Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A USC abre o prazo de inscrición do Programa para Deixar de Fumar

A iniciativa é gratuita e lévase a cabo mediante videochamadas e unha aplicación propia

Santiago. A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) abre ao longo deste mes de outubro o prazo para inscribirse no Programa para Deixar de Fumar. Dende o 2020 esta iniciativa desenvólvese en liña, a través de viodechamadas e dunha aplicación desenvolta polo seu equipo investigador.

“O programa consiste nun tratamento psicolóxico cun alto nivel de eficacia”, explica Elisardo Becoña, director asistencial da Unidade e catedrático de Psicoloxía clínica da USC. “Ata o de agora, a satisfacción das persoas fumadoras coa App e o programa é moi alta”, engade.

Abstinencia do 70%. Segundo explica, a introducción desta nova aplicación para dispositivos móbiles incrementou o éxito do tratamento xa que o seu uso “facilita deixar de fumar e previr a recaída ao longo do tempo, unha vez que a persoa está abstinente”, indica o profesor Becoña.

De feito, os últimos datos dispoñibles sinalan unha porcentaxe de abstinencia do 70% ao finalizar o tratamento.

Debido aos bos resultados obtidos con este programa para deixar de fumar, os primeiros datos sobre o alto grao de eficacia que presenta están a presentarse en distintos congresos internacionais, como sucedeu recentemente no Congreso Europeo de Terapia de Conduta.

A combinación desta aplicación xunto co Programa para Deixar de Fumar fai deste tratamento “algo novo, facilitando que a persoa se atope acompañada durante todo o proceso de abandono, combinando as sesións co terapeuta xunto a un recurso ao que pode acudir en calquera momento do día e todos os días do ano”, engade.

Servizo de balde. Este Programa para Deixar de Fumar da USC é totalmente gratuíto, e lévase a cabo ao longo de oito sesións. Estas desenvólvense en liña, unha vez á semana e cunha duración dunha hora aproximadamente. Un formato que presenta a clara vantaxe de permitir á s persoas fumadoras deixar esta adicción dende a casa e dun xeito cómodo e sinxelo.

Para obter máis información ao respecto, a USC ten a a disposición do público interesado o número de teléfono 881 81 39 39 . E.N.

05 oct 2022 / 21:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito