Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Nova normalidade. Os mozos apostan por xuntarse en casas ou alboios, ante a falta de ocio nocturno TEXTO Mateo Garrido

As quedadas nos pisos trasládanse agora ás vilas

En Santiago, o por aquel entón Goberno popular prohibiu severamente o consumo de bebidas espirituosas nas rúas e parques da cidade no ano 2009. A medida aplacou con forza o fenómeno dos botellóns que ateigaban o Campus Sur varias noites semanalmente, un fenómeno que hoxe tan só acontece en datas sinaladas como o son as Festas da Ascensión ou as do Apóstolo. Mais non obstante, a prohibición de beber na rúa deu lugar a aparición das quedadas nos pisos, onde os universitarios se reúnen para dar comezo ás noites de xolda.

A pandemia global orixinada polo virus SARS-CoV2 semella ter trasladado estas festas ás vilas e prolongado a súa duración ata ben entrada a madrugada, debido á carencia de locais de ocio nocturno onde poder continuar a festa. Dende este diario puidemos falar con varios dos participantes nunha destas festas, que nos contaron como as organizan e as súas inquietudes sobre o futuro do ocio nocturno na nova normalidade.

“Aquí, sempre temos unha finca, unha casa ou un alboio onde poder volver a xuntarnos cos amigos; cear, beber e pasar un bó rato”, cóntanos un deles sobre o porque de facer estas festas a porta pechada e non na rúa. “Estas quedadas non son un botellón. Recordo que cando o facíamos era simplemente buscando aforrar cartos e evitar o garrafón dalgúns locais, pero agora cos pubs e discotecas pechadas, estas quedadas non son un beber por beber é máis unha forma de reencontrarnos cos amigos, falar e pasar xuntos un bó rato”, explica pormenorizadamente. Outro dos participantes, máis entusiasta, confesa a súa preferencia por este tipo de festas en lugar das grandes discotecas, “é a forma que temos de contrarrestar a falta de locais de ocio nocturno. Ademais, a min persoalmente, gústame máis este tipo de ocio, xuntarnos, falar... é mais distendido”.

Á hora de escoller a localización destas quedadas os rapaces confesan que “tiran da familia”, e que depende bastante da climatoloxía. “Se fai bó tempo preferimos quedar nunha finca e pasar xa alí a tarde, senón tiramos de garaxes ou alboios familiares onde nos podamos xuntar todos e non molestemos aos veciños”.

Os rapaces explican ademais que tratan de quedar sempre os mesmos como medida de protección ante o virus. “Non tería sentido que aquí estivesemos coa máscara, poñéndoa e quitándoa cada vez que bebemos, por iso o que intentamos e quedar sempre co mesmo círculo de persoas”, explica. Unha medida que segundo contan exportan tamén á hora de ir a tomar algo a un bar ou mesmo para ir á praia. Aínda así, cren que o risco está aí porque “aínda que nos xuntemos sempre os mesmos, todos imos ao supermercado e facemos cousas fóra deste círculo. Ademais agora co desconfinamento, os contactos comezan a ampliarse e quedamos con alguén máis e o medo sempre está aí”. Non obstante, consideran que a favorable situación epidemiolóxica que vive Galicia, invita a ser optimistas e “ir abrindo o círculo”.

Á hora de estimar se este tipo de xuntanzas persistirán unha vez o ocio nocturno recobre a súa actividade, os mozos son claros “seguiremos facendo estas quedadas porque é o máis parecido que podemos ter ao ocio que tiñamos antes da pandemia”. Unha aseveración que fai referencia ás medidas de seguridade –que todo parece indicar– terán que implantar os locais. “O que máis botamos de menos é bailar, e ese ambiente de festa, pero se iso tampouco o vai a haber, prefiro quedar cos amigos aquí –en referencia ao alboio no que celebran a festa– e disfrutar dun xeito máis relaxado e máis seguro”.

21 jun 2020 / 00:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.