Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Economista, avogado e politólogo

Manuel Blanco Desar: “Hai que resistir custe canto custe. Se hai vida, hai esperanza”

{ Santiago de Compostela, 1965 } O último libro de Manuel Blanco, 'Fuxir de Proxeria', é unha novela distópica que xira arredor do descenso demográfico, un dos máis tratados polo autor, quen xa publicou outros documentos centrándose tanto no territorio galego coma no nacional. Mañá presentará o seu novo título en Negueira de Muñiz, o concello con menos poboación da comunidade (218 habitantes).

    Sobre que aspectos xira o seu libro máis recente, Fuxir de Proxeria?

    Fuxir de Proxeria é unha novela de intriga ambientada a finais deste século e centrada no plan de fuga duns mozos asoballados pola xerontocracia, na que se cruzan dúas historias de amor: unha entre a parella protagonista, Carme e Daniel, que se quere con cega paixón, e outra de patriotismo ou matriotismo.

    Todo converxe no embarazo de Carme e nas presións que soporta para que aborte canto antes, co fin de ceibarse do control dun Goberno dominado polos intereses das persoas maiores, e que só ve á escasa xente nova coma un salvavidas para aguantar uns anos cara a ningures. Neste senso, Proxeria pensa nos novos.

    Cales foron as súas motivacións á hora de escribilo?

    Levo anos reescribindo a novela. Hai tempo, enredando cun dos meus fillos nun parque, observei que a maioría das nais, logo do traballo asalariado, seguían traballando polo futuro do país, coidando a quen encarna ese futuro, sen que ninguén llo agradecese nin recoñecese. Dinme conta que o verdadeiro patriotismo hoxe é o matriotismo: dar vida nova ao país, xa non dar a vida por el, nin moito menos envolverse na bandeira.

    Que buscaba conseguir coa súa publicación?

    Ver cara onde nos leva que morran máis compatriotas que os que nacen para encher os ocos que aqueles deixan.

    Axexei nese futuro e mete medo, en especial para os nenos que hoxe non teñen voz nin voto, pero que padecerán as consecuencias desta infecundidade consensuada entre as elites da clase media.

    Á vez, búscase reflexionar sobre por que hoxe vai ter fillos unha muller, cando o máis doado e útil para ela é non telos. De feito, se isto non muda de xeito radical, eu non podería pedirlle a ningunha rapaza que fose nai. Ao contrario, non llo aconsello. Neste contexto só as parvas ou as matriotas o son, e logo son discriminadas por unha sociedade individualista que se aproveita do seu sacrificio.

    Cales están sendo os resultados recollidos polo seu libro?

    A novela vai ben e está tendo boas críticas, aínda sendo unha obra pensada para a vida adulta dos que hoxe son nenos. De feito, nunha entrevista recente pedíalle ás futuras nais que a mercasen para gardala baixo chave e regalarlla aos fillos cando xa fosen maiores.

    Dentro de trinta ou corenta anos comprobarase se esta distopía, por desgraza, atinou. Espero non facelo. No fondo a boa distopía, como o 1984 de Orwell, aspira a quebrar a inercia social que conduce ao futuro que albisca.

    Mañá irei presentala a Negueira de Muñiz, porque ese futuro xa está alí: 218 almas, cero nacementos, cero escolas. Hai que resistir custe canto custe, porque mentres hai vida tamén hai esperanza.

    A que cre que se debe o descenso demográfico de Galicia?

    Hai tantas explicacións como grupos sociais. Habitualmente fálase de causas laborais. Ben, debera ser certo, pero daquela por que a xente con bos traballos fixos tampouco ten fillos ou so ten un? Por que non adoptan algún dos millóns de orfos que hai no mundo para facer del un cidadán máis?

    Os máis lúcidos entre os traballadores precarios ven isto e prantexánse como vai ser que eles teñan unha parelliña cando os de enriba, que poden ter máis, non a teñen, puidendo ter tres ou máis rapaces sen grandes problemas.

    No fondo isto é como o que acontecía a principios do século XX nas guerras coloniais: os señoritos expoñían o seu presunto patriotismo no casino, mentres pagaban para non ir eles ou os seus herdeiros á guerra. Mandaban aos proletarios, no senso latino do termo.

    Como cre que se podería reverter a situación que padece na actualidade a comunidade galega?

    Cando cada un faga o seu exame de conciencia social en público. Hai pouco conseguiuse que os defraudadores fiscais non se gaben de defraudar ás necesidades colectivas. Predicar co exemplo é algo que non está de moda, pero é a única prédica congruente.

    Non podes afirmar que queres ao teu país cando non lle das continuidade en función da fortuna e saúde dos que gozas. Non hai nación sen nacementos, nin patria sen pais, nin país sen paisanos, nin irmandade sen irmáns.

    En Proxeria case ninguén ten irmáns, e só uns poucos teñen un. De aí que os novos queiran liscar. Só hai egoísmo e miseria ética, e os que non deron vida pídenlle logo aos novos que dean a súa por eles.

    A receita clásica, en troques, é a que deseñaron De Gaulle e Alfred Sauvy, na Francia afundida de 1945, pero hai que ser francés para entendela.

    { A PREGUNTADO MILLÓN }QUE BUSCABA CONSEGUIR CON ESTE LIBRO?

    Ver cara onde nos leva que morran máis compatriotas cós que nacen para encher os ocos que aqueles deixan. Á vez, búscase reflexionar sobre por que hoxe vai ter fillos unha muller, cando o máis doado e útil para ela é non telos. De feito, se isto non muda de xeito radical, eu non podería pedirlle a ningunha rapaza que fose nai. Ao contrario, non llo aconsello.

    "Fuxir de Proxeria fala do control dun Goberno dominado polos intereses das persoas maiores e que ve a xente nova coma un salvavidas"

    "O futuro mete medo, en especial para os nenos que hoxe non teñen voz nin voto, pero que padecerán as consecuencias"

    12 ago 2019 / 22:11
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito