Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

A pandemia silenciosa

Química Orgánica. Investigadora principal no CiQUS

Quizá estean de acordo comigo que a pandemia causada pola aparición e a propagación a nivel mundial do coronavirus SARS-CoV2, supuxo un punto de inflexión nas nosas vidas. É insólito como un « virus » puxo en xaque a saúde e a economía global, facendo vulnerables a millóns de homes e mulleres.

As duras experiencias vividas nestes tres últimos anos permitiron apreciar o valor, no noso día a día, de moitas cousas cotiás das que quizás non eramos conscientes do seu impacto.

No día grande de Galicia e de Compostela, quero aproveitar este espazo que me brinda El Correo Gallego para concienciar, e reflexionar, sobre outra pandemia que desafortunadamente nos axexa silenciosamente, « as superbacterias ». Son bacterias resistentes a varios antibióticos de forma simultánea que actualmente ameazan o excelente arsenal de medicamentos que temos desenvolvido durante os derradeiros 70 anos, que permitiron curar enfermidades que antes eran mortais, como a lepra, o cólera, a peste bubónica, a pneumonía ou a tuberculose.

Os antibióticos, que moitos chamamos « salvadores de vidas », xa non funcionan como antes, sobre todo cando as bacterias infectan persoas con un sistema inmune débil, o noso mellor mecanismo de loita contra elas. As bacterias foron evolucionando, cambiando, adaptándose a nós, como fixo e o fai o coronavirus. Sobreviven facéndose fortes fronte aos antibióticos desenvolvendo mecanismos de evasión, « de escape », cada vez máis sofisticados. Así fármacos que funcionaban ben, deixaron de ser eficaces, non sendo quen de eliminar a infección do paciente.

Isto é un problema que preocupa enormemente aos médicos e aos científicos, sobre todo no eido hospitalario, xa que os antibióticos son moi importantes para o éxito de moitas outras terapias relevantes. Por exemplo, en persoas sometidas a quimioterapia contra ao cancro, a diálise para a insuficiencia renal, a transplantes ou a cirurxía xeral. Nestes casos, os antibióticos permiten solucionar os cadros infecciosos, é dicir, as complicacións que a miúdo sofren estes pacientes e que comprometen a súa saúde e, con iso, a súa recuperación.

O uso abusivo e excesivo que temos feito deles durante anos, é un dos factores que disparou este problema ata os niveles actuais. Non eramos moi conscientes de que as bacterias vólvense resistentes como resposta o tratamento cos antibióticos. Canto máis os usemos máis resistencia imos ter xa que para elas é unha batalla « morrer ou vivir ».

A resistencia aos antibióticos ten ademais un enorme impacto económico nos sistemas de saúde e na sociedade. Así, o Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC) estima que ao redor de 25.000 europeos morren cada ano como consecuencia directa de infeccións resistentes a múltiples fármacos, o que supón un gasto de €1500 millóns en custos adicionais de atención ao paciente. Se a iso sumámoslle as melloras logradas no manexo das enfermidades crónicas, así como o envellecemento progresivo da poboación, a resistencia aos antibióticos está a chegar a niveis tan perigosos, que a Organización Mundial da Saúde (OMS) calcula que no 2050 as mortes por resistencia aos antibióticos superarán ás causadas polo cancro.

Isto levou á OMS para considerar hoxe en día á resistencia aos antibióticos, unha das tres maiores ameazas para a saúde humana nas próximas décadas.

Como científica traballando no eido das enfermidades infecciosas, penso que a pandemia demostrou con claridade o terrible custo de non estar preparado contra as infeccións causadas por microorganismos patóxenos, e que non é posible desenvolver unha « cura » para mañá, por moito que apuren os investigadores.

Confío que o vivido co COVI-19 permita « atraer maior vontade política » na aposta pola investigación en xeral, e no eido das enfermidades infecciosas en particular. A resistencia aos antibióticos avanza máis lentamente que o virus, pero a súa evolución é implacable.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito