Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A voltas coa AP-9

    as grandes infraestrUturas, como a AP-9, deben ser financiadas. En España utilizáronse dous grandes modelos: con cargo aos impostos (é dicir, pagan todos os cidadáns en función da súa contribución impositiva) ou con cargo aos usuarios, que reintegran ao longo do tempo a unha empresa privada (concesionaria) os fondos que previamente esta adiantou. Pódense discutir as vantaxes de cada fórmula, pero esta última non discrimina se é utilizada con carácter xeral, en distintos lugares, para cubrir necesidades de mobilidade ás que o orzamento público non pode atender.

    Sen embargo, introduce desigualdade cando esta fórmula é aplicada só a algunha vía. Xustamente isto é o que sucedeu coa prórroga da concesión da AP-9 até 2048 feita a inicios deste século polo Goberno Aznar (a cambio de compromisos de investimento): a conclusión doutras concesións vaina converter en poucos anos na única infraestrutura en España que seguirá financiada deste xeito durante máis de dúas décadas.

    Por iso a transferencia das competencias de xestión a Galicia favorece un control de proximidade, pero apenas cambiará nada: Audasa seguirá sendo responsable deste vector central de comunicación terrestre na cidade alongada entre Ferrol e Tui. Á cidadanía máis afastada do ruído político pode chamarlle a atención que o mesmo partido que puxo en mans da concesionaria a xestión da autoestrada até 2048 estea agora empeñado en recuperar con rapidez unha competencia baleira de contido, pois non permitiría rematar coa discriminación. Algo que o propio Goberno Rajoy bloqueou. Benvido sexa.

    ¿Como reverter a discriminación? Dado que a compañía concesionaria ten dereitos lexítimos (os ingresos por peaxes esperados nos vindeiros vinte e sete exercicios) que é preciso respectar, adquirir a empresa aos seus propietarios obrigaría a destinar 2.000 millóns de euros entre o valor estimado de mercado e os pasivos a asumir. A única vía eficaz consiste en transformar parte dos pagos por peaxes en subvencións públicas. Abonar á concesionaria unha compensación anual obriga a dispor de recursos no orzamento público de cada exercicio. Nos Orzamentos Xerais do Estado de 2021 consignouse así unha partida elevada, equivalente a máis do 40% dos ingresos da empresa nun exercicio normal. Esa era a condición necesaria. Por certo, tanto o PP como o BNG ao votar en contra deses orzamentos dificultaban esa posibilidade. Non deixa de ser un recoñecemento de error considerar un aldraxe facer un uso responsable dos 66 millóns consignados neles para a rebaixa de peaxes.

    Transformar a condición necesaria en suficiente supón un exercicio de negociación coa empresa. Esta debe defender os beneficios do seu accionariado. O Ministerio de Transportes, o interese público. Ten que evitar efectos distributivos regresivos (que a rebaixa de peaxes beneficie sobre todo aos cidadáns de maior renda ou riqueza) e o sobre lucro extraordinario da compañía concesionaria. É conveniente diferenciar entre aqueles que usan a autoestrada para traballar, diariamente, e os desprazamentos ligados ao ocio. É imprescindible calcular como unha redución das tarifas pode afectar ao incremento do tráfico (a elasticidade prezo da demanda dos manuais de economía), facendo que un número crecente de persoas utilice agora a autoestrada en vez de vías nacionais ou comarcais. Distinguir entre o crecemento orgánico e o asociado á caída ou eliminación das peaxes é un elemento decisivo da negociación.

    A solidez da posición negociadora da empresa deriva da firmeza dos seus dereitos. A dificultade do Ministerio nace do propósito público coñecido e da consignación orzamentaria feita: unha nítida declaración de intencións. Se lle sumamos unha presión crecente para que a sinatura do acordo se consume canto antes podemos prever fendas na defensa do ben común. O acordo debe servir para regular as relacións durante os vinte e sete anos que restan da concesión. A presa non é boa conselleira.

    Impulsemos a transferencia da competencia sobre a AP-9 á Xunta e, sobre todo, apuremos unha negociación que permita unha rebaixa substancial das peaxes ligadas ao uso cotián da autoestrada no marco do interese público.

    04 mar 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.