Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Mar Lorenzo // Nova decana da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago

“ A sociedade ten que ver na Facultade un referente dende o punto de vista educativo”

Pertence ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación e é membro do Grupo de Investigación ESCULCA da USC. Obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa en 2007 e o 3º en 2003. Estivo oito anos como vicerreitora de Cultura, Servizos e Igualdade da USC co equipo de Senén Barro e a posteriori de Antonio López

Como afronta o cargo de decana da Facultade de Ciencias da Educación?

Afronto o cargo con moitísima ilusión por dous motivos. Primeiro, polo programa que presentamos que considero que é ambicioso a medio e a longo prazo e segundo, polo equipo que me acompaña xa que cando o conformei todas as persoas coas que falei enmarcáronse neste reto dunha forma entusiasta. Afrontarei esta etapa con moita ilusión, prudencia e coa confianza do traballo desenvolvido ao longo dos oito anos precedentes pola decana Carmen Fernández Morante que iso tamén é un base moi sólida para que eu agora poida construír un proxecto.

Verase reducida a carga horaria docente no momento en que comecece a desempeñar as funcións deste posto?

Xa cando era vicerreitora eu seguín dando aulas porque a docencia é unha das cousas que máis me gusta. O estar en contacto coas miñas alumnas e ver o que elas pensan de moitas cousas. Seguirei dando as materias que me corresponden no máster e tamén as materias de pedagoxía penitenciaria e pedagoxía laboral e familiar que son as que imparto na Facultade. Verase reducida a carga horaria pero seguramente este ano aínda non por cuestións de axuste.

Cales son os principais retos nos que se centrará o equipo decanal nos próximos anos?

No programa constan dez liñas estratéxicas e cada unha delas ten distintas accións. Concretamente plantexamos sesenta. O programa comeza cunha liña que é a facultade como institución, esa idea de que somos unha única Facultade aínda que estemos nos dous campus, norte e sur. E así nos debemos proxectar na sociedade ademais de seguir consolidando a nosa identidade como centro que somos. Un dos elementos que sempre nos preocupou foi iso, que a Facultade se ten que abrir máis á sociedade e esta ten que ver na Facultade un referente dende o punto de vista educativo, que xa o é, pero aínda con máis proximidade.

Sobre as infraestruturas e equipamentos da Facultade. Cales son as carencias?

Iso tamén se inclúe no programa. Mellorará o traballo que realizamos e redundará na formación do noso estudantado. Levamos moitos anos reclamando a unificación da Facultade e parece que este ano vamos arrancar o concurso de ideas. Un dos meus obxectivos como decana é que o edificio figure na axenda do equipo reitoral e concretamente na política deste equipo. Este edificio no Campus Norte é un edificio con moitísimas carencias. Os meus compañeiros tratan de suplilas dando todo o que poden dar para que a docencia sexa de moita calidade pero evidentemente o espazo, que é un elemento máis do proxecto educativo, non acompaña ao que debe ser a formación de mestres e mestras do século XXI.

Contémplase un aumento da oferta docente?

Cando falamos de ampliar a oferta docente seguramente un novo edificio nolo permitira, ademais de que é algo que moitas veces se nos demanda por parte do alumnado. Pero hai outro elemento a considerar que é o equipo docente, o cal cubre absolutamente todo o horario. Esta Facultade destaca a nivel Galicia e España pola docencia e investigación. Aquí xestiónanse proxectos nacionais e europeos. Temos os tres únicos grupos de referencia competitiva que hai en Educación. En definitiva, o persoal cubre o seu encargo docente e ademais ten unha labor de investigación moi forte e recoñecida. Tal e como estamo a nivel de cadro de persoal tería que crecer si se plantexa un aumento da oferta.

O relevo xeracional na Facultade.

A pesar de que os programas de doutoramento non son do centro e dependen da Escola de Doutoramento Internacional temos dous programas que están a funcionar moi ben e a nosa tasa de lectura de tese é moi boa. Xustamente cando un profesor ou profesora se está xubilando sácanse prazas de axudante doutor e estamos tendo xa unha masa crítica de xente nova con moitas ganas de facer cousas, de innovar e traer aires novos. Nun período de cinco anos vamos a ter un nivel de xubilacións alto pero é verdade que a Facultade se foi preparando para que teñamos un relevo xeracional. Por parte dos grupos de investigación está habendo unha labor pedagóxica de formar tamén a persoas para que sigan a liderar eses grupos e preparar ao profesorado novel para afrontarse a un escenario que moitas veces non é doado porque temos en moitas ocasións carencias de material, entre outras.

A internacionalización. Dende a Facultade apóstase polo intercambio con alumnado dotros países?

Cando falabas dos retos, no programa un dos eixos é o alumnado. Como Universidade nós non existiriamos se non tiveramos alumnado e iso para min é clave. O apartado que máis accións ten é xustamente o do estudantado e unha delas é a mobilidade. Hai que motivar máis a saída e entrada de alumnos. Hai un vicedecanato con competencias específicas neste ámbito porque cremos que é un dos aspectos que mellora as competencias transversais do noso estudantado e que son básicas para a inserción laboral. Esa é unha das miñas preocupacións e tamén preparar o alumnado para adentrarse no mercado polo que queremos activar un programa de orientación laboral dirixido ao estudantado de último ano.

A preservación da lingua e cultura galega. De que xeito se pode traballar isto dende a Facultade?

Entendemos que no proxecto formativo da Facultade temos que resalta este aspecto, aínda que segundo os últimos datos e xunto coa Facultade de Ciencias da Educación é onde máis empregamos o galego na docencia. Preparamos a mestres, pedagogos e pegadogas e educadores sociais e eles deben ser os que axuden a preservar o uso da nosa lingua máis alá dos contextos familiares e informais. A persoa que se vai ocupar desta cuestión é a vicedecana María López Sández que ten competencias específicas en Cultura e Normalización Lingüística para poñer en marcha un programa onde a cultura e a lingua galega formen parte dese proxecto formativo.

Opinión persoal sobre a Educación en Galicia.

Os que nos adicamos á Educación en sentido amplo poderiamos falar de moitas cousas. Agora estamos esperando a todo o que ten ver co desenvolvemento dos decretos que abre novas oportunidades para o sistema educativo, pero cando falamos de educación temos que ter en conta dous elementos que son clave. Por un lado, a familia en referencia á importancia que ten dende o ámbito escolar implicar aos pais e nais no proxecto educativo dos seus fillos e fillas e a comunidade. Hai que entender que a educación é un proxecto de toda a sociedade.

Grupo de investigación ESCULCA

Como membro do Grupo de investigación ESCULCA Mar ar Lorenzo resalta catro proxectos. Recentemente concedérolle un proxecto nacional para analizar o papel da comunidade nos proxectos de aprendizaxe e servizo na Universidade. Levarano a cabo, durante os vindeiros catro anos, con universidades españolas e estranxeiras, entre elas a Universidade de Porto e Harvard. Tamén lles acaban de conceder un Erasmus plus para traballar dende a Universidade na integración e inclusión das persoas refuxiadas en Europa. Neste caso irán da man de Italia e Irlanda. Por outra banda teñen outro proxecto no que afirma estar moi implicada que consiste na avaliación dun programa que está a desenvolver a fundación Meniños e Arela de preservación familiar. Por último, un proxecto que leva por título ‘Arredor do rural ‘ e no que por medio da acción do estudantado da Universidade tratan de poñer en valor as comunidades rurais.

02 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.