Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As futuras residencias galegas: máximo de 150 usuarios e unha "vía rápida" para urxencias sanitarias

Os centros terán un consello asesor con presenza de familiares e as habitacións contarán con sensores que avisarán de caídas

SANTIAGO. EP. Capacidade máxima para 150 usuarios, unidades de convivencia de até 25 persoas, habitacións "intelixentes", un consello asesor para cada centro con representantes de familiares e unha "vía rápida" de acceso ás urxencias sanitarias son algunhas das claves que inclúe o novo modelo de residencias de maiores de Galicia que deseñou a Xunta e que presentou este martes no Parlamento a conselleira de Política Social, Fabiola García. Tal e como explicou, estas medidas, que deberán ser observadas por todas as instalacións --públicas e privadas-- de nova creación e as que sexan obxecto de reforma no futuro, buscarán dar un "xiro radical" a este servizo na Comunidade galega.

A conselleira comezou a súa intervención comparando a rede residencial de Galicia coa Catedral de Santiago, un templo "sólido e fermoso" pero que co tempo se foi "desgastando", polo que precisa "unha rexeneración total" para "seguir servindo". Esta necesidade de cambio viuse máis urxente coa irrupción da covid, que xerou "unha presión interna e externa sen precedentes" nos xeriátricos. Por isto mesmo, a Xunta conformou hai un ano un comité de asesores sociosanitarios para elaborar esta folla de ruta que a conselleira presentou este martes no Parlamento como unha proposta "ambiciosa, audaz e sensata", pero sobre todo "de consenso", que porá a Galicia a "liderar a gran reforma" do sistema en Europa. En concreto, a proposta do comité está dividida en catro alicerces: máis humanización no trato e formación continuada para os traballadores; o aproveitamento da tecnoloxía; unha mellor coordinación co Servizo Galego de Saúde (Sergas); e reformas estruturais.

MÁXIMO DE 150 USUARIOS. Con respecto a estas últimas, que se empezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción --entre elas, as que promove a Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas--, contémplase o tope de 150 usuarios que estarán repartidos en ata seis módulos ou "minirresidencias" de 25 persoas seleccionadas "polas súas preferencias antes de por os seus graos de dependencia", segundo puntualizou Fabiola García. Ademais, estas "unidades de convivencia" estarán decoradas tal e como estaban os domicilios dos residentes e minimizarán a rotación do persoal entre elas para poder "salvagardar a intimidade". Nesta mesma liña, os módulos non poderán servir de zona de paso a outros e todos eles contarán con acceso directo a áreas comúns do complexo. Non en balde, recomendarase que as residencias estean "integradas" nos pobos e cidades. Para persoas que padecen deterioración cognitiva, os centros poderán contar con áreas de psicoxeriatría, que xa estarán habilitadas nos que financia a Fundación Amancio Ortega.

COORDINACIÓN CO SERGAS. No que respecta á "mellor coordinación" co sistema sanitario, a conselleira de Política Social agradeceu "o compromiso" do seu homólogo en Sanidade, Julio García Comesaña. Neste contexto, avanzou que serán os hospitais os que servirán a medicación aos centros de máis de 90 prazas para "aliviar" a presión en Atención Primaria. De feito, os que conten con persoal sanitario contarán coa "última versión" da receita clínica electrónica do Sergas, tal e como asegurou Fabiola García.

Así mesmo, Galicia habilitará unhas unidades de coidados intermedios para pacientes que, aínda que xa recibiron o alta do hospital, aínda requiren acompañamento social para retomar a vida autónoma e evitar o seu ingreso nun xeriátrico. A conselleira tamén avanzou a creación de "vías rápidas" para acceder ás urxencias e aos hospitais de día, así como a posta en marcha dun código específico na central do 061 que dará prioridade aos centros.

RESIDENCIAS MÁIS HUMANIZADAS. No apartado de humanización, o novo modelo terá o obxectivo de respectar a "dignidade e intimidade" dos usuarios. Entre as medidas estará o desterro das suxecións "físicas e farmacolóxicas salvo en casos extraordinarios, xustificados e sempre pautados por médicos". Ademais, os centros favorecerán as saídas dos residentes e facilitarán que as familias poidan entrar ás habitacións e comer con eles. Os profesionais elaborarán cun plan de actividades "personalizado" para cada usuario que, tendo en conta as súas preferencias, lles axuden a conservar a súa calidade de vida e boa forma. Outra das novidades é a incorporación dun "consello asesor" de carácter consultivo no que estarán representados usuarios, familiares, profesionais e a entidade titular. Este órgano será obrigatorio para as residencias de máis de 100 prazas, pero a Xunta aconsellará ás máis pequenas que tamén o incorporen. Tamén se porá en marcha unha oficina de atención a nivel autonómico para residentes e familiares, e todos os xeriátricos terán que contar un plan de formación continua dos seus empregados.

"HABITACIÓNS INTELIXENTES". Finalmente, no apartado tecnolóxico, a conselleira asegurou que ao longo de 2022 a Xunta "transformará" os centros públicos para que sirvan de modelo para as iniciativas privadas. Entre as principais novidades estarán as "habitacións intelixentes" con sensores que avisarán se os maiores sofren algunha caída ou deambulan de noite, aínda que "por suposto con respecto á intimidade", segundo garantiu a conselleira. O plan contempla así mesmo un novo mecanismo de seguimento --fóra e dentro do centro-- para que os residentes con deterioración cognitiva non se "desorienten", á parte de sistemas de lecer e de comunicación cos seus achegados. Todos estes avances, tal e como dixo a conselleira, xa están en marcha na residencia pública piloto da Estrada (Pontevedra), con "valoracións excelentes" por parte de usuarios e traballadores.

PSDEG E BNG. Tras o discurso da conselleira chegou a quenda dos grupos políticos. Por parte do PSdeG, a deputada Marina Ortega censurou que os plans da Xunta pasen por manter as "macrorresidencias", polo que demandou centros "máis pequenos, máis familiares", así como "máis diálogo" coas persoas e máis transparencia coa publicación das actas de inspección. Desde o BNG, a súa viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, recoñeceu que lle sabe "bastante a pouco" o novo modelo, aínda que "hai cuestións" nas que os nacionalistas, que esta mesma semana anunciaron que levarán á Cámara unha proposta de lei de residencias, están "de acordo" --como a separación por módulos--.

Con todo, Rodil criticou que as novidades se limiten a aqueles centros "que se vaian a construír". "E ás 21.944 persoas que están nas residencias de maiores hoxe? En que condicións están?", preguntouse. En fronte, o deputado do PPdeG Alberto Pazos lamentou as críticas da oposición e reivindicou a xestión sociosanitaria de Galicia durante a pandemia: "Dicir que foi froito da casualidade é unha falta de respecto aos profesionais das residencias públicas e das privadas".

RESIDENCIA EN OURENSE. Durante o debate, tanto a conselleira como o deputado popular aproveitaron para cargar contra BNG e PSdeG por non apoiar no Concello de Ourense o cambio de uso duns terreos para construír a nova residencia da Fundación Amancio Ortega. "Vostedes dixeron non, non, non e por cuarta vez dixeron que non á construción dunha residencia pública no centro de Ourense", lamentou Fabiola García, tras o cal a socialista Marina Ortega acusouna de "demagoxia", porque ese cambio de uso da parcela se debe facer "con respecto á legalidade e á normativa".

21 dic 2021 / 19:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.