Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
EDUCACIÓN. As carreiras de ciencias experimentais e da saúde posiciónanse como as máis demandadas polo estudantado galego TEXTO Paula Pérez Cantelar

A USC conta cas 10 notas de corte máis altas

Despois da publicación o luns por parte da Comisión interuniversitaria de Galicia (CiUG) da lista das primeiras notas de corte para o acceso aos campus galegos, pódense fincar certas conclusións. A primeira: a Universidade de Santiago acolle, un ano máis, as notas de corte máis altas da comunidade galega e estas –as dez primeiras– concéntranse no campus compostelá. A segunda: as carreiras da rama de ciencias son as máis demandadas, tanto as sanitarias como as experimentais, pois das 25 carreiras que requiren máis cualificación na admisión de novos alumnos, 22 entran dentro destes parámetros. Tan só hai 3 excepcións: os dobres graos en Xornalismo e Comunicación Audiovisual, da USC; en Mestre de Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria, tamén da USC; e en Administración e Dirección de Empresas e Dereito, da institución coruñesa.

As simultaneidades de estudos ocupan de novo o podio galego debido á pouca cantidade de prazas que, normalmente, adoitan ofertar. O ouro volta para Matemáticas e Física, cun actual 13,691, e un 13,270 no peche de listas final do curso pasado que o posicionaba tamén na titulación con maior nota de corte na comunidade galega. A prata consíguea tamén, outro ano máis, o dobre de Enxeñaría Informática e Matemáticas, que conta cun 13,479, cunha diferencia de 3 décimas con respecto ao pasado ano. O bronce semella alterarse nun principio nesta ocasión, de modo que, o dobre grao de Química e Física, cun 13,125 nesta primeira convocatoria, pásalle por diante, quitándolle o acomodado posto, á clásica dobre titulación de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, que cun 12,960 posiciónase agora como posto cuarto das carrerias máis esixentes. Todas estas son carreiras da USC e do campus compostelano.

Tras dun podio de dobres graos científicos, dase paso a Medicina, que por primeira vez acolle a alumnos e alumnas con máis dun 13,031. Síguea a comentada dobre titulación da rama de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, que comeza ca serie dos 12, o conxunto de 13 estudos universitarios que requeriron máis dun 12 para poder, este ano, ter accedido na primeira convocatoria. Odontoloxía un curso máis a estas alturas anda arredor desta cualificación, sucedendo ao pasado 12, 080 nas primeiras convocatorias un, ata agora, 12,696. Síguena os graos de Enfermaría, Matemáticas e Física, que na última listaxe publicada pola CiUG tras a Abau deste ano rexistraron un aumento de aproximadamente un punto, colocándose cun 12,671, un 12,563 e un 12,500 respectivamente. No décimo lugar atópase a dobre titulación de Mestre en Educación Infantil e Primaria, que computa tamén unha suba de 11,630 a un 12,474. Así, péchase a seguida racha da Universidade de Santiago e do campus compostelán.

A primeira enxeñaría solitaria rexistrada neste ránquin é a recente Biomédica da UVigo e do campus da mesma cidade, que pasa dun 11,550 o pasado curso a un actual 12,440. Tres postos máis abaixo atópase o seu dobre estudo coa Enxeñaría Mecánica, que cun 12,122, supera en menos dunha décima ao tamén dobre grao da Biomédica coa Enxeñaría Electrónica, Industrial e Automática, que se posiciona cun 12,058 dous postos embaixo. Entre medias encóntrase Bioquímica no Campus de Lugo da USC cun 12,240; Enfermaría no da Coruña da UDC que sube dende un 10,572 ao 12,198; e o grao de Enxeñaría Aeroespacial do Campus de Ourense da Uvigo que pasa dun 10,262 a un 12,070.

A simultaneidade de estudos de Farmacia e Óptica e Optometría na USC computa a última nota de 12, cun 12,030, rexistrando unha suba de aproximadamente 2 puntos. Séguena a Enxeñaría Informática da USC cun 11, 930 e o grao en Fisioterapia na UDC cun 11,871, que suman un punto máis que o pasado ano; as Enfermerías do Meixoeiro, do Campus de Ourense e do de Pontevedra, da Uvigo, que quedan nun 11,800, un 11,690 e un 11,650; o dobre grao de ADE e Dereito da UDC cun 11,734 e o de Veterinaria da USC cun 11, 670, cun punto máis cada unha e colocadas nesta enumeración entre medias das devanditas enfermarías; para pechar cun tamén 11,650 de Farmacia na USC, que conta cunha diferencia de máis de dous puntos e medio coa nota do anterior ano.

“as cualificacións baixarán
en próximas listas”
Celso Rodríguez Presidente da CiUG

Dende a CiUG non acolleron con sorpresa a inusual suba de notas de corte nesta primeira convocatoria, porque segundo afirma Celso Rodríguez, o seu presidente, “manexámonos máis que polas notas, polo número de persoas”. Deste xeito, son conscientes do aumento de solicitudes, pero están máis pendentes de ata que número de persoas se admite e non da nota destas, xa que o valoran dende un punto de vista técnico.

Celso Rodríguez achega, ademais, a súa teoría de por que as notas de corte sufriron un notable ascenso: “Os estudantes tiñan unha mensaxe clara de que nos exames podían sacar un 10 con aquilo que se vira ata marzo e polo tanto estou seguro de que, algúns deles, licitamente, escolleron a estratexia de repasar e estudar os primeiros dous terzos do programa. Esa parte tíñana máis dominada, e como podían facer un exame só cas preguntas desa parte, subiron as notas”, confirmando así moitas hipóteses.

Considera tamén que as notas baixarán un pouco nas seguintes convocatorias, pois cree que “os estudantes solicitaron en máis opcións”, e coida que alén disto, moitos alumnos xa convocados nesta primeira listaxe puideron ter aplicado e entrado noutros distritos universitarios, abandonando pois a praza galega e quedando esta vacante para quen se manteña na lista de espera.

13 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito