Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Calviño, optimista fronte a preocupación da industria galega: “Hai bases moi sólidas para a recuperación”

Feijóo transmitiulle á vicepresidenta o temor polo futuro de factorías galegas e cadro de persoal en varios sectores e a discrepancia co reparto de fondos covid // España prevé “participar activamente” en “calquera iniciativa” para despregar un sector europeo de microchips // Francisco Conde destaca a “resistencia” da industria durante a pandemia e a súa vontade de seguir “innovando”

RedacciónECG/EP. A vicepresidenta do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, insistiu este xoves en que España ten "bases moi sólidas" para afrontar a recuperación económica postpandemia, e constatou que Galicia ten "empresas moi potentes" en sectores que serán determinantes nesa recuperación. Así o manifestou durante a súa intervención na apertura da xornada Mindtech International Conference, no marco da feira Mindtech que este xoves se clausura en Vigo. A vicepresidenta realizou unha actividade moi intensa en Galicia, mantendo unha reunión de dúas horas co presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que lle transmitiu a gran preocupación en Galicia pola crise no sector industrial, co peche de Meirama e As Pontes, Gamesa Siemens, o futuro incerto de Ence ou Alcoa. Hai máis de 16.000 empregos en risco e un alto impacto en Ferrolterra.

Nadia Calviño, que ve unha positiva evolucion do mercado laboral e do proceso de vacinación, coñeceu de primeira man os retos de Stellantis e do sector da automoción. Tamén se reuniu cos estudantes de Económicas da UVigo. En relación ao encontro con Feijóo, indicou que foi construtivo e que o Plan de recuperación será unha oportunidade para Galicia. Pediulle ao presidente da Xunta que sinale os proxectos prioritarios, emblemáticos, para axudar a facelos realidade. Falaron tamén de dixitalización e inclusión financeira, e da aspiración de que a banda ancha chegue ao 100% da poboación.

Alberto Núñez Feijóo puntualizou que lle transmitiu á vicepresidenta a inquietude pola crise industrial e as discrepancias no reparto dos fondos covid, e comentoulle varios temas de gran interese para a comunidade autónoma: aspiración á cogobernanza no que atinxe aos fondos Next Generation, as prioridades neste campo nos sectores forestal, agroalimentario -conservas, pesca-, automoción -proxecto Áncora, con 1.200 millóns de euros de investimento-, e o naval. Tamén formulou a posibilidade de ampliar ata o 31 de decembro de 2023 o prazo para aplicar as desgravacións fiscais aos patrocinadores do Xacobeo.

En canto á transformación dixital, a meta é a conectividade de banda ancha ao 100% da poboación, con obrigacións de cobertura nas zonas de poboación e de tránsito, por exemplo a AP-9. Tamén o despregamento de conexións intercontinentais. Outra cuestión foi a exclusión financeira, coa retirada de oficinas bancarias e caixeiros de moitos lugares de Galicia. Dixo Feijóo que é interesante que o Banco de España intente ordear o que o mercado non ordea.

NOVA FASE

Calviño recalcou que España "está nunha nova fase logo de 19 meses tan duros" pero a vacinación foi "un punto de inflexión" e albíscase unha recuperación "moi forte, moi intensa". A ese respecto, incidiu en que a innovación e a tecnoloxía na súa vertente industrial serán "punta de lanza" nese proceso e puxo en valor os avances do país nese sentido. "Non temos que ter complexos para competir, temos moi bo punto de partida para despregar o plan de recuperación", proclamou a vicepresidenta, que cualificou como "oportunidade extraordinaria" a achega de fondos europeos nese proceso. Nese sentido, subliñou que España vai dispor de 140.000 millóns de euros, practicamente o mesmo que a UE achegou ao país nos últimos 30 anos, para gastar agora en 6 anos, e apelou á "coordinación" entre administracións para "multiplicar o impacto dos investimentos".

"EMPRESAS POTENTES" EN GALICIA

A responsable de Economía do Executivo lembrou que eses fondos non teñen asignación territorial, senón que se destinarán a proxectos nacionais transformadores. "Pero Galicia ten empresas moi potentes en sectores de futuro e seguro que será unha das rexións que participen neste proceso", apostilou. Finalmente, Nadia Calviño fixo fincapé en que, despois de tomar "decisións correctas" desde o inicio da pandemia, para protexer o emprego e o tecido produtivo, España é agora "un país idóneo para atraer talento e investimento" e constatou que hai unha "efervescencia" de interese de grandes multinacionais por levar a cabo proxectos neste territorio.

INDUSTRIA CON "CAPACIDADE DE RESISTENCIA"

Pola súa banda, o vicepresidente galego e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, puxo en valor a "capacidade de resistencia" da industria de Galicia durante a pandemia e a súa vontade de seguir "innovando", á vez que incidiu en que a recuperación após a crise sanitaria ten que pasar pola combinación de dixitalización e sustentabilidade. Segundo Conde, Galicia está preparada para encarar esa recuperación pondo o foco eses dous aspectos e avogou por fortalecer a colaboración público-privada para buscar "novas oportunidades de negocio". Con respecto ao sector metal, protagonista da feira Mindtech, o conselleiro afirmou que é a "columna vertebral" da economía galega, e puxo como exemplos a automoción, o naval e a industria aeronáutica. Así, reclamou que estes tres sectores teñan atención do Goberno na repartición de fondos Next Generation da UE.

A SUSTENTABILIDADE E O VALOR DAS MULLERES COMO RETOS

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo fincapé na necesidade de que as mulleres teñan protagonismo na transformación do país, e ese valor, xunto á sustentabilidade, son os retos que deben afrontarse no marco da reconstrución económica e social. Nesa liña, apostou por "dar o paso" para que as mulleres se matriculen en carreiras STEM e sexan "líderes tecnolóxicas" nese proceso de transición dixital. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recalcou o papel da industria como "asentamento central da economía", e valorou a acción do Goberno no contexto de pandemia, cun plan de recuperación "en tempo marca", á vez que lembrou que é necesario tamén "un paraugas para encaixar" o sector naval, que vive "unha crise moi profunda" en Vigo.

MICROCHIPS

O Goberno de España prevé “participar activamente” en “calquera iniciativa” ou estratexia para o despregamento dunha industria europea de microchips, porque ten “empresas e capacidades” para ser parte dese proxecto. Así o trasladou a vicepresidenta e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, en declaracións aos medios durante unha visita á feira Mindtech 2021 que se clausura este xoves en Vigo. A preguntas dos xornalistas sobre a crise global dos microchips, que puxo en xaque a produción da planta viguesa do grupo Stellantis (que a propia Calviño visitou este xoves) e doutras fábricas do sector, a ministra sinalou que, nos últimos meses, constatouse “a enorme dependencia” que a industria española e europea teñen de provedores de microchips doutros países.

Os problemas de aprovisionamento están a causar agora impacto na industria (e tamén nos servizos), e unha das actividades máis afectadas é a automoción, que o Goberno considera “absolutamente prioritaria”. Non en balde, lembrou a ministra, o primeiro PERTE impulsado desde o Goberno é o do vehículo eléctrico e conectado. Por iso, neste escenario de falta de compoñentes e materias primas, Nadia Calviño subliñou a importancia de que haxa “unha autonomía europea estratéxica na fabricación de microchips”. “Desde España, temos a intención de participar activamente en calquera proxecto estratéxico, en calquera iniciativa de ámbito europeo”, proclamou, e engadiu que o país dispón de “empresas e capacidades” para contruibuir ao despregamento desa industria europea de microchips.

Antes de visitar a feira Mindtech, a ministra mantivo un encontro con representantes empresariais de compañías galegas ou asentadas en Galicia como Abanca, Roberto Verino, Nueva Pescanova, GKN Driveline, grupo Rodman, Profand, Hermasa ou Urovesa, entre outros. Na reunión tamén participaron o delegado do Goberno, José Miñones; a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba; o delegado de Zona Franca, David Regades; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e os presidentes das patronais galega e pontevedresa.

VISITA A STELLANTIS VIGO

Logo da feira, Nadia Calviño desprazouse á planta do grupo Stellantis na cidade olívica, onde o director do Clúster de Vehículos Comerciais Lixeiros da Rexión Europa, Juan Muñoz Codina, e o director da factoría, Ignacio Bueno, presentaron a Nadia Calviño os proxectos que Stellantis está a desenvolver para optar á repartición de fondos de recuperación da Unión Europea. Así mesmo, os responsables do grupo abordaron coa ministra a actual situación económica e laboral no sector da automoción, altamente impactado pola crise dos microchips. De feito, a fábrica viguesa ten parado o seu sistema 2 de produción até o vindeiro luns e anunciou que suspendará temporalmente a quenda de fin de semana nesta liña de montaxe por problemas de aprovisionamento. Finalmente, Nadia Calviño fixo un percorrido polo taller de montaxe 1, onde se ensamblan os modelos Peugeot 2008 e a súa versión elétrica e2008.

FACTURA DA LUZ

Por outra banda, este xoves en Vigo Calviño referiuse tamén ás medidas do Goberno para rebaixar a factura da luz a cidadáns e empresas, e insistiu en que o Real Decreto trata de “amortecer” o impacto da alza de prezos da enerxía no mercado internacional, unha subida que está a afectar tamén a outros países. A vicepresidenta económica do Goberno recoñeceu que o prezo da enerxía é unha cuestión “fundamental” para a economía das familias e para a competitividade das empresas e, por iso, tomáronse decisións ante este “fenómeno de alza” de prezos que chega en pleno proceso de transición enerxética. “Temos que asegurarnos de que o custo do proceso non recae só nos cidadáns”, recalcou, e afirmou que o Goberno actuou sobre tres compoñentes da factura: o prezo da enerxía, os custos do funcionamento do sistema e os impostos.

16 sep 2021 / 18:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.