Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Aprobados 29 novos Plans Locais de Saúde, chegando así a ter 43 na comunidade

A Xunta amosou a súa intención de estender este modelo a todos os concellos ao final de 2023

Santiago. 29 servizos de atención primaria das sete áreas sanitarias e 24 concellos asinaron onte os novos Plans locais de Saúde 2023-2026 do Sergas, un modelo que o Executivo autonómico aspira a estender a toda Galicia a finais do ano que vén.

“Se sumamos os 14 servizos que asinaron o Plan para o pasado ano, temos un total de 43 centros de saúde con Plan local que chegarán a beneficiar a un total de 36 concellos”, expresou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de sinatura dos 29 plans locais. “Seguimos camiñando xuntos”, proseguiu, “profesionais e administracións destes 36 concellos para avanzar no fortalecemento da sanidade pública a través do cumprimento dos obxectivos dos plans locais”.

No acto de sinatura, o conselleiro estivo acompañado pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares.

Salientou Comesaña que alí onde hai plans locais xa implantados, “os pacientes ingresan menos e acoden menos a urxencias, posto que a continuidade asistencial é maior”. Ao respecto, e segundo a última enquisa anómima feita en novembro, a atención sanitaria nos centros de primaria con Plan local de saúde, conta cunha valoración global da cidadanía de 7,8 sobre 10.

Neste senso, asegurou que “ampliaremos o ano que vén os Plans locais de saúde ata facer posible que, ao remate do vindeiro ano, o 50% dos 145 servizos de atención primaria que temos en Galicia conten cun Plan local de saúde propio”, para o que pediu a colaboración dos municipios. Neste senso, os plans locais asinados onte correspóndense aos servizos de atención primaria de Abegondo, Betanzos, Labañou (A Coruña), Casa do Mar (A Coruña), Vimianzo, Ordes, Silleda, Muros, Valga, Narón, Cedeira, Pontedeume, Praza do Ferrol (Lugo), Illas Canarias (Lugo), Sarria, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Allariz, O Barco de Valdeorras, Novoa Santos (Ourense), Mariñamansa (Ourense), Bueu, Lérez, A Parda (Pontevedra), Vilanovade Arousa, Teis (Vigo), Colmeiro (Vigo), Cangas e O Porriño.

Tal e como expresou o conselleiro, os plans de saúde locais son follas de ruta estratéxica e de xestión “que van permitir a transformación da atención primaria no que atinxe á mellora da saúde da poboación e da eficiencia do servizo, así como da satisfacción dos profesionais e do incremento da calidade e experiencia do paciente”.

Segundo salientou, dotan de maior capacidade de autoxestión aos centros, impulsan a figura dos xefes e coordinadores dos servizos e xestionan a nivel local os recursos humanos. Asemade, posibilitan unha atención integral, centrada na persoa e permiten unha maior equidade, accesibilidade e proximidade no trato ao doente, así como unha mellor organización das axendas dos profesionais, buscando un liderado compartido entre os distintos profesionais.

Os plans locais, engadiu, foron elaborados polos propios profesionais de cada centro de saúde “que son os que saben cal é a mellor forma de concretar estes obxectivos”. Así, o persoal médico, de enfermería, de farmacia, de odontoloxía, de traballo social, matronas, hixienistas e persoal de servizos e xestión traballou xunto con directivos das áreas sanitarias. E.N.

21 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito