Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Empeza a nova promoción do programa de estímulo ao talento matemático

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, destaca a iniciativa como “a mellor oportunidade para afondar nas vocacións STEM para os alumnos aos que vos gustan as ciencias” // Nesta nova edición participan 30 alumnos de 12, 13 e 14 anos, que realizarán diversas actividades, entre elas un campamento matemático que comeza este sábado

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de inauguración da 14ª promoción do programa ESTALMAT-Galicia, un programa que sinalou como “a mellor oportunidade posible para aqueles alumnos que queredes afondar na vosa vocación matemática, que vos gustan as ciencias e queredes seguir descubrindo máis neste eido que tantos retos vos propón”. Nun acto celebrado na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou a importancia das competencias STEM e da matemática, “unha disciplina cada vez máis fundamental en todos os sectores produtivos, incluíndo a economía, a cultura ou mesmo a sanidade”. Neste sentido, animou os participantes a gozar da experiencia, “actuando con responsabilidade, con visión de conxunto e pensando en cada día ser mellores”. “Tedes antes vós algúns dos meses máis apaixonantes das vosas vidas”, rematou.

No acto de apertura, ademais do conselleiro, participou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e a decana da Facultade de Matemáticas e Presidenta do Programa, a profesora Elena Vázquez Cendón. ESTALMAT-Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia e da Universidade de Santiago de Compostela, entre outras institucións, e é un programa avalado pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de España. O seu obxectivo é estimular o talento matemático en rapaces, nesta promoción 10 alumnas e 20 alumnos 12, 13 e 14 anos. A primeira das actividades desta edición consiste nun campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella, en Vilarmaior, que supón unha toma de contacto entre os participantes nun ambiente lúdico-matemático.

Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde o ano 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados de cada un dos dous vindeiros cursos académicos. ESTALMAT-Galicia mantén tamén o programa ESTALMAT PI, dirixido a manter o contacto un ano mais con actividades impartidas en 12 sábados do curso. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nos círculos normais do ensino e da familia.

25 sep 2021 / 14:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.