Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Critican as políticas para a investigación

A Xunta asegura que mobilizou 500 millóns de euros dende 2009 nas tres universidades galegas

“En Galicia estase a maltratar e destruír o tecido investigador existente”, aseguran desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que tamén manifesta que as políticas da Xunta na última década “condenan a Galicia ao atraso económico”.

A agrupación, que naceu hai uns tres anos e está implantada principalmente no campus de Santiago, considera que a crise de 2007 podería supoñer unha oportunidade para mudar o modelo produtivo, para investir en investigación, “mais tornou nun maior atraso científico e investigador que repercutirá na calidade de vida da sociedade galega”, engaden.

Segundo o INE, o destinado a este ámbito na comunidade autónoma sufriu unha importante baixada nos últimos dez anos, situándose por debaixo do 1 % do produto interior bruto (PIB) (ver gráfico superior da dereita).

O colectivo tamén denuncia que “desde o Goberno galego non se avanzou nada por corrixir a fenda de xénero na investigación en Galicia” e recorda que a porcentaxe de mulleres nese ámbito diminuíu progresivamente na última década, “sendo mulleres menos de 4 de cada 10 persoas investigadoras”.

Neste sentido, desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, recordan que moitas das súas convocatorias de investigación “dan preferencia aos proxectos presentados por mulleres.

No que atinxe ao investimento, asegura que “Galicia foi quen de manter, durante toda a crise económica, o seu apoio á investigación universitaria, tanto individual, grupal e supragrupal”, e engade que dende o ano 2009 mobilizáronse ao redor de 500 millóns de euros para manter e desenvolver as estruturas investigadoras das tres universidades.

O departamento que encabeza Carmen Pomar afirma que arredor de 1.900 investigadores desenvolven a día de hoxe a súa actividade nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) con apoio da Consellería.

“O modelo galego de investigación universitaria, xa consolidado”, aclara Educación, “sitúa a Galicia entre as cinco primeiras comunidades do Estado en apoio a esta actividade”.

A maiores, a Consellería ven de confirmar unha liña de financiamento estable dos Centros de Investigación para o período 2019-22 incorporando unha serie de melloras ás axudas para a súa acreditación e financiamento que supón unha inxección de 20,5 millóns de euros para este período o que significa o maior investimento público realizado ata o de agora, asegura o departamento, no sistema científico universitario galego (máis do 66 por cento con respecto á anterior convocatoria en termos relativos).

O obxectivo, di a Xunta, é “avanzar nunha estrutura de investigación universitaria máis sólida e competitiva no eido internacional, que repercuta nunha maior atracción de talento por parte das universidades galegas”.

29 jun 2020 / 22:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito