Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Xunta estuda revisar as medidas polo aumento de casos entre os mozos

O conselleiro de Sanidade admite que a situación epidemiolóxica de Galicia “empeora”, se ben a ocupación nos hospitais segue a ser “boa”. Un dos 10 mozos galegos con COVID en Mallorca estaría xa recuperado

O conselleiro de Sanidade, que compareceu este sábado ante os medios de comunicación para dar os detalles da autocita para a vacina do COVID, admitiu que a situación epidemiolóxica de Galicia “empeora”, pero nun escenario diferente porque o incremento de casos estase a producir na franxa de 12 a 19 anos, en primeiro lugar, e na de 19 a 30, en segundo. O feito de que sexan persoas novas permite “manter unha situación boa nos hospitais, que confiamos en que siga mellorando”. Tamén adiantou Julio García Comesaña que “probablemente haxa que revisar as medidas en función destas características”.

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública confirmou que a día de hoxe hai 184 casos en Galicia asociados ao gromo de Mallorca. A Xunta manexa ademais “entre 400 e 430 contactos”. No tocante aos 5 positivos trasladados en ferry desde Baleares, Carmen Durán sinalou que as persoas que viñan no barco “e eran inicialmente negativos, pasan a ser contactos estreitos e teñen que gardar unha corentena de 10 días a partir do 1 de xullo. Na illa continúan 10 mozos galegos positivos, dos que un deles xa podería estar de regreso a Galicia. Os outros nove, apuntou, foron desprazados ao hotel habilitado en Mallorca para tódolos casos positivos.

Tanto Durán como García Comesaña falaron de “coordinación total” coas autoridades sanitarias de Baleares desde o primeiro momento. O conselleiro incidiu na “firme aposta da Xunta por facer as probas nos aeroportos galegos”.

PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A preguntas dos xornalistas, o responsable de Sanidade confirmou que o seu departamento traballa xa no listado das persoas con discapacidade para proceder á súa vacinación.

ÁREAS EN SEGUEMENTO

Por outra banda, Carmen Durán dixo que a comarca de Pontevedra está en seguemento porque aumenta o número de casos, en concreto nos municipios de Pontevedra e Poio. Tamén ocorre o mesmo na cidade de Ourense. Ademais, “amplíase o seguemento a Vilagarcía, cunha incidencia activa de 133 casos por 100.000 habitantes”, e continúa a vixilancia en Sarria e Carnota.

03 jul 2021 / 14:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.