Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Celebremos Galicia

Presidenta do Consello da Cultura Galega

Cando a Real Academia Galega decidiu escoller a figura de Florencio Delgado Gurriarán para centrar o recoñecemento de Galicia enteira neste ano 2022, xa eramos conscientes de que había moito máis detrás da figura do poeta de Córgomo. Homenaxeabamos o poeta, o activista político e cultural, pero tamén a memoria dos exiliados e exiliadas republicanos que, coma el, pasaron de Galicia a México e que, organizados en conexión con outros transterrados da diáspora, contribuíron a manter aceso o facho da cultura galega e da nosa identidade durante a longa noite pedra.

Eles e elas, do outro lado do mar, formaron parte desa «única reserva que nos queda para reconstruír o fogar desfeito», en palabras de Castelao. A partir da súa figura prestamos atención ao exilio mexicano, invisibilizado e practicamente descoñecido para a maioría. Foi así como foron emerxendo outros legados que contribúen a entendérmonos un pouco máis. E disto mesmo trata o Día de Galicia, da celebración da nosa identidade e da nosa esencia.

Houbo un tempo en que a preocupación pola definición de Galicia prendeu na xeografía. Un matemático sublime, Domingo Fontán, percorreuna durante tres anos cun teodolito para crear a base xeodésica sobre a que se elaborou o primeiro mapa da nosa terra.

Era, en palabras de Otero Pedrayo, o “verdadeiro rostro de Galicia”. O patriarca non foi o único ao lle causou unha fonda impresión recoñecer o seu país en papel. Cunqueiro dixo nun artigo do Faro de Vigo (29-XII-1951) que a visión do mapa no corredor do seu instituto en Lugo foi “mi gran encuentro con mi país gallego: allí estaba mi tierra, la tierra de mi vocación y de mis días, la tierra temporal y la eterna”.

Castelao cítao en Sempre en Galicia “para uns a Terra é o pequeno berce no que naceron: apenas un fermoso val (...). Para outros, a Terra é tan grande que soamente alcanzan a vela no mapa de Fontán”. A representación gráfica foi unha descuberta espiritual e cultural de Galicia.

A Galicia que hoxe coñecemos vai mais alá da que Adrián Solovio podería sinalar co seu índice. Porque aínda que é ben certo que a Galicia territorial non se entende sen América, non é menos certo que Galicia está onde haxa galegos e galegas. Hai unha parte dela en cada un dos 147 países nos que hai emigrantes ou fillos e netos de emigrantes e, se cadra, outra tamén na Nube.

Unha Galicia infinda como un gran mosaico de pezas con características diferenciadas que se integran nun conxunto unitario que recoñecemos como noso, como parte substancial do noso sistema cultural. Queda moito por coñecer e recoñecer en cada unha desas teselas, pero niso andamos.

No programa da institución que presido a acción exterior e a internacionalización da cultura, están entre os nosos obxectivos estratéxicos. En 2021 aprobamos un Plan de Acción Exterior que se concibe como un potente instrumento de divulgación da imaxe de Galicia: unha nación histórica con identidade propia e caracterizada pola presenza de galegos e galegas nos cinco continentes; unha comunidade política aberta ao mundo e que procura ampliar as relacións con outras comunidades e culturas; un país cunha longa tradición de acollemento, por ser porta de entrada e porta de saída; unha sociedade moderna que cultiva a tradición e defende a súa identidade diferencial sen por iso deixar de apostar pola innovación e polo diálogo e intercambio con outras sociedades e culturas.

Hoxe é o Día de Galicia, da territorial e da espallada polo mundo, da real e da imaxinada, da Galicia que herdamos e da que labramos para o futuro, da Galicia que latexa no corazón e na memoria individual e colectiva de todos os galegos e galegas.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito