Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ante as denuncias de recortes por parte da CIG-Ensino, a Consellería di que son variacións habituais en cada curso e lembra que se están a celebrar oposicións con preto de 4.000 prazas e que a oferta do ano que vén inclúe outras 1.600

A Consellería de Educación precisou, ante críticas sindicais que aluden a recortes, que o sistema educativo galego perdará o ano que vén arredor de 4.000 alumnos nos ciclos de Infantil e Primaria e que “malia este descenso demográfico, a Xunta de Galicia segue apostando polo reforzo e estabilización das plantillas de profesorado”. Lembra así que neste momento estanse a celebrar as oposicións de educación con preto de 4.000 prazas. “E xa está convocada unha nova oferta de emprego para o ano que vén con outras 1.600”, engade.

“A pesares de que perdemos alumnado todos os anos, seguimos consolidando as plantillas de profesionais”, puntualizan fontes do departamento de Educación, que subliñan ademais que unha vez rematado un curso, cando se prepara o seguinte, todos os anos se producen peche de unidades, apertura de outras ou agrupamentos en función do número de alumnos matriculados. “Son variacións habituais que non afectan á calidade do ensino”, din.

Aclaran ademais que este ano a Xunta non vai pechar ningunha escola unitaria e que únicamente está prevista a fusión de dous colexios: un en Begonte, por decisión do Concello para mellorar a súa oferta educativa; e outro en Mazaricos, froito da perda de alumnado, unha decisión que tamén foi consensuada co propio Concello, según explican na Consellería.

As mesmas fontes precisan que calquera outro cambio obedece a modificacións de matrícula. E lembran que o vindeiro curso non hai cambios no protocolo covid de Primaria determinado polos Ministerios de Sanidade e Educación, polo que se manterán os grupos burbullas. “Polo tanto, non cambia nada neste sentido en relación coa contratación de profesorado”, engaden.

Educación lembra, por outra banda, que as ratios están reguladas pola lei estatal de educación e non cambiaron nin coa pandemia nin coa aprobación da lei Celaá. Son 25 alumnos por aula en Infantil e Primaria e 30 en Secundaria, polo que “Galicia non só cumpre estas ratios, senón que as mellora”.

Na actualidade, salientan no departamento que dirixe Román Rodríguez, Galicia conta coa mellor ratio alumno/profesor de España xunto a Estremadura (9,2% fronte á media estatal de 11,3%). Ademais, o 70% das aulas de Infantil e Primaria da comunidade teñen 20 alumnos ou menos e o 30% teñen 10 alumnos ou menos.

As denuncias dos sindicatos

O vindeiro curso académico haberá recortes, ou ben no profesorado ou ben coa supresión de aulas, en case trinta centros de Educación Infantil e Primaria de Galicia. Así o denuncia este martes o sindicato CIG Ensino, que advirte de que esta cifra podería ser todavía máis alta porque os datos ainda son incompletos. “Sen dúblida irán moito máis alá cando a finais de mes se coñeza a foto fixa final do peche de aulas e de perda de docentes”, apunta o sindicato, que critica que a Consellería diga que as supresións son “decisións técnicas” motivadas pola caída da matrícula e por unhas condicións de resposta á situación sanitaria “que os propios cargos políticos que asesoran ao goberno fixan”.

Según a información da CIG, a supresión de aulas ou profesorado está xa confirmada nos centros de Infantil de Primaria (CEIP) San Marcos (Abegondo), A Maía (Ames), VIlarrodís (Arteixo), Praia Xardín (Boiro), Portofaro (Cambre), Sagrada Familia (A Coruña), Salgado Torres (A Coruña), Isaac Díaz Pardo (Culleredo), Recimil (Ferrol), Areouta (Fisterra), Pontecarreira (Frades), O Coto (Negreira), A.D.R. Castelao (Ordes), Flavia (Padrón), Santa María (As Pontes), Serra de Outes (Outes), Deán Grande (Ribeira), Palmeira (Ribeira), A Igrexa-Calo (Teo), Princesa de España (Verín), Folla Respino (Vilamarín de Valdeorras), A Pedra (Bueu), A Pastora (Cambados), Dr. Suárez (Fornelos de Montes), N. Sra. do Carme (Marín), CEP Altamira (Salceda de Caselas), CEIP Nº 2 (Tui) ou CEIP Frián-Teis (Vigo). Son, por agora, 28 centros nesta listaxe.

Ademais de aulas tamén pecharán centros completos no rural, según a información do sindicatos maioritario entre o profesorado galego, que fai alusión expresa ao CEIP Baamande de Begonte ou ao Pino de Val de Mazaricos. No caso do CEIP Areouta, no Sardiñeiro (Fisterra), a Consellería de Educación pretende, apunta CIG Ensino, agrupar a todo o alumnado de Primaria (17 alumnos de 1º e 6º), “un auténtico despropósito”.

O sindicato fai alusión ao caso concreto do colexio de Cao, en Teo, no que se vai suprimir un aula a pesar de que hai informes que apuntan que un 10 % dos rapaces teñen necesidades educativas de apoio específico. “Esta situación é, como sabe a propia Consellería, habitual en máis centros”, subliña a central nacionalista, que advirte de que o vindeiro curso ainda transcurrirá en plena pandemia e con moitas incertezas. “Que se faga sen ter conta a necesidade do alumnado, mais tamén do profesorado, despois das dificultades e esforzos deste curso, deixa ben ás claras a falta de sensibilidade da Consellaría coa educación e co ensino público en particular”, conclúe.

13 jul 2021 / 10:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.