Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Deputación e Ventonoso, pola eólica comprometida

A Deputación da Coruña colabora coa Asociación Vento Noso no programa de asesoramento sobre a implantación de parques eólicos dirixido a propietarios afectados e a poboación do rural da provincia coruñesa. O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o de Vento Noso, José Antonio Diéguez, asinaron o convenio que achega 64.387 euros públicos a este colectivo, o 80 % do custo total desta prestación. Na firma, González Formoso destacou o “importante labor que fai Vento Noso na defensa dos intereses e dereitos das persoas propietarias de terreos afectados por estes proxectos” e fixo fincapé na necesidade de que “os parques eólicos teñen que respectar á veciñanza e as empresas deben ter un compromiso social con Galicia, revertendo os beneficios e impulsando o emprego no territorio”.

O servizo desenvolvido por Vento Noso coa colaboración da Deputación inclúe accións dirixidas a informar á poboación xeral, ás persoas propietarias afectadas e aos colectivos veciñais sobre a instalación de parques eólicos a través de conferencias. Así mesmo, tamén se inclúe o asesoramento para presentar alegacións, e tamén en materia técnico-xurídica no caso das persoas directamente afectadas nas súas propiedades pola instalación do parque e os seus elementos auxiliares: subestacións eléctricas, pistas ou liñas de evacuación e interconexión. O equipo de Ventono Noso facilitaralles datos sobre temas como o marco de adxudicación da potencia eólica en España, procedementos administrativos, lexislación eólica, impostos e taxas aplicables, impacto dos parques, canon eólico ou negociación coas empresas, entre outros.

Con esta subvención, o ente provincial dá apoio á súa vez á xestión documental e informativa da páxina web de Vento Noso, que conta con información centralizada sobre o desenvolvemento destes parques na provincia.

Galicia conta na actualidade con máis de 186 instalacións eólicas, estando previsto que esta cifra se multiplique seguindo as directrices de descarbonización das fontes de xeración de enerxía eléctrica da Unión Europea.

Mentres tanto, segundo sinala a Asociación Eólica de Galicia, estímase que as transferencias en forma de pago de alquileres aos propietarios do terreos eólicos é duns 11 millóns de euros ao ano. Esta cifra representa só un 1,81% da facturación dos parques e apenas uns 1.571 euros por hectárea ocupada en concepto de pago anual.

“Nun contexto coma este, é importante que a poboación conte con toda a información sobre esta fonte de enerxía, que debe implantarse dun xeito respectuoso co medio e coa poboación que habita nel”, sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

04 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.