Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Coren retoma a posta a punto da súa planta de xeración de biogás

Permite aproveitar e valorizar os residuos orgánicos do Centro de Procesado Avícola

En aplicación dunha política enerxética baseada nocoidado medioambiental, a eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovables, a cooperativa Coren levou a cabo a construción dunha Planta de Dixestión Anaeróbica no Centro de Procesado Avícola (CPA) de Santa Cruz de Arrabaldo (Ourense). A súa a posta a punto reactívase agora despois da ralentización sufrida con motivo do confinamento pola crise do coronavirus. Trátase dunha iniciativa pioneira no sector agroalimentario cárnico en España e das máis novidosas de Europa en xeración de biogás, unha fonte de enerxía limpa.

O proxecto promovido pola cooperativa presidida por Manuel Gómez-Franqueira supuxo un investimento de 3.565.890 euros e contou cun apoio da Consellería de Industria da Xunta, a través do Inega, de un millón de euros, dentro das liñas de axuda que a administración autonómica pon a disposición do sector de industria e servizos para promover iniciativas de aforro e eficiencia enerxética.

A instalación permite aproveitar e valorizar os residuos orgánicos do CPA mediante un proceso de dixestión anaeróbica, que consiste nunha fermentación levada a cabo por bacterias anaeróbicas en ausencia de osíxeno. A través deste procedemento, o 85% da carga orgánica do residuo (DQO) transfórmase en biogás (alcanzando unha produción de 9.000m3/día) con unha riqueza dun 70% de biometano, mediante un sistema de control dixital que garante que a máxima eficiencia. Mentres, o 15% de materia restante pasa por un proceso

de compostaxe para transformarse nun fertilizante orgánico rico en nutrientes como nitróxeno e fósforo, perfectamente apto para o seu uso en agricultura.

Con esta planta, evítase o uso de combustibles fósiles e, en consecuencia, lógrase tamén a redución da pegada de carbono. De feito, a instalación evita a emisión de case 5.500 toneladas de CO2 ó ano (o que representa un equivalente a 960 hectáreas de superficie de zona arborada).

Trátase dun exemplo de economía circular polo aproveitamento e uso eficiente de recursos existentes mediante a súa transformación, baseándose nos principios de reutilización, reciclaxe e valorización enerxética.

80 % de consumo térmico con enerxía renovable

··· A construción da Planta de Biogás forma parte do Plan de sostibilidade enerxética e medioambiental de Grupo Coren. No caso do seu Centro de Procesado Avícola, os proxectos que se están acometendo permitirán cubrir con enerxías renovables máis do 80 % das

necesidades de consumo térmico do CPA en 2021. Coren subliña así a súa aposta por consolidar unha produción sostible baseada en enerxías renovables.

18 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito