Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Científicos da USC lideran a investigación mundial sobre a Análise do Ciclo de Vida

Un traballo de expertos chineses destacan o papel que xogan Maite Moreira e Gumersino Feijóo neste campo

Santiago. A partir da análise bibliométrica dos máis de 20.000 artigos publicados no período 1999-2018 sobre a metodoloxía da Análise de Ciclo de Vida (ACV), un estudo internacional conclúe que dous investigadores da Universidade de Santiago lideran a investigación mundial neste eido, o que vén demostrar o impacto da USC en algúns dos campos do coñecemento.

Tratase dos catedráticos Maite Moreira e Gumersindo Feijoo (vicerreitor na USC) que ocupan os postos un e dous, respectivamente, do Top 20 mundial de investigadores con maior produción científica sobre ACV, tal e como constata un recente estudo publicado polos autores chineses Xiarong He e Deijan Yun na revista Environmental Assessment Impact Review.

Os autores subliñan no artigo que España ocupa a cuarta posición no relativo ao uso desta metodoloxía, mentres que na clasificación de universidades, a USC sitúase no posto número trece. Alén de Moreira e Feijoo, tamén nutren esta listaxe Sara González-García e Ian Vázquez-Rowe, dous investigadores que realizaron a tese de doutoramento baixo a súa supervisión, segundo una nota feita pública pola USC.

A metodoloxía da ACV consiste na análise ambiental dos impactos asociados aos produtos, proceso e servizos ao longo de toda a súa cadea de valor ou o que é o mesmo, o seu ciclo de vida. Este é o caso, por exemplo, da extracción das materias primas, a fabricación, distribución, consumo ou xestión dos residuos. “Esta metodoloxía ten aplicacións directas en ferramentas encamiñadas á procura da sustentabilidade, das que cómpre destacar, entre outras, a economía circular, ecodeseño, ecoetiquetado e pegadas ambientais”, apuntan os investigadores.

Moreira e Feijoo, pertencentes ao Departamento de Enxeñaría Química da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e membros do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental da USC e do Instituto Cretus, comezaron a traballar nesta liña de investigación no ano 1998, contribuíndo a que se espallase tanto no eido académico como no eido produtivo ao colaborar con diversas institucións e empresas galegas e españolas.

Asemade, ao longo destes 22 anos teceuse unha rede de colaboración científica internacional con 68 universidades e centros de investigación de 25 países dos cinco continentes. Neste período de tempo, publicáronse neste ámbito de coñecemento máis de 200 artigos en revistas internacionais e defendéronse trece teses de doutoramento.r.m.

13 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito