Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ferrol, 67: mulleres da Pysbe en loita

As traballadoras da planta de bacallau rebeláronse hai 52 anos contra a suspensión de contratos // Ánxela Loureiro e Enrique Barrera relatan esta historia

Cobraban 3.000 pesetas ao mes, tiñan que comer ás escondidas, ouriñaban por un tubo... E as aprendices estaban obrigadas a asistir a reunións da Sección Feminina da FE-JONS. Así traballaban as 230 mulleres da Pysbe: a planta de comercialización de bacallau instalada en Ferrol. Naceu en 1919 en Pasajes (Guipúzcoa). En 1945, nunha posguerra necesitada de peixe para alimentación, creouse a segunda fábrica na cidade galega. Pero en 1967, presentouse un expedente de rescisión de contratos. Foi entón cando se rebelaron as operarias, coa axuda dos compañeiros de Bazán. Aquela loita saldaríase con manifestacións, oito feridos por cargas policiais, redadas pola acción dos delatores e un xuízo con 14 persoas (tres acabaron en prisión). E serve como outro precedente do 8-M, con 230 mulleres que padeceron primeiro a precariedade e despois a represión.

Nos últimos anos da ditadura, Ánxela Loureiro sacou uns libriños clandestinos que abordaban a historia de Pysbe e da Peninsular Maderera (outra empresa da época). E os seus datos foron rescatados no Traballo e Solidariedade na Peninsular Maderera e Pysbe, a cargo do profesor Enrique Barrera Beitia. Tamén Voces da Memoria, Con Ollos de Muller (última obra de Loureiro) fai un trazado polo movemento feminino en Pescaderías y Secaderos de Bacalao de España S.A, entre outros episodios. Destaca a María de los Ángeles Rivera Torres, xulgada polo Tribunal de Orde Pública. Xunto con 13 traballadores de Bazán, foi detida durante as protestas do 13 de abril do 67 (xusto tras anunciarse a suspensión de contratos). Resultou ferida, con outras catro mulleres e tres homes. No xuízo, o psiquiatra Roca Alcalde presentaría un certificado conforme "padecía tolemia transitoria" para así reducir a condena. Finalmente, recibiría unha pena de seis meses por insultos á forza armada e lesións.

Segundo o libro de Barrera, "ao saír do cárcere da Coruña, a Pysbe non quería volver a coller a María de los Ángeles pero entrou polas presións das traballadoras". En 1969, decidiu marchar a Francia, "estaría 20 anos en París, primeiro como criada nunha casa e os últimos 13 anos nun hotel". Ángeles Rivera viña dun entorno familiar republicano e de esquerdas, "que de noite escoitaba Radio La Pirenaica". A loita feminina conseguiría manter a fábrica ata 1973. De todos modos, continuaría a represión. A dirección considerou que 150 operarias traballaban a baixo rendemento, e sancionou a dez con suspensión de emprego e soldo.

Durante anos, moitas non foron dadas de alta na Seguridade Social para aforrar cotizacións. Elas non o sabían: "Cando acudían ao médico de cabeceira, o despois alcalde socialista Jaime Quintanilla Ulla, dábanse conta de que non tiñan cotización... algunhas con 15 anos de traballo, só tiñan 10 cotizados".


O apoio dos compañeiros de Bazán O xornalista Henrique Sanfiz é un dos estudosos do conflito, como Loureiro ou Man Castro. E no libro de Barrera, Sanfiz relata a importancia naquelas reivindicacións do 67 de destacados sindicalistas como Rafael Pillado e Julio Aneiros, "que estenderon o movemento antifranquista a Bazán, logran montar a Comisión Obreira de Pysbe, e tamén entran en contacto con Fenya e outras empresas". Rafa Pillado resultaría ferido nas manifestacións. E sería xulgado con Aneiros naquel proceso do verán do 68. Finalmente, quedarían absoltos xunto con outros dez compañeiros. O máis duro para eles dous chegaría o 10 de marzo do 72, con torturas e prisión.

23 jun 2019 / 21:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito