevención da violencia de xénero, tanto ás persoas que polas súas características persoais e de xénero e a súa contorna social e/ou familiar puideron ser susceptibles a sufrilo. Durante o ano 2020, atendeu 191 mulleres nesta situación.

- Tamén se dirixen a persoas de máis de 65 anos que están en situación de soidade, como interrumpiu a Covid o funcionamento normal deste programa?

En Galicia, máis de 130.000 persoas maiores de 65 anos viven soas, moitas delas por carecer de familiares ou persoas de referencia. Isto ocasiona que se atopen en situación de vulnerabilidade e illamento social. Unha situación que se viu agravada como consecuencia da crise da COVID, sendo as persoas maiores as máis afectadas, non só polo risco de contraer a enfermidade, senón por factores como o illamento social, o cambio de rutinas ou a exposición aos medios de comunicación con noticias tráxicas que afectan á súa saúde psicolóxica, ocasionándolles tensión, ansiedade ou depresión. Tamén aumentaron os casos de persoas maiores que ven descoidada a súa saúde polo aumento das consultas telefónicas ás que lles é difícil acceder, a solicitude de citas médicas por internet que non poden pedir por non seren capaces de manexarse coas novas tecnoloxías e mesmo a interrupción dos seus tratamentos médicos ou a renuncia para tomar os fármacos prescritos por non ter medios para poder ir a por eles ás farmacias.

En Fundación Amigos de Galicia somos conscientes de que moitas destas persoas que viven en soedade son remisas a pedir axuda, pero insistimos en que a sociedade civil, as entidades e a administración deben poñer o foco en axudalas e atendelas para que poidan pasar a súa vellez con dignidade.

Consideramos que é fundamental a creación dunha rede de apoio veciñal, para que os veciños que detecten casos de persoas en situación de soedade ou vulnerabilidade poidan remitilos ás entidades ou administracións competentes. Desde Fundación Amigos de Galicia poñémonos ao dispor das persoas maiores que necesiten axuda. Estas persoas serán atendidas polas traballadoras sociais e a psicóloga da entidade para axudarlles cos seus problemas, prestarlles atención psicolóxica e converterse en puntos de referencia aos que dirixirse se necesitan axuda.

13 abr 2021 / 10:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.