Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Administracións territoriais
para a próxima xeración

Profesora de Estudos da Unión Europea e Política Comparada da USC

Apersoa autora do Eclesiastés escribiu, entre moitas reflexións intelixentes e fermosas, que “todo ten a súa hora, e hai un tempo fixado para cada asunto baixo os ceos”. Este Ano Santo Compostelán 2021-2022 podería ser tamén tempo de avanzar na actualización da organización e funcionamento das Administracións públicas.

Moitas das dificultades para a execución do instrumento temporal Next Generation Europe (NGEU), posto en marcha dende as institucións da Unión a fin de axilizar a recuperación da pandemia, débense á falta de adaptación das Administracións aos desafíos do século XXI, onde as tarefas rutineiras que, noutro tempo, xustificaron o nacemento das burocracias perden relevancia en favor de iniciativas vencelladas á xestión da contorna e do cambio que posibiliten a execución satisfactoria de plans e programas, incluídos os financeiros.

O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia é o instrumento que traslada o groso dos sobre 800.000 millóns de euros a prezos correntes do NGEU, logrados pola Comisión Europea a través da emisión de bonos en nome da Unión. Se executa a través de instrumentos de planificación elaborados polos países, tendo en conta as recomendacións específicas recibidas no Semestre Europeo. Os pagos, como é sabido, dependen do cumprimento de fitos e obxectivos.

Os fondos do NGEU foron deseñados dende a Unión para apoiar reformas que impulsen seis obxectivos estratéxicos: a transición ecolóxica, a transformación dixital; o crecemento intelixente, sostible e inclusivo; a cohesión social e territorial; a resiliencia sanitaria, económica, social e institucional; e políticas para a próxima xeración. Son (moitos) cartos (extra) destinados a impulsar as ambicións políticas da UE no ciclo institucional aberto tras as eleccións ao Parlamento de 2019; adaptadas á pandemia e, trala proposta da Comisión REPowerEU, de 18 de maio de 2022, á guerra en Ucraína.

Non hai desvíos na rota aberta pola Unión para esta viaxe; unicamente son novidade as cantidades a inverter por parte das Administracións de Estados coma España, que ten asignados máis de 140.000 millóns de euros, en transferencias e créditos do NGEU, a maiores dos recursos que recibe anualmente do marco financeiro 2021-2027.

Así, dá a cara un vello problema consistente na falla de preparación de moitas Administracións territoriais para absorber a choiva europea de millóns e colleitar froitos.

Porén, a historia do sistema político europeo está chea de exemplos de decisións de políticas da UE que teñen estimulado reformas administrativas nos Estados. Por certo, con Portugal como exemplo de éxito no desenvolvemento de habilidades para a execución de fondos e outras relevantes no camiño da actualización das súas Administracións.

Empregando o compás e sen pausas, que seguramente non nos podemos permitir neste tempo de crises consecutivas, nalgúns territorios, cómpre abrir novos camiños que nos leven a organizacións públicas máis especializadas, con expertos en planificación e avaliación de políticas, e competencias para a creación e análise de datos sobre execución; ademais de traballo en rede da alta dirección en relación cos obxectivos transversais, que mellore a coordinación entre departamentos.

É preciso fortalecer múltiples destrezas a fin de contar, en todo momento, con reservas de proxectos executables de forma inmediata; asesoramento sobre políticas competitivo; instrumentos de rendición de contas administrativa; puntos de acceso único na execución; seguimento técnico das capacidades das persoas beneficiarias, e iniciativas de desenvolvemento de habilidades adaptadas ás insuficiencias detectadas en cada sector; entre outros exemplos de realidades que permiten ás Administracións inverter con éxito sen desviarse das mellores rotas; xerando, confianza e complicidades cos beneficiarios, os contratistas, outras Administracións públicas, a Comisión Europea, a cidadanía, e outros actores relevantes para poder acadar os obxectivos coas políticas.

Volvendo ao libro mencionado ao comezo destas liñas, tan xeneroso en consellos para andar e abrir camiños con xeito, no medio das incertezas da vida, lemos: “Que proveito pode acadar quen se esforza no seu traballo? Decateime da tarefa que Deus lles deu ós homes para nela se ocuparen. Todo o fixo axeitado no seu tempo, e púxolles na conciencia o senso do inconmensurable” (Eclesiastés, 3: 9-12).

Sexan tan felices como responsables no Día Grande de Galicia coma no resto deste tempo de acollida e grazas.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito