Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Con orgullo do noso

do BNG

Estamos ás portas dun novo 25 de Xullo, un Día da Patria que celebraremos no medio de moitas incertezas, nunha situación de extrema complexidade, cunha guerra ás portas das nosas casas, coa maior crise de prezos en corenta anos e con graves problemas tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

A realidade demostra que o mito ilustrado do progreso continuo non se cumpre e que os avances non son irreversibles, nin en dereitos, nin en liberdades, nin en calidade de vida. Unha guerra en Europa? Aí está de novo; e mesmo temos os gobernos de potencias europeas como Francia ou Alemaña falando de economía de guerra. Que as mulleres poidan decidir cando ser nais? Aí está a Corte Suprema dos EEUU botando por terra un dereito que pensábamos consolidado. Que unha xeración ía vivir mellor que a anterior? Aí temos á mocidade, aspirando a unha emancipación como a que si tiveron os seus pais e nais cando non existía o concepto de mileurista nin os traballadores e traballadoras pobres.

As familias, a clase traballadora, as persoas autónomas, as pequenas e medianas empresas que sosteñen a maior parte do emprego, afogadas por unha espiral inflacionista sen que os Gobernos- nin o galego nin o estatal- poñan en marcha medidas eficaces para paliar o impacto da subida prezos.

E todo isto nun marco legal feito á medida do lobby eléctrico polo PP, que se mantén intacto co Goberno de PSOE, sen que o bipartidismo estatal sexa capaz de tocar os privilexios das eléctricas, empezando por subirlle os impostos a unha presa de multinacionais que se están forrando a costa de especular cun ben básico como a enerxía, beneficios obscenos a costa da maioría social. E avanzando en mudanzas estruturais que acaben cos beneficios caídos do ceo e apostando porque os galegos e galegas nos beneficiemos dunha tarifa eléctrica máis barata, para compensarnos polos custes sociais e ambientais.

Pero hai alternativas, como as que está poñendo sobre a mesa o BNG. Por exemplo, tomar medidas inmediatas para axudar a quen peor o está pasando co descontrol do IPC, empezando por subir o complemento autonómico das pensións non contributivas, incrementar a RISGA e facela compatible co ingreso mínimo vital, aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, que están disparados sobre todo pola factura da luz. E propoñemos mobilizar 700 millóns de euros para axudas ás PEMES, ás persoas autónomas e ós sectores produtivos máis impactados. Só un dato, o ano pasado deixaronse sen investir mil millóns de euros dos orzamentos públicos en Galiza.

Estamos, insisto, nun momento difícil, cunha crise que está empobrecendo á maioría social. Ao que se engade un deterioro alarmante dos servizos públicos, en particular a sanidade, cun aumento de listas de espera mesmo para ir ao médico ou médica de cabeceira, un “logro” do Goberno do PP tras trece anos de recortes e privatizacións. Por iso, desde o BNG propoñemos un plan de choque de 200 millóns de euros para sacar atención primaria do colapso.

Non se pode seguir buscando culpables, senón que toca aportar solucións, que pasan por dotar de máis recursos o sistema público de saúde, que pasa por poñer fin a precariedade que fai que, por exemplo, de media o 50% das e dos médicos que realizaron o MIR en atención primaria decidan non traballar nese ámbito.

E que dicir do coidado das persoas maiores, nun sistema de residencias totalmente privatizado e sen que, tras trece anos, se teña construído nin unha soa residencia pública. Desde o BNG propoñemos un cambio de modelo no que se garanta o dereito a unha vellez digna, sabemos que non é posible facelo dun día para outro canto temos o 85% das prazas privatizadas, pero un primeiro paso é que as sete residencias proxectadas nas cidades sexan de xestión pública.

En vésperas da celebración dun novo 25 de Xullo vemos que nada se avanzou para corrixir a crise demográfica que soporta Galiza, cada vez somos menos, porque a xuventude emigra, -máis de 200.000 na última década-, e cun medio rural no que medra a despoboación e o abandono, pero non se pode construír unha Galiza con futuro sen contar co 90% do noso territorio.

Estamos nun mundo en constante evolución, con retos e transformacións ás que debemos facer fronte, e para iso precisamos de novas ferramentas, un novo status político que nos permita decidir sobre o noso. E precisamos apostar por un país produtivo, pola ciencia e pola innovación, para avanzar nun modelo económico baseado no coñecemento, sustentable, capaz de xerar riqueza e empregos pero desde o respecto ao territorio e ao medio ambiente.

Un ano máis, convido a participar na celebración do Día da Patria a todas as persoas que queren unha saída xusta da crise, a todas as que levan Galiza na cabeza e no corazón, porque hai moitas maneiras de sentirse galego, de sentirse galega e todas son necesarias para construír a Galiza con futuro que desde o BNG aspiramos a liderar, desde a humildade, pero con toda a ambición de País.

A celebración deste 25X coincide co 40 aniversario do Parlamento galego, a casa de todos os galegos e as galegas, moito cambiou Galiza nestas catro décadas, mais hai algo que non mudou: somos unha nación con lingua e cultura propias, cunha idiosincrasia que nos fai diferentes e únicas. Nin mellores, nin peores. Simplemente galegas e galegos. Plurais, con conciencia nacional e con orgullo do noso. E desde ese orgullo, animo a todos e a todas a conmemorar este Día da Patria, sabendo que son moitos os retos que temos por diante, pero sabendo tamén que somos un gran País con xente honesta e traballadora capaz de gañarmos o futuro.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito