Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Falece o edil de Marín ferido no incendio de Pontevedra o domingo

A nave, do Grupo Nogar, non dispoñía nin de licenza municipal nin de métodos de extinción

O traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSOE en Marín que o domingo sufriu queimaduras de gravidade no incendio dunha nave en Ponte Sampaio (Pontevedra) que segundo indican dende o Goberno local, non tiña licenza municipal, faleceu na madrugada deste mércores debido á gravidade das lesións.

Benito González Dopazo, o operario de 59 anos, foi o máis grave do tres feridos neste voraz incendio ocorrido nunhas instalacións onde se almacenaban sementes, e tivera que ser derivado á unidade de queimados do Chuac con queimaduras de terceiro grao no 85% do corpo.

Tras a nova da seu falecemento, o concello de Marín, do que era edil polo PSOE, convocou un pleno para decretar dous días de loito, nos que se suspenderán todos os actos institucionais e oficiais.

O lume en Ponte Sampaio, orixinado preto das tres
da tarde nunha nave anexa á antiga fábrica de Pontesa, obrigou a activar o domingo o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), e o martes os bombeiros aínda acudían até o lugar para arrefriar a zona dado que aínda afloraban peque-
nos focos pola calor acumulada debaixo dos materiais.

Asemade, onte quedaba aínda “algún conato latente” que impedía falar dunha total extinción, pero debido á contaminación presente por amianto na zona, a Inspección de Traballo non permitía intervir nin aos bombeiros, nin á Policía Xudicial nin á Científica.

A presencia de amianto no teito da infraestrutura obrigou, de feito, a estudar a posibilidade de confinar á poboación no caso de que se estendese o lume e, con el, a nube tóxica, pero finalmente non foi necesario.

Sen licenza municipal. O alcalde do Concello de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou onte en declaracións aos medios, que a nave non contaba con licenza municipal e que “esta empresa e os propietarios terán que responder ante unha ilegalidade manifesta”. Asemade, o executivo local acordou enviar oficios á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Xunta de Galicia, e a Costas do Estado para reclamarlles o cesamento completo de actividade e a reposición da legalidade nas instalacións de Pontesa situadas en terreos de dominio público marítimo-terrestre.

Logo de transmitir o pésame pola perda deste veciño de Marín á súa familia e compañeiros, o alcalde de Pontevedra cargou contra a empresa que operaba nestas instalacións --aínda que sen identificar expresamente o Grupo Nogar-- asegurando estar “altamente sorprendido”.

“Pensei que unha empresa que ten un prestixio e que tiña entendido que era unha empresa seria. Logo resulta que tiña unhas instalacións sen ningún tipo de garantías nin de licenza onde se produciu un accidente”, expresou.

Lores destacou que en Pontesa “había risco para as persoas, para os traballadores e mesmo para a poboación xeral”, e recalcou que, alén da presencia de amianto, “non había nada”: “Era unha nave na que non había nin hidrantes, nin ningún outro método de extinción e estábase xogando cun risco para a poboación e para os traballadores”.

Autorización expresa da Xunta. Así mesmo, o alcalde reiterou que a administración local “descoñecía” esa situación “porque non houbo unha petición de licenza nin de autorización”, se ben apuntou que, neste caso, “interviñeron distintas administracións”, dado que a nave si contaba con licenza da Xunta para almacenamento de gran. “Iso está posto en coñecemento de quen ten que estar posto”, sentenciou.

Ao respecto, o Consistorio solicita a apertura do expediente sancionador contra o Grupo Nogar, ao entender que, aínda que existía esa autorización expresa da Xunta, a empresa que xestiona a nave debeu solicitar a licenza municipal de actividade.

10 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito