Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Esencias permanentes

Catedrática de Lingüística xeral da USC

Hai unha grande parte de cousas na vida que son figuracións. Coma fantasías e soños de forte devezo. Mais conforme vai pasando o tempo, todos imos colidindo e estampándonos nas miraxes. Ilusións rotundas para o amor, para a amizade, para sermos libres, para vivir felices, que sen dúbida van peneirando as circunstancias e as persoas, e que nos dan de fronte en segundo que contextos. O que se vén chamando «relativizar» amorna e case que esvae aspiracións tan folgadas. Non é chegar á parálise escéptica nin á mirrada revirada, mais paseniño os degoros en máximos van sendo arelas algo definidas.

Nesa dinámica de irmos recompondo os fallos de conceptos excesivos, e das azacotadas ensoñacións, van emerxendo amodo esencias que nos dan perfil e identidade, sen sabelo con consciencia son enxertos nos que prendemos. Non é o que nos venderan ao por maior, senón o que nós mesmos imos xerando en pingas de vida de seu.

Está a esencia do rixo de nais que sementan e regan no nabal, e que tamén fan o xantar na casa. Que dan boa vida porque senten devagar e teñen curiosidade. Exemplos de verdadeira intelixencia adaptativa desde ben cedo. Avoas que quizais teñen distancia en tempo nas lecturas e nas conversas cos netos, mais que sempre atinan no relevo das súas reflexións. Que seguen comentando «Penso que non chega o viño» para pedir, de xeito mitigado e sen dicilo, que vaias á bodega. Mulleres do rural que non perden a forza interior de seren e que achan satisfacción no achegado.

Está a cerna da raizame veciñal de amizade afondada en anos de labores e necesidades compartidas de vendimas, podas, rozas, colleitas, enfermidades e continxencias. Ou en lerias cotiás de necesaria convivencia. Os veciños, da casa son. Abofé que as segundas nais e esoutros tíos e irmáns que son os do lado, marcan o sentidiño e o cimbrar nas costumes familiares vedadas ou impostas. As marxes para a afouteza e a liberdade son máis amplas na casa dos veciños, dan facilidades para transitar os carrouchos cheos de pedras na senda necesaria que se contén no dito «Matar ao pai». Cadaquén faise e individualizase sobre todo nas casas alleas.

Tamén fican os xeitos xenuínos de estar e de ter pousos no natural, de respecto e coidado polas contornas e polos produtos de preto. Coa certeza de que as fragas, os montes, as leiras, os ríos e o mar, nos fornecen con fiúza do preciso. No noso propio medio de país aldeán, ou como dirían os de fóra, de gañáns apoucados e indecisos, está o equilibrio ecolóxico e a confianza do saudable. A liberdade segura, que semella pequena mais que no tempo será cada vez máis grande, de sermos rurais e mariñeiros. Sen servidumes de globalizacións enganosas que priorizan os abaneos urbanos e a comida procesada de multinacionais lixo, xa agora mesmo temos aquí soutos de meditación e sosego ben irmandados con xantares de produto fresco. Abonda con mirármonos de seu, sen tallar as árbores, sen prender lumes, e sen cegármonos polo que nos meten polos ollos. Chéganos co que temos.

Os firmes que dan as amizades con raiceiras, os libros e a música teñen tanto poder que con eles viaxamos aos sitios de sempre, e sen paso dos anos, como alimentos de memoria vital que compangan morriñas e proporcionan benestar. Poucas prácticas traen tanta seguridade emotiva como a que proporcionan os encontros, moitas veces excesivamente dilatados no tempo, con xente querida coa que hai conexión: semella que seguimos onde estabamos a última vez que nos vimos. A felicidade de sermos libres de sentir e pensar que transportan a música e as lecturas non admite parangón. Escoitar O entrelazado de Alariz ou a panxoliña do Nadal de Luintra cambia faces e esperta lembranzas. Non hai poema máis acaído que o «Spiritual» de Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra) para embebermónos de liberdade. Non sen razón o titularon os do grupo Aguaviva no ‘67 na súa canción en castelán como «Canción del hombre libre», e ás claras está nesa emocionante versión de Budiño-Tosar «Hoxe canto en libertá» (Sotaque, 2013).

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito