Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Canto vale a vida das mulleres?

    ao longo desta pandemia preguntámonos canto vale unha vida. A resposta é –para a inmensa maioría– clara e rotunda: a vida das persoas é o máis importante. Un negocio pode recuperarse, unha vida truncada non. Mais esta pregunta, que tanto repetimos estes meses, leva décadas formando parte da axenda feminista, que interpelaba ante cada insulto, ante cada golpe, ante cada asasinato machista: canto vale a vida das mulleres? Unha pregunta que leva implícita a crítica ante a falta dunha resposta contundente que poña fin ao atentado da violencia machista.

    Unha violencia que non se desapareceu nestes tempos de covid, ao contrario, o número de consultas no teléfono de atención a vítimas incrementouse un 35 % e as consultas aos CIM aumentaron nun 16 %. Pero baixaron as denuncias nos xulgados, evidenciando un problema ante o que hai que actuar.

    A pandemia trouxo dificultades engadidas para as vítimas da violencia machista: confinamento co agresor, illamento, sensación de indefensión, dificultades para acceder aos servizos públicos no ámbito sanitario, de atención psicolóxica, social e da xustiza. Ao que se suma unha maior precarización económica. Por iso é moi importante non dar pasos atrás na denuncia da violencia machista, que é mais necesaria que nunca nestes tempos que corren.

    O machismo ten demostrado que tamén pode ser un virus letal para miles de mulleres, aquí e no resto do mundo. E urxe poñer no primeiro plano do debate e da acción pública a loita contra a violencia machista. As mulleres temos dereito a ser libres, a estar no mundo como queiramos sen ter que pagar pola nosa liberdade, mesmo coa vida.

    Por iso desde estas liñas quero transmitirlle á sociedade, e sobre todo ás mulleres, unha triple mensaxe. Primeira: que non imos permitir que a violencia de xénero pase a un segundo plano, non se pode aprazar a loita contra un machismo que significa dor, angustia, medo e mesmo vidas truncadas.

    Segunda: que é posíbel saír da violencia, e imos traballar para que haxa máis medios e máis recursos que garantan á vidas das mulleres. Por iso propoñeremos que se destinen un de cada cen euros dos orzamentos públicos a loitar contra a violencia machista.

    Terceira: unha mensaxe de empoderamento ás mulleres, de que a loita continúa, e que o actual distanciamento social non implica a desaparición da forza colectiva que encheu as rúas os pasados 8 de Marzo e 25 de Novembro. A forza do feminismo galego, que foi un exemplo de mobilización e de loita, segue aí para defender un mundo xusto e igual no que as mulleres podamos vivir sen medo, sen soportar violencia polo mero feito de ser mulleres, para que nunca máis teñamos que preguntarnos: canto vale a vida das mulleres?

    25 nov 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.