Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A Xunta inicia a elaboración dos Orzamentos 2023 contando cos fondos Next Generation UE

Apóstase por unha planificación a medio prazo; así o novo Plan Estratéxico de Galicia 2030 orientará o investimento para ese ano // Búscase a modernización e sustentabilidade do tecido produtivo // Péchase o marco de axudas comunitarias 14-20 é abrese o 22-27

Co obxectivo de dar apoio aos sectores, familias e empresas máis afectadas pola inflación crecente, ademais de garantir os medios e o persoal precisos para seguir a prestar uns servizos públicos de calidade e modernizando a sanidade, a educación e as políticas sociais, a Xunta vén de iniciar o proceso de elaboración dos Orzamentos da comunidade autónoma para 2023.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a orde pola que se ditan instrucións para a elaboración dos orzamentos do vindeiro exercicio, que tamén promoverán os investimentos estruturais precisos para contar cun tecido económico máis moderno, produtivo e sustentable, que permitan continuar a senda de crecemento anterior á pandemia co impulso de proxectos transformadores da estrutura económica.

As contas autonómicas afondarán na reforma da Administración con sistemas e procedementos máis eficientes, sinxelos e tamén amigables coa cidadanía, de forma que esta perciba unha administración máis próxima e resolutiva.

O Goberno galego considera que, neste contexto, é máis necesario que nunca dispoñer dunha planificación rigorosa a medio prazo co obxectivo de que os atrancos conxunturais non desvíen os obxectivos estratéxicos. Por iso, o novo Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2030 orientará xa as liñas de investimento e gasto do orzamento do ano 2023.

O novo Plan deseña as liñas prioritarias de actuación para unha Galicia máis verde, máis dixital e mellor adaptada aos retos actuais e futuros, que converxe en riqueza coa media española e europea, a partir dun modelo de crecemento sustentable e inclusivo baseado no aumento da produtividade, a través da innovación, a internacionalización, o apoio ás transicións ecolóxica e dixital, o fomento da calidade do emprego e do produto, e o aumento do benestar dos galegos. En relación aos fondos europeos, o Orzamento 2023 será o ano de peche do anterior marco financeiro 14-20 e, ao mesmo tempo, de apertura do novo marco 22-27, e no que continuarán recolléndose os recursos procedentes do mecanismo Next Generation Unión Europea (NGUE).

Ademais, como en exercicios anteriores, os orzamentos do vindeiro ano recollerán unha visión transversal das políticas de gasto con perspectiva de xénero e do orzamento en clave de infancia; e incluirase tamén un informe en clave de obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

A elaboración dos orzamentos para 2023 estruturarase, ao igual que as contas vixentes, en torno a catro comisións: a Comisión de análise e avaliación de obxectivos dos programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado; a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de fondos europeos, que establece a programación dos anteditos fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos.

28 jun 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.