Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

CiTIUS: Unha década á vangarda da Intelixencia Artificial

    O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes), cumpriu unha década. É singular no seu modelo de dirección e de goberno, e tamén en canto á súa organización e funcionamento. Un modelo moi semellante ao dos mellores centros de investigación dos países cientificamente máis desenvolvidos, pero inusual aínda hoxe nas universidades españolas. Non digamos xa fai tres lustros, cando concibimos este modelo durante o meu segundo mandato de reitor, entre 2006 e 2010. Entón era vicerreitora de investigación María José Alonso, quen tivo un papel crave no proceso de creación da rede de centros singulares de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Esta foi, sen dúbida, a iniciativa máis ambiciosa do proxecto Campus Vida, que obtivo en 2009 o recoñecemento de ‘Campus de excelencia’ por parte do Goberno de España. O modelo de centros singulares de investigación tivo tanto éxito que se está replicando en todo o Sistema Universitario Galego, co nome de Rede CIGUS, e é un exemplo para o conxunto do Estado.

    Os dez anos de vida do CiTIUS son un suspiro no discorrer pentacentenario da nosa alma mater, pero é bastante tempo se temos en conta que a IA existe só desde fai unhas poucas décadas e que o boom da súa relevancia social e económica vívese desde hai só uns anos. En todo caso, máis aló de informar a quen descoñecese esta efeméride e de querer celebrala con vostedes, o que realmente me interesa é falarlles do que o CiTIUS achegou e achega á sociedade. Falarlles do valor da súa investigación; do impacto da mesma no tecido produtivo e nas administracións públicas; da importancia de formar centos de novos investigadores, aínda que, desafortunadamente, na maior parte dos casos desenvolven o seu talento fóra de Galicia; e tamén do que facemos para que algún día poidan regresar.

    Nunha ocasión Nicolas Negroponte, creador do Media Lab, un dos centros de investigación máis relevantes do MIT, dedicado a proxectos de investigación nos que conflúen deseño, tecnoloxía e multimedia, dixo que para ver a importancia de algo debiamos imaxinarnos que ocorrería se ese algo deixase de existir. Non son tan necio como para pensar que o mundo sería moi distinto de non existir o CiTIUS. De feito, tampouco o sería se non existise o Media Lab. Estou convencido, iso si, de que a USC sería unha universidade peor e tamén o sería o Sistema Universitario Galego no seu conxunto. Pero, sobre todo, Galicia carecería do único centro de investigación especializado en IA, unha disciplina científico-técnica que está a cambiar o noso mundo, porque está a cambiar a economía e a forma na que vivimos e traballamos.

    Non é cousa de facer aquí o relato do que o CiTIUS fixo nesta década. Pero para non quedarme só en palabras de autocompracencia, achegarei algúns exemplos que sirvan de evidencia obxectiva da importancia que ten o labor do centro.

    Comezo por dicirlles que nestes dez anos convertémosnos na referencia da investigación en IA de Galicia. E o somos non só desde o Porto da Canda ata Fisterra, senón que así nos ven en España e en Europa. Por iso encargáronnos a organización do máis importante evento científico de IA de Europa, a European Conference on Artificial Intelligence (ECAI), e ademais por partida dobre, xa que a organizamos en 2020 e volverémola a organizar en 2024.

    O CiTIUS lidera, xunto co Instituto da Lingua Galega, a execución do proxecto Nós: o galego na sociedade e a economía da Intelixencia Artificial. Este é sen dúbida o proxecto máis importante desenvolto nunca para proxectar o galego cara ao futuro. Pero sempre digo que non se pode liderar a investigación galega en IA mirando só á nosa comunidade. Por iso o CiTIUS está cada vez máis en Europa e no resto do mundo. Case un terzo dos nosos doutorandos son estranxeiros, procedentes dunha ducia de países. Ademais, coordinamos tres redes europeas na formación de talento investigador, que abordan temas que van da IA fiable, un compromiso firme da Unión Europea, á loita contra a desinformación que nos invade e ao deseño de chips intelixentes que poden traballar a partir da enerxía que recollen do ambiente.

    O noso centro multiplica por cinco cada euro que a Xunta inviste nel. Pero máis aló diso, todo o diñeiro revalorízase na formación de talento e na creación de riqueza, de empresas e de emprego. Só dúas das empresas nadas do centro, Situm e InVerbis, teñen a día de hoxe bastantes máis empregados que o persoal estable do CiTIUS.

    Empresas como Plexus, FINSA, Repsol, Babcock ou Indra están hoxe operando con resultados da nosa investigación, ou comercializando produtos e servizos que se basean nela. É moi probable que vostede mesmo sexa usuario de servizos desenvolvidos polo CiTIUS. Por exemplo, cando le a predición meteorolóxica do seu concello en Meteogalicia ou ao acceder a algunhas web de servizos da Xunta.

    Os graos de Enxeñería Informática, Robótica e Intelixencia Artificial da USC son coordinados por investigadores do CiTIUS e os dous últimos foron deseñados mesmo desde o propio centro. De feito, o grao en Intelixencia Artificial, que este curso comezou a impartirse nas universidades públicas galegas, foi o resultado dunha iniciativa que naceu e desenvolveuse no noso centro.

    Estou seguro de que se non existise o CiTIUS, tamén vostede botaríao de menos.

    13 nov 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.