Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Compostela ten axenda

Profesora na USC
e codirectora da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela

Hai apenas un meses presentouse no seo das Nacións Unidas o segundo Informe sobre os avances na implantación da Nova Axenda Urbana, co fin de revisar o progreso na súa execución tras seis anos da última Conferencia do Hábitat III celebrada en Quito. Un repaso aos catro piares básicos que promove: combater as desigualdades e tratar de poñer fin á pobreza, desenvolver economías urbanas sostibles, reducir a contaminación e promover enfoques de planificación urbana participativos. Catro eixos que deben engraxarse tras o peor momento en moitas décadas para afrontar estes desafíos substantivos, despois da pandemia da covid-19, que non só puxo de releve as desigualdades existentes, a conexión intrínseca entre o urbano e o rural, senón que tamén creou novas necesidades que deixan tras de si grandes desigualdades.

Abdulla Shahid, presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, non debuxou un futuro optimista no seu discurso que comezaba así “a urbanización sostible está relacionada co logro de todos os obxectivos de desenvolvemento sustentable, mais tan só uns poucos países poden dicir que contan coa gobernanza e as políticas necesarias para planificar a urbe de xeito inclusivo, desenvolver as capacidades e acceso á tecnoloxía, así coma o financiamento necesario para garantir un proceso de urbanización sustentable”.

Os datos non son, en efecto, alentadores, mais cómpre destacar o compromiso de Santiago de Compostela coa Axenda Urbana 2030. Débese pensar na Compostela do futuro mais inmediato ao grande, con orgullo, unha cidade que pode resultar chave para abordar a emerxencia climática que xa ninguén cuestiona, con capacidade de integración das persoas e coas ferramentas necesarias para facer fronte aos desafíos globais apoiada nas súas fortalezas, que pivotan arredor dunha universidade cinco veces centenaria e punteira, co seu capital humano, a cultura, a arte, o patrimonio -material e inmaterial- as súas institucións e, sobre todo, a cidadanía. Unha cidade que está viva e que ten ganas e motivación para liderar este proceso.

Dende o mes de marzo centos de persoas están a traballar na elaboración das propostas que conformarán unha verdadeira Constitución Urbana para Compostela. Persoas que acudiron á chamada dos directores executivos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela, María Cadaval e Santiago Lago, que participaron durante moitas tardes e investiron moitas horas do seu tempo na análise, discusión e elaboración deses vectores que van a configurar as liñas estratéxicas da acción local para os vindeiros anos. Representantes de todos os grupos políticos municipais, de sindicatos, da USC, de institucións, de empresas, de asociacións, de colectivos, e da cidadanía en xeral traballaron cóbado con cóbado para apuntar as accións que farán unha Compostela mais xusta, amigable e inclusiva, que aposta polo crecemento económico sustentable e que pon ás persoas e ao medio no centro. Mais a participación non se quedou só nas mesas de traballo. Varios procesos participativos foron abertos a través das iniciativas que recolleron as achegas da rapazada, da xente que acode aos centros socio-culturais da cidade, dos mozos e mozas, amais das aportacións que a cidadanía fixo chegar a través dos formularios ha- bilitados para o efecto na páxina www.axendaurbana2030santiago.gal . Con todos estes ingredientes en apenas uns días pecharase este proceso que foi exemplar, que amosou a xenerosidade e as ganas que a xente de Compostela ten de formar parte do proxecto común de cidade que habita e que os distintos equipos de goberno que se sucedan teñen o encargo de conformar de aquí a 2030. Só unha frase resume o sentimento que agroma en todas a persoas que quixeron ser parte desta Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela: sentir o orgullo de pertencer, de construír e de ser parte dunha Compostela mellor e mais xusta, unha cidade con pulso, con impulso e líder nos desafíos que ten por diante. O primeiro reto está superado con éxito. Grazas!

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito