Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Co corazón en Compostela

Voceira do BNG no concelllo de Santiago

Compostela é a capital da Galiza, un lugar patrimonial único, o centro principal do meu mundo. E este concello que tanto amamos precisa un motor novo, ten que recuperar o pulso, saír do seu letargo e avanzar con ambición para se converter nun lugar de vangarda, nun concello referente en políticas avanzadas e transformadoras.

O 25 de xullo é o Día da Patria Galega, o día en que nos xuntamos para mostrar a nosa condición de galegas e galegos, proclamar o orgullo de termos unha lingua e unha cultura propias e reclamar os nosos dereitos nun ambiente festivo. E con esa identidade é coa que nos presentamos no mundo, é a que nos fai diferentes, a que esperta curiosidade e atracción entre as persoas que nos visitan e coñecen. Algo semellante é o que nos corresponde desenvolver agora a nivel local.

En primeiro lugar, cunha boa xestión e cos recursos que posuímos o noso concello sería un lugar mellor para vivir e para traballar. Quero lembrar aquí que Santiago dispón de máis de 125 millóns de orzamento de que ninguén sabe o seu destino. Ou si sabemos que non se meten nin sequera naquilo que se orza, que se proxecta facer, porque este goberno do PSOE non é capaz de gastalo e ano tras ano incorpora novos remanentes. Este ano 23 millóns de euros en remanentes, 23 millóns non executados. Algún dese diñeiro corresponde con obras e proxectos que non se desenvolveron, outro é do que se chama facturas no caixón, diñeiro que corresponde a pequenas e medianas empresas, e tamén a asociacións, a que non se lles pagou en tempo e forma. O goberno de Bugallo está a poñer en risco provedores e postos de traballo que dependen en parte das contratacións municipais. E canta política social podería facerse co non executado!, cantas necesidades poderiamos socorrer nestes tempo de crise en que vivimos!

E falamos da urxencia dunha boa xestión no económico e tamén no administrativo. Reparemos en que non houbo axilización na tramitación de expedientes nin na resolución de licenzas e os trámites a que se debe someter calquera cidadán/á de Compostela para realizar calquera obra ou desenvolver un proxecto son interminábeis. Por non falarmos do caos que supuxo a implantación da Administración electrónica, unha ferramenta que fixo incrementar a fenda dixital e que complicou a vida de santiaguesas e santiagueses que até recorren a pagar a alguén que lles faga os trámites coa Administración municipal.

Mais non podemos esquecernos que á capital do noso país lle corresponden aínda máis recursos económicos, a comezar pola achega en concepto do Estatuto de capitalidade, que determina a cantidade que debemos recibir por deixar de cobrar determinados impostos pola instalación de edificios doutras administracións ou por circular os seus vehículos, así como pola limpeza e os recursos precisos polos colapsos de tráfico derivados xustamente da capitalidade. Esta cifra, cuantificada en 5,5 millóns de euros, non é a que está a abonar a Xunta de Galiza, que leva tempo comodamente instalada nunha achega de algo menos de 2,4 millóns. E digo comodamente instalada porque o alcalde da cidade renunciou a defender os intereses da veciñanza de Santiago para ocultar a discriminación tanto da Xunta como do Estado no caso da achega ao Consorcio da cidade. Sen unha recuperación económica do Consorcio é imposíbel abordar en serio unha acción rehabilitadora que fixe poboación na Cidade histórica e contribúa a abandonarmos o camiño de nos converter nun mero escenario.

Por todo isto, xulgamos que as numerosas persoas que temos o corazón en Compostela temos que deixar que se escoite como latexa e utilizar esta enerxía para promover a chegada dun tempo novo, un tempo de políticas en chave galega, en chave feminista e ecoloxista, onde Compostela se mostre con orgullo, ambición e dignidade.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito