Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Denuncian a ocupación ilegal con eucaliptos de máis de 80 hectáreas

Os ecoloxistas de Adega presentaron máis de cen denuncias ante a Xunta logo do anuncio da moratoria a novas plantacións // Lugo é a provincia máis afectada

O anuncio por parte da Xunta dunha moratoria ou paralización temporal das novas plantacións de eucaliptos en Galiza tivo o efecto contrario ao perseguido e comenzou unha vaga de plantacións desta especie antes da entrada en vigor dela, según denuncia a asociación ecoloxista Adega. Así, ao non ir acompañada dun instrumento normativo que regule a súa aplicación, sen medidas de sanción e sen o necesario reforzo de recursos económicos e humanos, especialmente do corpo administrativo de vixilancia e control contra as cortas e as plantacións ilegais, provocou unha nova vaga eucaliptizadora no país.

Adega explica nun comunicado de prensa este martes, o mesmo día en que entrou en vigor o novo Plan Forestal de galicia 2021/2040, que esta nova febre do eucalipto afecta ás provincias de Ourense e Lugo, con esta última como a máis prexudicada, ao ser zonas onde aínda se manteñen masas forestais autóctonas e bosques de especial valor ambiental e patrimonial. Os concellos con máis problemas de eucaliptización nos últimos meses son, según aseguran os ecoloxistas, Baralla, A Fonsagrada, Antas de Ulla, Castroverde e Palas de Rei., explica.

Os seus montes de autóctonas foron parcialmente cortadas, a feito e de xeito indiscriminado, para reconvertelos en eucaliptais. Cortas, na maioría dos casos, ilegais xa que non contan coa autorización preceptiva e incumpren a Lei 7/2012 de Montes.

CAMPAÑA DE DENUNCIA Adega dá conta dos primeiros resultados da súa campaña de denuncia contra plantacións ilegais, que intensificou desde o pasado mes de abril, tras a vaga eucaliptizadora provocada Pola moratoria. “Malia procurar entre os seus obxectivos a redución dun ridículo 5% da superficie ocupada con eucalipto para 2040, tanto a moratoria como o novo Plan Forestal semellan estar provocando o efecto contrario”, indica nunha nota, polo que a asociación fixo un chamamento á cidadanía para que lle trasladasen información sobre presuntas plantacións ilegais de eucalipto, cortas de bosque autóctono ou ocupación de terras de cultivo irregulares efectuadas con esta especie invasora.

Nestes seis meses de campaña recibiron “máis de 230 avisos sobre infraccións cometidas no eido forestal, dos que máis de 200 son denunciables e teñen que ver coa plantación indiscriminada ou irregular de especies do xénero Eucalyptus no noso territorio”, explica. Delas Adega asegura ter presentadas ante a Consellería de Medio Rural da Xunta e demais organismos competentes “máis de 100 denuncias sobre plantacións, cortas e cambios de cultivo en parcelas que infrinxiron a normativa forestal, e nalgúns casos, tamén a normativa medioambiental, a de augas ou a de patrimonio”.

200 CAMPOS DE FÚTBOL Máis da metade dos avisos de infracción chegaron en abril, inmediatamente despois do anuncio da moratoria, o que demostra que, acompañado da ausencia de vixilancia e control por parte das autoridades, aumentou o problema.

Até a actualidade, a asociación presentou na Xunta “máis de 100 denuncias que atinxen á transformación irregular de máis de 80 hectáreas (ha) de bosque ou de cultivo en eucaliptal, o que equivale a máis de 197 campos de fútbol de superficie ocupados ilegalmente por esta especie foránea e invasora”. O que constata “a falta de control e vixilancia que houbo por parte da Xunta no monte galego tras o anuncio da moratoria do eucalipto, e como esta contribuíu a promover a infracción das normas en materia forestal, á aumentar as agresións ao medio ambiente e á superficie destinada á agricultura e gandería, as cales teñen cada día un acceso máis difícil á terra”, explica Adega.

NO 60 % SUBSTITÚEN MONTE AUTÓCTONO POR EUCALIPTAIS Así pois, das parcelas denunciadas até hoxe,” o 40 % corresponde a plantacións de eucaliptos sobre solo de uso agrícola e pastos e o 60 % restante, a cortas a feito de masas de bosques autóctono, en moitos casos carballeiras”. A meirande parte delas, efectuadas en parcelas menores de 5 ha. Alén disto, a asociación denuncia que un 15 % das plantacións afectan a algún curso de auga ou a zonas de dominio público hidráulico, e un 10%, a elementos do patrimonio cultural, “polo que tamén foron denunciadas ante o organismo con competencia”.

En canto ao ámbito territorial máis afectado, o 83 % das denuncias presentadas corresponden á provincia de Lugo, onde se incrementou especialmente a eliminación de bosque autóctono para a súa posterior eucaliptización, “especialmente nos concellos lucenses de Baralla, A Fonsagrada, Antas de Ulla, Castroverde ou Palas de Rei”.

DOUS DE XULLO, ENTRADA EN VIGOR DA MORATORIA Os ecoloxistas galegos indican que tras a entrada en vigor da moratoria, o 2 de xullo pasado, seguiron recibindo avisos sobre ilegalidades e “moito nos tememos que tampouco a entrada en vigor do novo Plan Forestal de Galicia 2021-2040” terá efecto disuasorio. Din que son conscientes de que o número de infraccións é moito maior ao denunciado polo que animan aos galegos a seguir facéndoo. O formulario de denuncia forestal pódese atopar na páxina web de Adega ou directamente na seguinte ligazón: http://bit.ly/denunciaforestal.

máis control
Piden que se cumpran as leis

··· Desde a asociación ecoloxista Adega reclaman á Xunta que actúe de oficio, “demostrando con feitos a súa teórica vontade de frear a expansión do eucalipto, cumprindo escrupulosamente coa Lei de Montes, de Biodiversidade e de Patrimonio Cultural, e coas súas funcións de control e vixilancia fronte a este tipo de infraccións”.

··· Así mesmo, requírenlle ao Goberno autonómico que “cumpra coa Lei de Transparencia e de acceso á información pública e ambiental, pola que está obrigada a informar a Adega sobre o destino que obteñen todas e cada unha das denuncias presentadas”.

··· Neste senso, lembran á Xunta que “o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) dáballe a razón a Adega fronte a pretensión da Xunta de ocultar información relativa a expedientes sancionadores sobre plantacións ilegais”.

··· Esta é unha alusión á decisión do TSXG, de xullo deste mesmo ano 2021, no que ratificou a sentenza do Xulgado do contencioso-administrativo nº 2 de Lugo, polo que se admite a demanda de Adega contra a resolución de Medio Rural que lle denega ser parte interesada en dous procedementos sancionadores relativos a plantacións ilegais de eucaliptos no concello de Begonte. Un fallo contra o que non cabía recurso.

27 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.